Sábese (máis o menos) o que pasou pero non as causas exactas do sucedido. Practicamente todas as posibilidades seguen abertas, aínda que si se descarta xa algún tipo de accidente ou problema técnico ou algún "estraño fenómeno meteorolóxico"
Algo pasou o luns ás 12:33 horas do mediodía. De súpeto, en apenas cinco segundos, nunha sucesión de eventos en cadea, desapareceron do sistema 15 GW de produción -unha cantidade moi notable, o 60% da demanda existente naquel momento en todo o Estado-, provocando un desacople entre xeración e demanda que fixo que a frecuencia se mantivese por debaixo dos valores seguros, sen que os sistemas de seguridade fosen suficientes, producíndose a apagada.
Sábese (máis o menos) o que pasou pero non as causas exactas do sucedido. Practicamente todas as posibilidades seguen abertas, aínda que si se descarta xa algún tipo de accidente ou problema técnico, coma un incendio nalgunha subestación. Ou algún "estraño fenómeno meteorolóxico", como algunha voz apuntou nos primeiros momento.
Red Eléctrica Española, a empresa que xestiona o sistema eléctrico no Estado (e na que o Estado ten un 20% da súa propiedade a través da SEPI), desbota tamén que se producise algún ciberataque ou hackeo, aínda que o Goberno central non descarta esta opción, que expertos en ciberseguridade do Ministerio de Defensa seguen a investigar. A explicación máis plausible é a dun fallo no operativo de Red Eléctrica, cuxos sistemas de seguridade deberían estar preparados e ser suficientes para enfrontar situacións coma esta, pero non foi así.

"Temos que partir da base de que non existe un sistema infalible e que poden fallar", di Pablo Álvarez, que di que "ás veces non somos conscientes da complexidade do sistema eléctrico e vemos con normalidade o ter luz nos fogares"
Pablo Álvarez, técnico de Unión Renovables Coop, destaca en conversa con Praza que "imos coñecendo os detalles para determinar o motivo do fallo, pero toca saber quen o ocasionou. Neste sentido, están abertas todas as hipóteses plantexadas". Falamos con el xusto despois das conversas que mantivo con outras cooperativas enerxéticas do Estado.
Álvarez sinala que "temos que partir da base de que non existe un sistema infalible e que poden fallar" e comenta que "ás veces non somos conscientes da complexidade do sistema eléctrico e vemos con normalidade o ter luz nos fogares".
"É común que se abran debates onde se confrontan intereses económicos ou ideolóxicos dentro dunha actividade como a do mercado enerxético", di Pablo Álvarez sobre as voces que cargan a responsabilidade nas renovables ou no peche de centrais nucleares
Que pasou, pois? O luns 28 de abril foi unha xornada aparentemente normal en canto a xeración e consumo. A xeración era elevada, asentada principalmente en fontes renovables (sol e vento), con apoios das centrais hidroeléctricas, nucleares e de queima de gas. Nas horas posteriores ao grande apagamento xurdiron moitas voces interesadas que puxeron o foco na excesiva produción renovable en España e houbo mesmo quen aproveitou para defender o fomento da enerxía nuclear.
"A río revolto ganancia de pescadores... É común que se abran debates onde se confrontan intereses económicos ou ideolóxicos dentro dunha actividade como a do mercado enerxético", di Pablo Álvarez, que lembra que "a evidencia é que durante os últimos anos a enerxía renovable está tendo un gran desenvolvemento dentro do modelo enerxético do país e que ningúen pon en dúbida".
Pablo Álvarez recoñece que hai que debater "de que opcións dispoñer como respaldo ao sistema enerxético cando a producción renovable poida ser inestable", un debate no que se intenta introducir "a enerxía nuclear como solución"; porén, subliña que "tamén temos outras novas capacidades como hidróxeno ou almacenamento enerxético". Álvarez apunta unha última idea sobre as opcións da enerxía nuclear: "Se ningún sistema é infalible, tamén un fallo nunha central nuclear podería ser posible e os seus efectos serían peores que un apagamento".
É certo que a enerxía eólica e solar presentan un problema: non son fontes síncronas e polo tanto carecen da capacidade de regular tensión e frecuencia que si presentan a enerxía hidroeléctrica e os ciclos combinados de gas, que serven para estabilizar o sistema
Ademais, cómpre lembrar que o o luns as centrais nucleares ficaron apagadas por seguridade e non puideron acenderse ata o mércores. As nucleares non só non achegaron enerxía ningunha, senón que necesitaron enerxía extra durante o apagamento para evitar danos nos seus núcleos.
É certo que o Estado español é un dos países do mundo que máis enerxía renovable xera, a través de plantas fotovoltaicas e parques eólicos, unha capacidade que nos últimos anos fixo que os prezos da electricidade se mantivesen por debaixo dos doutros países, alimentando un crecemento económico moi por riba da media e permitiu que España non dependese das importacións de gas, como si sucede en boa parte de Europa.
E é igualmente certo que a enerxía eólica e solar presentan un problema: non son fontes síncronas, ao depender de variacións das condicións atmosféricas, e polo tanto carecen da capacidade de regular tensión e frecuencia que si presentan a enerxía hidroeléctrica e os ciclos combinados de gas e, en menor medida, a enerxía nuclear (non tan modulable, pero si moi estable).
