"Todos estes traballos permitirán recuperar paulatinamente o subministro eléctrico en todo o territorio peninsular"
Red Eléctrica emitiu un comunicado pouco despois das catro e media da tarde deste luns, unhas catro horas despois de iniciarse o apagamento masivo que está a afectar á Península Ibérica, no que sinala que está traballando "de maneira coordinada" coas empresas do sector para repoñer o subministro eléctrico "en todo o territorio o antes posible" tras o "cero enerxético" rexistrado este mediodía.
Segundo Red Eléctrica, "nesta fase dos traballos o obxectivo é achegar tensión aos grupos de xeración para que arranquen e poidan propagar a tensión á rede e resto de grupos". "Xa se recuperou a tensión en subestacións de varias zonas do norte, sur e oeste peninsular empezando a dar subministro a consumidores de ditas zonas", engade. "Todos estes traballos permitirán recuperar paulatinamente o subministro eléctrico en todo o territorio peninsular", remata o comunicado.
Posteriormente, arredor das cinco e cuarto, Red Eléctrica ampliou a información sinalando que xa había subministro eléctrico "en áreas" de Galicia, entre outras comunidades como Asturias, Castela e León, Catalunya, Aragón ou Euskadi.