Marcos Pérez Pena

Unha ducia de plans para gozar do outono en Galicia

O pasado luns comezou o outono, tempo de follas secas, de castañas e cogomelos, tempo de viño novo e de chuvias. Unha estación moi especial que é o momento de facer certos plans e festexos que só teñen sentido nesta época do ano. Velaquí unha ducia de propostas e de citas culturais para gozar do outono galego.

  1. 01

    Unha escapada para gozar do mellor do outono

    Galicia ten recunchos marabillosos para facer unha excursión ou unha viaxe de fin de semana en calquera momento do ano. En outono, por exemplo, o Courel loce en todo o seu esplendor, amosando as súas moitas cores. Nada mellor que pasar un par de días percorrendo os seus camiños, devesas, vales e tesos cumes. Na imaxe, a vista dende o Castro da Torre, en Sobredo (Folgoso do Courel).

  2. 02

    Tempo de vendima

    O outono é tempo de vendima, especialmente o mes de setembro e tamén outubro. Son moitas as adegas que no comezo dos traballos abren as súas portas e poden ser visitadas polas persoas interesadas neste proceso. E, en todo caso, é unha boa oportunidade para visitar algunha das comarcas vitivinícolas por excelencia, como a Ribeira Sacra.

  3. 03

    San Froilán

    Dicía Alvaro Cunqueiro que no outono galego non hai "festa máis cabal nin días máis fermosos" que os do San Froilán. A cita atrae todos os anos a milleiros de persoas, que se achegan á cidade de Lugo para comer o polbo, montar nas atraccións e pasear polas barracas, ver os concertos e pasear por unhas rúas ateigadas de festa. Ese ano os festexos esténdense dende o 4 ao 12 de outubro.

  4. 04

    Amal

    Do 21 ao 25 de outubro Santiago acolle unha nova edición da Semana de Cine Euroárabe Amal, unha cita xa clásica en Compostela, que permite ver algunhas interesantes novidades cinematográficas e que este ano está marcado polo xenocidio de Gaza. 

  5. 06

    Feira de Santos de Monterroso

    O 1 de novembro celébrase en Monterroso a Feira de Santos, un evento que se vén celebrando na vila lucense dende a Idade Media. Unha "feira das feiras" que todos os anos recibe máis de vinte mil persoas que percorren uns 850 postos de venda. 

    A feira celebrou hai uns anos o seu 800 aniversario, posto que algunhas fontes sitúan a súa orixe no ano 1450, pero outras atopan o seu inicio dous séculos antes, no 1219.

  6. 07

    Apañar castañas para o magosto

    O outono é tempo tamén apañar castañas (e de comelas). O magosto tradicionalmente organizábase ao redor do 1 de novembro, aínda que acabou por trasladarse en moitos lugares ata o 11 de novembro, Día de San Martiño. 

    A festa adoitaba realizarse ao redor da recollida das castañas, e tamén destaca nela o consumo de chourizos e outros aproveitamentos do porco, ao coincidir co tempo no que tradicionalmente se mataba o porco.

  7. 08

    Procurar cogomelos

    Tamén é o momento de apañar cogomelos, que estes días agroman no monte, animados polas chuvias desta estación. Hai que coñecelos, iso si. En todo caso, é unha excusa perfecta para facer unha excursión pola fraga ou para apuntarse a algunha das sáidas micolóxicas que organizan varias entidades en distintos puntos de Galicia.

  8. 09

    Cineuropa

    Novembro é tamén o mes por excelencia do cine en Compostela: é tempo de Cineuropa e de pasar horas mirando algúns dos filmes máis destacados do ano, ademais dalgunha sorpresa. A 39ª edición de Cineuropa comezará o 10 de novembro. Veña, que no cine non chove!

  9. 10

    Culturgal

    Nos últimos días de novembro chegará o Culturgal, un ano máis no Pazo da Cultura de Pontevedra, que o 28, 29 e 30 se converterá no centro da cultura galega. Un espazo para atoparse e para descubrir o mellor da produción cultural do país en todas as súas modalidades.

  10. 11

    Outono Gastronómico

    Dende hai anos casas de turismo rural de Galicia organizan o Outono Gastronómico, unha iniciativa pola que dende o 19 de setembro ata o 21 de decembro se pode acudir a un amplo número destes establecementos para gozar de menús especialmente escollidos e nunha fermosa contorna natural. Pódese, por suposto, pernoctar no lugar, e hai casas que ademais ofrecen outras actividades para gozar da natureza.

  11. 12

    Unha exposición

    O outono pode ser un bo momento, por exemplo nalgún día de chuvia, para visitar algún museo ou exposición. Na Coruña o Museo de Belas Artes acolle ata o 14 de decembro a mostra A barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo, ademais dun ciclo de conferencias sobre Maruja Mallo.

    Tamén na cidade herciulina, a Fundación Barrié celebra dende o 10 de outubro cunha exposición o 150 aniversario do nacemento de Fernando Álvarez de Sotomayor.

    Na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela pódese ver aínda a exposición Castelao. Mirar por Galicia