As enerxéticas e Red Eléctrica usan información confidencial do apagamento para culpárense entre si

Torre de alta tensión nunha localidade galega CC-BY-SA Plan de Ordenación do Litoral / Xunta

Os diferentes actores do sector eléctrico levan dúas semanas lanzándose as culpas sobre a orixe do apagamento que deixou sen luz a 60 millóns de persoas e a miles de empresas. Se a disputa empezou con sutís acusacións, os directivos das grandes eléctricas e a presidenta de Red Eléctrica, Beatriz Corredor, xa se tiran pedras en debates públicos e utilizan información confidencial descontextualizada para eludir responsabilidades. Todo isto, mentres a investigación do Ministerio de Transición Ecolóxica continúa a porta pechada.

Coa investigación oficial baixo segredo, as compañías revelan en público datos internos para desligárense da orixe do suceso do 28 de abril

O último escenario que utilizaron as compañías foi un foro organizado este xoves por CincoDías ao que acudiron os directivos de Iberdrola, Endesa, Naturgy e Rede Eléctrica, e cuxo debate virou ao redor da mañá do 28 de abril, o día do apagamento. O primeiro en disparar foi o conselleiro delegado de Iberdrola España, Mario Ruiz-Tagle, visiblemente enfadado polas declaracións que fixo Beatriz Corredor esta semana nunha entrevista en La Vanguardia nas que acusaba á "xeración tradicional" -a hidroeléctrica, os ciclos combinados e a nuclear- de "non controlar correctamente a tensión".

O executivo da maior eléctrica de España sacou á luz neste foro dous datos daquela mañá que non se fixeron públicos de maneira oficial, pese ao interese público para coñecer a orixe do apagamento. Primeiro, dixo que ese día Red Eléctrica (REE) programou tan só seis centrais de ciclo combinado de gas, a tecnoloxía que máis inercia e estabilidade achega ao sistema. "A partir dese día fixérono ben e non vimos nunca máis seis ciclos. As enerxías convencionais son perfectamente capaces de soportar a inercia, pero hai que prendelas", dixo Mario Ruiz-Tagle.

O conselleiro delegado de Endesa, José Bogás, o seu homólogo de Iberdrola España, Mario Ruiz-Tagle, e a presidenta de Red Eléctrica, Beatriz Corredor, coincidiron nun foro de Cinco Días © infoLibre

Tamén deixou caer outra bomba contra o operador. "Ese día faltou inercia porque temos unha chamada [de REE] rexistrada cinco minutos antes do evento na que nos piden un ciclo combinado. Imaxino que non foi por bonito".

O portavoz de Iberdrola subliñou, ademais, que antes do apagamento a súa compañía levaba días advertindo ao operador da rede (REE) que esta sufría picos de tensión continuos, e se estes avisos se ignoraron, foi por decisión da compañía semipública. "Días antes do fenómeno sufrimos fortes oscilacións e o responsable de amortecelas é do operador", comentou.

Rede Eléctrica deféndese

Red Eléctrica, operador semipúblico do sistema, acusa as enerxéticas de incumpriren coas súas obrigas de regulación de tensión e ocultárenllelo

Beatriz Corredor foi entrevistada minutos despois e debuxou un escenario completamente diferente. Se Iberdrola di que a rede de alta tensión alcanzou niveis altísimos de tensión (case un 20% por riba do normal), Red Eléctrica defende que todos os seus parámetros funcionaban ben antes do cero eléctrico. "Que fallou? Nós somos a columna vertebral e sabemos que estaba ben. Pero as mans e as pernas do sistema son as distribuidoras privadas. E o corazón son as xeradoras, que tamén son privadas", declarou a executiva.

Corredor empezou con esta metáfora, pero despois sinalou directamente ás grandes eléctricas, ás que acusou de incumprir os parámetros de tensión que deben cumprir. Esta normativa ditada pola CNMC obriga a que todas as plantas de produción eléctrica en España garantan o seu funcionamento mesmo en condicións extremas de tensión e frecuencia.

Liña de distribución eléctrica nunha vila galega CC-BY-SA Xunta / Plan de Ordenación do Litoral

"As nosas medicións como operador do sistema dinnos que os operadores tradicionais -a hidroeléctrica, a nuclear e os ciclos combinados- que ás 12.33 horas estaban conectados á rede non tomaron as pastillas para a tensión", dixo continuando coa analoxía sobre o corpo humano. "É dicir, estaban a absorber menos potencia reactiva da que a normativa esixe a eses grupos", explicou, pondo sobre a mesa outro dato até agora descoñecido.

A conclusión de Corredor é que REE programou o día 28 un sistema eléctrico que non era o adecuado porque non sabía que os xeradores os enganaron. "Cando o cerebro fixo os seus cálculos de seguridade, contou con que este señor tomara as pastillas e que todo o mundo cumpría cos parámetros".

Algunhas destas informacións coñecéronse nos últimos días a través de filtracións á prensa, pero ningunha delas se soubo polas canles oficiais. A ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, lidera a investigación principal do Goberno sobre o suceso, e cando compareceu no Senado e o Congreso só fixo unha cronoloxía do ocorrido o día 28, pero sen apuntar ao responsable.

As compañías eléctricas quéixanse de que só teñen os datos internos que eles mesmos recompilaron esa mañá, pero non poden acceder aos de Red Eléctrica que, con todo, si ten dereito a reclamar a todas as empresas do sector os datos brutos que considere. As grandes compañías cren que supón dar acceso prioritario á información a un dos posibles responsables, aínda que así o contempla a lei, como subliñou Corredor este xoves.

Gráfico da demanda de enerxía eléctrica no sistema peninsular durante o 28 de abril © REE

"Quero aclarar que Red Eléctrica ten a obriga de solicitar datos de todos os actores do sistema, e iso supón que temos que ter a máxima confidencialidade. Dar os datos suporía ter que rozar que datos poden dar información dun competidor para que non prexudiquen a un ou a outro", dixo a directiva do operador.

José Bogás, conselleiro delegado de Endesa, a segunda eléctrica de España, tamén aproveitou para cargar contra a compañía de Beatriz Corredor, aínda que con menos vehemencia. Sinalou, por exemplo, que en 2023 caeron 2.000 megawatts de xeración por un fallo na central nuclear de Ascó "e corrixiuse", dando a entender que Rede Eléctrica puido resolver un fallo similar no pasado. 

Bogás desvelou tamén nova información: que Red Eléctrica cambiou minutos antes do apagamento o modo de operación dun dos cables con Francia, de corrente alterna a continua, para poder absorber frecuencia de Europa e equilibrar a rede peninsular, aínda que non o conseguiu.

Á xornada acudiu tamén Francisco Reynés, presidente executivo de Naturgy, a terceira eléctrica con máis clientes, pero mantívose moito máis comedido que os seus socios e só pediu tempo para que os expertos analicen o sucedido. "Con 1.000 millóns de datos hai que dar certo tempo. E coa granularidade dos datos que nos piden vemos que están a ir a causas moi raíces. Respectemos as investigacións", apuntou.

A pesar das duras acusacións que se cruzaron, todos os empresarios coincidiron en que é necesario baixar o ton da discusión, que xa ninguén oculta. Ruiz-Tagle, de Iberdrola, dixo que non quería converter o apagamento nun circo. "Non queremos entrar en polémicas de ningún tipo, pero temos unha reputación que imos coidar", dixo o directivo. Tamén aproveitou para liberar culpas ao futuro responsable do suceso. "Quero deixar claro que ser responsable non significa ser culpable, hai que separalo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.