A Xunta suspendeu colexios e escolas infantís e despois o Estado decidiu manter os centros abertos por conciliación, mentres Red Eléctrica segue investigando as causas sen descartar ningunha hipótese
O apagamento de máis de doce horas rexistrado en boa parte da Península Ibérica entre o mediodía do luns e a madrugada do martes deixará nas próximas xornadas todo tipo de consecuencias ao tempo que se investigan as súas causas, sobre as que Red Eléctrica di non querer especular, pero descarta unha intrusión no seu sistema e fenómenos meteorolóxicos.
De entrada, a Xunta decretou oficialmente para este martes en Galicia a suspensión da actividade lectiva, aínda que despois o Estado decidiu manter os centros abertos por conciliación, mentres que domicilios e negocios deberán revisar as súas neveiras e conxeladores polo deterioro de todo tipo de produtos.
Tras o apagamento masivo arredor das 12.35 do luns, e logo de voltas puntuais da electricidade en lugares concretos da Península, tamén en Galicia, foi ao longo da noite cando comezou a recuperarse a normalidade no subministro. Así, ás 2,50 da madrugada Red Eléctrica daba por recuperado o 82,4% da demanda peninsular e o 99,11% das subestacións de transporte, mentres que ás 5 da madrugada a recuperación da demanda era do 92,09% (18.563 MW) e da totalidade das subestacións. Tamén ao longo da madrugada foron recuperándose as telecomunicacións, que se viron igualmente afectadas. Porén, contra o mediodía deste martes aínda faltaba por recuperarse a electricidade en Touro e parte de Arzúa.
Ás 5 da madrugada recuperárase o 92% da demanda e a totalidade das subestacións
Antes, a última hora da tarde do luns, a Xunta xa decidira suspender a actividade lectiva informando oficialmente ás familias a través da canle dixital do sistema Abalar. Tamén suspendeu escolas infantís, centros de día de maiores e discapacidade e actividades deportivas.
Porén, a primeira hora desta mañá a mesma Xunta comunicou oficialmente ao profesorado que debía incorporarse aos seus postos xa que os centros educativos debían permanecer abertos -sen actividade lectiva nin transporte- para poder atender ao alumnado, unha medida adoptada polo Goberno de España tras pasar a emerxencia a depender del logo de así solicitalo a Xunta. Pola contra, tamén a primeira hora da mañá a Xunta ratificaba que as escolas infantís "permanecerán pechadas", xerando unha considerable desinformación nas familias. [As mensaxes "contraditorias" da Xunta provocan "caos" e "confusión" nos centros educativos].
Un dos argumentos da Xunta para a suspensión de actividades foi a necesidade de priorizar combustibles ante o gasto dos mesmos que supón o transporte a todos eses centros. Combustible que foi fundamental para manter en funcionamento todo tipo de centros críticos, desde hospitais a edificios administrativos, grazas a xeradores eléctricos que agora deberán ser recargados.
Tamén tardará en volver a normalidade ao transporte logo de que quedase paralizada toda a rede ferroviaria, ao igual que os semáforos nas rúas e estradas e todo tipo de sistemas eléctricos nas gasolineiras. [Galicia, sen tren ata a recuperación total da subministración eléctrica].
Pola súa banda, o Ministerio de Traballo informa ás persoas traballadoras de que a lexislación protexe ás persoas que non poidan acudir este martes ao seu centro de traballo.
Xa na mañá deste martes o presidente Rueda, nunha comparecencia sen preguntas, avanzou a súa intención de pedir ao Goberno central que a coordinación da crise en Galicia volvese a mans da Xunta. Fíxoo tras agradecer "a todas as persoas que estiveron traballando" para restablecer a normalidade, incluído "o delegado do Goberno". O presidente tamén asegurou que durante o apagamento non se rexistraron incidencias graves en Galicia. [O apagamento provocou centos de pequenas incidencias en Galicia, sobre todo en ascensores e garaxes]. E sobre as causas do sucedido Rueda dixo que "tempo haberá, todos queremos saber o que sucedeu", ao tempo que apelou a mellorar tamén os protocolos de reacción.