Algunhas fontes sitúan a súa orixe no ano 1450, pero outras atopan o seu inicio dous séculos antes, no 1219. Ese ano o rei Afonso VIII de León e Galicia concedeu en Monforte ao mosteiro de Sobrado dos Monxes o pedaticum do sal vendido en Monterroso dúas semanas antes do 1 de novembro
Este martes 1 de novembro Monterroso acolle, como é tradición, a súa Feira de Santos, un evento que se vén celebrando na vila lucense dende a Idade Media. A "feira das feiras", como destacou hai uns días a alcaldesa de Monterroso, recibirá máis de vinte mil persoas que percorrerán uns 850 postos de venda, ademais de realizar as habituais paradas para degustar as racións de polbo, elementos centrais do evento, xunto coa feira de gando.
Algunhas fontes sitúan a súa orixe no ano 1450, pero outras atopan o seu inicio dous séculos antes, no 1219. Ese ano o rei Afonso VIII de León e Galicia concedeu en Monforte ao mosteiro de Sobrado dos Monxes o pedaticum do sal vendido en Monterroso dúas semanas antes do 1 de novembro, o que documentaría nese momento o inicio do encontro comercial.
Este luns Instituto de Estudos Ulloáns organiza un acto de conmemoración deste 800 aniversario
Este luns Instituto de Estudos Ulloáns organiza un acto de conmemoración deste 800 aniversario que terá lugar a partir das 19 horas no salón de actos do Centro sociocultural de Monterroso. O acto, coordinado pola filóloga e historiadora María José Gómez Alvite, comezará coas intervencións de Rocío Seijas, alcaldesa de Monterroso, e de Francisco Pardo, director do Instituto de Estudos Ulloáns, seguidas da lectura dun fragmento da Crónica Compostelana e de textos de Otero Pedraio, Manuel Amor Meilán, Darío Xohán Cabana, Miguel Yebra Varela, Antonio Xiz Ramil e Lorenzo Varela.
Milleiros de persoas chegarán este martes á vula lucense, onde se instalan 850 postos de venda
A lectura será realizada polos ex-alcaldes Luis Pereiro e Miguel Rico, os concelleiros Eloy Pérez e Rocío Díaz, as profesoras Marisa Madriñán e Marta Saavedra, o escritor Xosé Luis Santiso e o historiador Jesús Otero Pereiras. O poeta Toño Núñez, o músico José Miguel G. Miguélez e o actor Brais Gayoso interpretarán no acto obras do romanceiro galego.
A feira só deixou de celebrarse en 1918 pola epidemia de gripe e en 2020 pola pandemia de COVID-19
En todo caso, a Feira de Monterroso, sempre nesta data, vén celebrándose de forma ininterrompida dende a Idade Media. Houbo apenas dúas excepcións documentadas, ambas as dúas relacionadas con pandemias de enfermidades de elevado contaxio. A primeira foi en 1918, pola epidemia de gripe, e a segunda en 2020 polo COVID-19. O pasado ano supuxo o regreso á normalidade na celebración da feira, que este ano recupera por completo a súa vitalidade.
A vila de Monterroso sitúase nunha antiga encrucillada de camiños que confluían desde diferentes puntos das costas galegas e dirixíanse cara a Astorga, Zamora ou Portugal
A vila de Monterroso sitúase nunha antiga encrucillada de camiños que confluían desde diferentes puntos das costas galegas e dirixíanse cara a Astorga, Zamora ou Portugal. Isto motivou que nese punto xeográfico xurdira un comercio espontáneo cun gran poder de convocatoria, onde chegaban comerciantes, tratantes e xentes de toda a península. A feira, declarada festa de interese turístico de Galicia no ano 2011, ocupa tamén un papel protagonista na cultura popular e no cantigueiro: "se ti viras o que eu vin, alá arriba en Monterroso; vinte e cinco xastres xuntos, a cabalo dun raposo".