A Xunta activa o Plan de Emerxencias de Galicia e garante a asistencia sanitaria máis urxente grazas a grupos electróxenos
Arredor das doce e media do mediodía deste luns un apagamento masivo deixou sen electricidade a Península Ibérica. Comunicacións, transportes ferroviarios eléctricos, semáforos, fogares e todo tipo de actividades económicas resultaron afectados mentres os servizos críticos seguiron funcionando grazas aos xeradores eléctricos.
Arredor da unha e media Red Eléctrica informou de que comezaba "a recuperar a tensión polo norte e sur peninsular, clave para atender progresivamente o subministro de electricidade". Posteriormente fontes da mesma Red Eléctrica citadas por varios medios de comunicación como infoLibre ou El País situaron entre as 6 e as 10 horas o tempo necesario para restablecer o subministro total de enerxía.
Contra as tres e media da tarde desde Red Eléctrica informaron de que continuaba a recuperación de tensión en subestacións de varias zonas, e contra as catro e media emitiu un comunicado sinalando que xa comezara o subministro a consumidores en varias zonas e que se estaba a priorizar dar tensión a grupos de xeración para que estes a propaguen ao resto da rede. [Red Eléctrica xa comezou o subministro en varias zonas e prioriza dar tensión a grupos de xeración para que estes a propaguen].
A nivel estatal o presidente Pedro Sánchez convocou un Consello de Seguridade Nacional. En Galicia o presidente Rueda informou preto das dúas da tarde, mentres comparecía na rolda de prensa semanal do Consello da Xunta, de que o Goberno galego viña de activar o Plan de Emerxencias de Galicia, inicialmente no seu nivel 2, o que contempla que a emerxencia poida ser atendida con recursos da propia Xunta. O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, desprazouse á sede da axencia de emerxencias de Galicia na Estrada. Fontes do Goberno galego indican que están en contacto coa Delegación do Goberno de España por se fose preciso elevar o nivel a 3, que require recursos estatais.
O presidente Rueda asegurou que a asistencia sanitaria máis urxente segue a funcionar grazas a grupos electróxenos, que tamén están a funcionar na propia sede central da Xunta. Uns xeradores que, engaden, teñen capacidade de seguir funcionando sempre que se lles engada combustible. Porén, outros servizos sanitarios quedaron suspendidos, tanto en hospitais como centros de saúde, ante a imposibilidade de acceder a algúns sistemas informáticos.
Diversas administracións están trasladando á poboación que eviten desprazamentos que non sexan imprescindibles para facilitar así a circulación dos servizos de emerxencias. Tamén se recomenda non colapsar as redes de telecomunicacións. Pola súa banda, o ministerio de Transportes informou contra as cinco da tarde que non é previsible que se volvan prestar servizos ferroviarios de media e longa distancia durante todo o día. Pola contra, os aeroportos galegos seguen a operar grazas a xeradores eléctricos.
[EN ACTUALIZACIÓN]