Antonio Turiel levaba tempo advertindo de que un problema así podería ocorrer, alertando de que se estaba a permitir unha grande integración de enerxía renovable, sen os necesarios sistemas de estabilización. "Como mercar un coche, pero non instalarlle freos", di
Un dos expertos aos que os medios de comunicación están recorrendo con insistencia nestes días é Antonio Turiel, físico e investigador do CSIC, que levaba tempo advertindo de que un problema coma o que tivo lugar o día 28 podería ocorrer, alertando de que se estaba a permitir unha grande integración de enerxía renovable, que pasaba a ser maioritaria no sistema, sen os necesarios sistemas de estabilización. "Como mercar un coche, pero non instalarlle freos", apunta nun celebrado símil nun texto publicado o martes no seu blog.
O problema deses freos ou sistemas de estabilización é que se trata de elementos custosos e as compañías eléctricas, na procura dun maior beneficio económico, buscaron aforrar ese custo, sen que o Estado fose o suficientemente firme para obrigalas a facelo. "A renovable ten que ir acompañada de sistemas de estabilización. Non facelo é unha grave irresponsabilidade. Pero, por un tema de aforro de custos, é o que veñen facendo as grandes compañías dende hai anos", explica Turiel no artigo.
O problema deses freos ou sistemas de estabilización é que se trata de elementos custosos e as compañías eléctricas, na procura dun maior beneficio económico, buscaron aforrar ese custo, sen que o Estado fose o suficientemente firme para obrigalas a facelo
Un dos mecanismos de seguridade que se poden aplicar é a incorporación de baterías nas centrais renovables para compensar as baixadas de frecuencia. Trátase dunha tecnoloxía cara e aínda non moi eficiente, aínda que está a progresar con rapidez, de xeito que os sistemas de almacenamento son cada vez mellores e máis baratos. Outra forma de almacenamento que tamén está comezando a poñerse en marcha en España son as centrais hidráulicas de bombeo, das que nos vindeiros anos se instalará unha ducia en Galicia.
Ademais deses sistemas de almacenamento de enerxía, que si están a implementarse noutros territorios de forme produción renovable, como Alemaña, Australia ou California, o sistema pode tamén estabilizarse con fontes de xeración eléctrica síncrona, coma as centrais hidroeléctricas (que o luns 28 cumpriron un papel fundamental na recuperación da normalidade) ou os ciclos combinados de gas. O problema o pasado luns é que a maior parte dos ciclos combinados de gas se atopaban en parada, xa que ao haber moita xeración renovable o prezo da electricidade era moi baixo, mesmo en valores negativos, polo que as empresas optaron por ter detidas as súas centrais de gas. De ter estado acesas, ao ralentí, o apagamento podería terse evitado ou, cando menos, a recuperación tería sido moito máis rápida.
"Temos que aprender dos fallos, avaliar e facer melloras no sistema enerxético. As solucións de mellora do sistema pasa por facer unha adaptación do noso modelo de vida e desenvolmento cun modelo enerxético coherente, eficaz e sostible", sinala Pablo Álvarez
Que leccións se poden aprender do sucedido o luns? "Temos que aprender dos fallos, avaliar e facer melloras no sistema enerxético. As solucións de mellora do sistema pasa por facer unha adaptación do noso modelo de vida e desenvolmento cun modelo enerxético coherente, eficaz e sostible", sinala Pablo Álvarez, que tamén lembra que o fomento do autoconsumo e, sobre todo, das illas enerxéticas, serviría para paliar parte dos efectos negativos dunha apagamento: "Se están illados e fóra da rede eléctrica son alternativas para evitar os efectos dos apagóns e poder aforrar no gasto enerxético", sinala.
Álvarez lembra que o sector enerxético tal como está regulado -non só polo Goberno español, senón dende a perspectiva da normativa da UE- non deixa de ser un mercado con intereses económicos e todo o que implica".
Pablo Álvarez sinala que "unha das necesidades que hai enriba da mesa do sector enerxético é a de modernizar o sistema e adaptalo as necesidades actuais"
Pablo Álvarez sinala que "unha das necesidades que hai enriba da mesa do sector enerxético é a de modernizar o sistema e adaptalo as necesidades actuais". Porén, "isto implica ter que investir máis, o que pode facer encarecer máis a factura da luz e é un tema delicado subir o prezo da luz para a cidadanía".
Para Álvarez, "outra reflexión sería si se están empregando ben os cartos que pagamos os nosos impostos en materia enerxética" e engade que "toda está situación vai abrir outra vez o debate a nivel político para darlle resposta a preguntas como 'se o Goberno estivo aplicando un imposto aos beneficios das grandes eléctricas, non se debería destinar a facer investimentos nas melloras da infraestructuras enerxéticas?' ou 'segue a ser necesario dar axudas ás renovables cando é una tecnoloxía que é accesible dende un punto de vista ecónomico?'".
"Investir na mellora do sistema eléctrico é una decisión sobre o uso dos cartos dos nosos impostos", conclúe
"Investir na mellora do sistema eléctrico é una decisión sobre o uso dos cartos dos nosos impostos", conclúe. E pide, neste senso, ter un debate repousado sobre o tema, necesariamente complexo.
Semella difícil que a curto prazo volva ocorrer un apagamento coma o do luns 28. Ao final, como sucede sempre na vida, cando hai un accidente todos os nosos sistemas se activan para evitar a súa repetición. Vímoslle as orellas ao lobo. Por exemplo, estes días as centrais de gas están a funcionar moi por riba do necesario. Isto, ollo, levará a un incremento dos prezos da electricidade. Outra cousa é o que suceda a medio e longo prazo. Varios expertos, entre eles o propio Turiel, advirten de que se non hai cambio estruturais no sistema, obrigando o Estado ás compañías eléctricas a adoptar medidas de seguridade (que reducirán os seus beneficios económicos) o problema podería repetirse.