"O apagamento pode ser contemplado como un ensaio xeral do que virá nun mundo cada vez máis dependente de sistemas fráxiles e privatizados, o que reflicte a nosa vulnerabilidade crecente como sociedade hipertecnoloxizada"
O sociólogo Ulrich Beck definiu a sociedade moderna na que vivimos como a ‘sociedade do risco’. Mentres se van despexando as causas do apagamento na Península Ibérica deste luns, 28 de abril, semella que o colapso total da electricidade é un evento máis susceptible de repetirse do que podiamos pensar. “Precisamente, o apagamento pode ser contemplado como un ensaio xeral do que virá nun mundo cada vez máis dependente de sistemas fráxiles e privatizados, o que reflicte a nosa vulnerabilidade crecente como sociedade hipertecnoloxizada”, razoa a socióloga María José Andrade Suárez, profesora na área de Socioloxía do Traballo na Universidade da Coruña.
Cada quen pasou o día dunha maneira, a fenda social das persoas máis vulnerables fíxose notar de novo con forza, mais dentro do malo as horas sen electricidade pasaron sen graves incidentes na maioría do territorio. Mentres moitas persoas procuraban como encher as horas que nun luns normal dedicarían ao traballo, a compañía de teatro do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por An González, vivía unha experiencia na que “a arte estivo por enriba de todo”.
Este grupo de teatro universitario lucense atopábase en León para pechar a xira coa obra Voilà cando marchou a luz no Teatro del Albéitar. “Pasamos sete horas nun parque pensando que estabamos en León e que nos volveríamos coas mans baleiras, pero ao final conseguimos representar a obra. Houbo preto de corenta persoas de público, que para ser xusto ao remate do apagamento [a electricidade regresou a León ás 19h] non está nada mal, e foi un pouco raro porque todas viñamos de ter o corpo estraño pola situación que se estaba vivindo a nivel xeral. Pero tapamos toda esta odisea cun pouquiño de cultura e de arte, e foi bastante emocionante”, conta Andrea Maseda, unha das actrices.
Para María José Andrade o apagamento revelou que cando a enerxía falla, o emprego paralízase. “É o que chamamos ‘traballo desmaterializado’: unha arquitecta que non pode abrir o AutoCAD, un comercio sen TPV, unha profesora ou profesor sen Zoom... Vemos que a pantalla deixa de ser un ‘medio’ e pasa a ser o lugar onde existe o traballo. E sen ese lugar, sen esa tecnoloxía, o emprego evapórase”, argumenta a socióloga, quen incide en que “parece que non podemos sobrevivir nin traballar sen correo electrónico ou videochamadas, e que somos incapaces de producir valor se non hai wifi; aínda que sigamos tendo ideas, voz e mans. Todo depende de estar conectados e, precisamente, a caída da rede eléctrica lembrounos que somos algo máis que algoritmos produtivos”.
"Quen celebrou o apagamento? Aqueles que teñen traballos estables e que puideron permitirse non contestar aos correos electrónicos durante un día", sinala María José Andrade
Para moitas persoas a apagada deste luns supuxo un descanso inesperado e unha desconexión forzada, pero trouxo consigo alivio e, incluso, alegría. “Que di isto do modelo de traballo que construímos?”, pregúntase a socióloga da UDC, quen apunta a que a “verdadeira revolución tras o apagamento non é a idea de que debamos estar sempre conectados, senón poder decidir cando, como e para que”. Pois, é que só descansamos cando algo racha (ou colapsa) é que algo está moi mal deseñado.
Andrade é contraria a “caer na romantización do apagamento”, pois a ledicia e o alivio que se viviron este luns agochan múltiples desigualdades. “É o que se pode chamar ‘privilexio do desconectado’. Quen celebrou o apagamento? Aqueles que teñen traballos estables e que puideron permitirse non contestar aos correos electrónicos durante un día. Que pasa cos repartidores en bicicleta? Cos coidadores de persoas dependentes ou de persoas conectadas a equipos médicos? Esta xente viviu o apagamento case como unha ‘ameaza exitencial’.
“Creo que esta aparente liberación é un paradoxo: desde o eido laboral moitos celebraron a desconexión como un respiro do hipercapitalismo dixital. Este colapso reproduce e agrava xerarquías sociais xa existentes. Para uns foi un día festivo forzado, mentres que para outros supuxo un día sen ingresos e esa subsistencia depende dunha conectividade que nin controlan nin está garantida”, expón a socióloga.

María José Andrade incide en que “máis alá da produtividade existe a presenza, a vida fóra das pantallas”. Neste sentido, o psicólogo especializado en adicións Antonio Rial Boubeta considera que hai unha dobre lectura do apagamento. Por un lado, é unha “oportunidade para decatarse de que hai xente que realmente se sente descolocada e cunha sensación de estrañeza porque a inmensa maioría da poboación a día de hoxe, novos e non tan novos, convivimos dunha maneira máis ou menos adaptada coas redes sociais e as tecnoloxías”.
