O apagamento provocou centos de pequenas incidencias en Galicia, sobre todo en ascensores e garaxes

Bombeiros na Coruña © Concello da Coruña

Unha das incidencias máis repetidas foi, nun primeiro momento, a vivida por moitas persoas que ficaron atrapadas en ascensores ás 12.32, a hora na que deixou de haber electricidade. Tan só en Vigo os bombeiros tiveron que rescatar máis de 60 persoas

A xornada de onte estivo, por suposto, marcada polas incidencias de todo tipo e emerxencias que se foron producindo por mor da apagada. Ás 14.45 a Xunta activou o Plan de Emerxencias Territorial de Galicia (PLATERGA) co obxectivo de garantir a resposta. O 112 seguiu a operar con normalidade grazas a contar con xeradores e electricidade propios, recomendando que non se chamase ao 112 agás por emerxencias de importancia e non, por exemplo, alertando do propio corte de luz.

Unha das incidencias máis repetidas foi, nun primeiro momento, a vivida por moitas persoas que ficaron atrapadas en ascensores ás 12.32, a hora na que deixou de haber electricidade. Tan só en Vigo os bombeiros tiveron que rescatar máis de 60 persoas. Todas elas foron rescatadas polos servizos de emerxencia, pero debido ao gran número de problemas que se produciron en paralelo, algunhas tiveron que agardar un tempo considerable.

Houbo, ademais, un gran número de casos inundacións en sotos e garaxes en moitas localidades. Na maior parte dos casos, debeuse a problemas no funcionamento das bombas de achique dispoñibles nestas instalacións. En todo caso, ningunha persoa resultou ferida nin necesitou atención médica.

Sede do 112, na Estrada, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

Houbo, ademais, un gran número de casos inundacións en sotos e garaxes en moitas localidades. Na maior parte dos casos, debeuse a problemas no funcionamento das bombas de achique dispoñibles nestas instalacións

Como mostra do volume de emerxencias que se produciu nesas primeiras horas, o 112-Galicia informou que só ata as 17:30 horas recibira un total de 2.399 chamadas, das cales 704 acabaron por converterse en incidencias. Son case o dobre de chamadas e incidencias das que se atenderon e xestionaron o mesmo día do ano 2024, con 1248 e 371, respectivamente.

Durante a tarde, as incidencias máis repetidas tiveron que ver co que o 112 denomina “incidencias de carácter social”, un total de 78. Dentro desta categoría aparecen unha trintena de chamadas e incidencias relacionadas co funcionamento de máquinas de osíxeno, situacións que foron trasladadas ao 061. Houbo, ademais, algúns pequenos incendios nalgúns xeradores eléctricos, acesos para tentar contar con enerxía en determinadas instalacións.

Como mostra do volume de emerxencias que se produciu nesas primeiras horas, o 112-Galicia informou que só ata as 17:30 horas recibira un total de 2.399 chamadas, das cales 704 acabaron por converterse en incidencias

Non se rexistraron excesivos problemas de tráfico en Galicia, agás situacións moi concretas nas entradas e saídas das cidades, sobre todo entre as dúas e a catro da tarde, momento en que moitas persoas regresaron ás súas casas ou se dirixiron a buscar os seus fillos e fillas aos centros escolares. 

A recomendación dos servizos de emerxencias era non realizar desprazamentos que non foran imprescindibles e a suxestión foi seguida por moitas persoas, o que axudou a limitar os posibles problemas nas estradas e rúas. En realidade, había menos tráfico que nun día normal. Non funcionaban os semáforos, unha situación que foi resolta grazas ao bo comportamento de condutores e condutoras, aínda que o problema contribuíu tamén a ralentizar a circulación.

Camión de bombeiros en Vigo CC-BY-SA Contando Estrelas

Non se rexistraron excesivos problemas de tráfico en Galicia, agás situacións moi concretas nas entradas e saídas das cidades, sobre todo entre as dúas e a catro da tarde

Si houbo unha certa alarma na Coruña pouco despois do apagamento, ao ver moitas persoas saír moito fume dunha das chemineas da refinaría. Porén, tratábase dunha situación normal, debida á activación dun sistema de seguridade previsto para este tipo de incidencias.

Cando volveu finalmente a luz houbo tamén algunha incidencia nalgunha vivenda que ás 12:32 horas deixara algunha pota quentando nunha cociña con vitrocerámica. No momento en que volveu haber electricidade o lume reactivouse, producindo un pequeno incendio. Nese momento activáronse tamén alarmas en varias vivendas, o que contribuíu a xerar unha certa situación de caos que foi rapidamente resolta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.