“É certo que cada vez hai unha presencia maior das pantallas nas nosas vidas, pero iso non significa que a inmensa maioría da poboación, independentemente da idade, teña unha adicción ou sinta ansiedade; pois son cousas demasiado serias. A maioría da xente o que experimentou é certa estrañeza, porque efectivamente te descoloca: non tes un móbil para comunicarte nin para ocupar o tempo”, agrega o profesor de Psicoloxía Social na área de Ciencias do Comportamento da Universidade de Santiago de Compostela.
"A maioría da xente o que experimentou é certa estrañeza, porque efectivamente te descoloca: non tes un móbil para comunicarte nin para ocupar o tempo", di Antonio Rial Boubeta
Hai xente que está afeita a consultar Instagram, Facebook ou determinadas redes sociais cada dez ou quince minutos, ou a entrar en Google para consultar cousas, e non o puido facer. “Iso non quere dicir que a esa xente sinta ansiedade, e moito menos unha sintomática aditiva”, asevera Antonio Rial.
Por outra banda, o profesor da USC considera que na maioría dos casos, o que si que xerou o apagamento foi “unha fantástica oportunidade para facer outras cousas e verse obrigado a encher o tempo doutra maneira”. “Penso que foi unha fantástica oportunidade para darse conta de que non pasa absolutamente nada e que hai unha morea de opcións para as que o ser humano si está programado. Polo tanto, a avaliación foi claramente positivo. Bendito sexa o apagamento, que nos permitiu decatarnos de que na inmensa maioría dos casos non hai esa dependencia, senón que rapidamente buscamos alternativas”, celebra.
Como experto en adiccións, Antonio Rial Boubeta aclara que a porcentaxe de rapazada cunha adicción á tecnoloxía é moi baixa, pero hai unha porcentaxe maior que fai un uso problemático da mesma. Co apagamento viuse o camiño para axudar a que estas rapazas e rapaces non cheguen a desenvolver unha adicción que remate por afectar á súa saúde mental: proporcionarlles alternativas de lecer ricas, variadas e atractivas que non dependan exclusivamente da tecnoloxía.

A incerteza vivida co apagamento conectounos co que pasamos durante a pandemia da COVID. A coordinadora do Grupo de intervención psicolóxica en catástrofes e emerxencias (Gipce) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Ana María Núñez Rubines, salienta a sorte de que este evento tivera lugar en primavera, cando as horas de luz chegan ata o serán, e nun día solleiro na maior parte do país.
Dende o Gipce non recibiron ningún aviso na xornada do 28 de abril, pero están a preparar unha sorte de ‘kit de emerxencias emocionais’ para que a xente dispoña de recomendacións para circunstancias deste tipo, nas que é frecuente sentir certo bloqueo polo aluvión de emocións distintas que poden aparecer. “Queremos lanzar consellos para a poboación para estes estados de alarma”, explica Ana María Núñez.
"Todo ese malestar que xorde dentro de ti nese momento no que os teus plans se ven alterados é normal, non é nada patolóxico", explica Ana María Núñez
Entre esas recomendacións destaca que hai que estar informados, pero non sobreinformados. “É bo ter a radio de fondo e que nos aporte informacións puntuais de como está indo a situación, pero non temos que estar pendentes da radio todo o día, pois esa sobreinformación crea –en moitas ocasións– un malestar maior. Ao final, nos medios –neste caso, na radio– estamos a escoitar testemuñas de xente que está vivindo experiencias puntuais que para nós se van sumando ata que acabamos desbordados. Se imos con todo iso na cabeza para cama é normal que non sexamos quen de coller o sono, temos demasiada activación dentro. Temos que limitar a información á que accedemos”, detalla a psicóloga e, cando o fagamos, que sexa información oficial e contrastada, non o que conta a xente pola rúa nin nesas mensaxes reenviadas por redes.
Na medida do posible, recomenda manter as rutinas porque “nos aporta unha sensación de control sobre a nosa vida”. Se ben é certo que co apagamento moita xente quedou sen posibilidade de cociñar na casa ou quentar a comida, a busca de recursos alternativos axuda tamén a aguantar a situación de alarma. Con todo, a psicologa incide en que “todo ese malestar que xorde dentro de ti nese momento no que os teus plans se ven alterados é normal, non é nada patolóxico, é a reacción do noso organismo a unha situación inesperada que altera toda a nosa vida”.
Como tamén apunta Antonio Rial Boubeta, a coordinadora do Gipce sinala que aquelas persoas que ven prolongado ese malestar durante varias semanas, ou perciben que se intensifica, é cando deberan recorrer a algún profesional para consultar por que se mantén ese nivel de ansiedade no seu interior, pois “cando non facemos caso das emocións, o corpo avisa”. Á parte, Ana María Núñez destaca a importancia de compartir esas emocións, de “apoiarnos na xente que temos ao noso arredor: a familia, as amizades, a veciñanza, etc. para darlle saída a ese malestar que estamos tendo porque iso sempre nos desafoga e provoca que o malestar vaia diminuíndo”. Para a socióloga María José Andrade a pregunta agora é: “Que faremos cando volva a luz? Porque esta escuridade pode ser útil para iluminar moito máis que mil pantallas ou que mil bombillas acesas”.