Eloxio da radio: a voz amiga que sempre está aí

Dial radiofónico CC-BY-SA rawpixel

Sucedeu unha vez máis. Sempre que ocorre algún evento inesperado, en momentos de caos, cando todo o demais falla, a radio sempre está aí

Sucedeu unha vez máis. Sempre que ocorre algún evento inesperado, en momentos de caos, cando todo o demais falla, a radio sempre está aí. 

Sen prensa e televisión, ante a ausencia de electricidade e a caída de Internet, cando este luns ás 12.33 todo o país fundiu a negro, a radio emerxeu como salvadora. Non só para ofrecer a información sobre o que estaba a pasar -por que marchou a luz? cando vai volver?-, senón como acompañante ao longo da tarde e da noite de moitas persoas que nese momento necesitaban respostas, pero tamén unha voz amiga, algunha voz, para poñer en común o que estaba a suceder.

O grande apagamento do 28 de abril únese así a outros momentos históricos nos que a radio se fixo imprescindible. Dende a noite do 23-F de 1981 (a noite dos transistores) á recente DANA en Valencia. Dende as emisións de Radio Pirenaica ou o 25 de abril portugués ata os peores momentos da catástrofe do Prestige, a radio sempre ofrece información e conforto. Porque é fundamental que sempre haxa alguén aí.

O grande apagamento do 28 de abril únese así a outros momentos históricos nos que a radio se fixo imprescindible

Este luns os transistores (con pilas) foron protagonistas, tamén os móbiles (con batería cargada) que ofrecen a posibilidade de escoitar a radio hertziana. E, por suposto, as persoas que fan a radio, que un día máis estiveron aí, do outro lado do micrófono e, ademais, sacando eses mesmos micrófonos á rúa, sondando a realidade, recollendo as voces de persoas expertas e de persoas anónimas, o que as fontes oficiais tiñan que dicir e tamén o que contaba o tendeiro da esquina, recollendo chamadas, sons, testemuñas, mensaxes de medo e mensaxes de ánimo.

Non só para ofrecer a información sobre o que estaba a pasar -por que marchou a luz? cando vai volver?-, senón como acompañante ao longo da tarde e da noite de moitas persoas que nese momento necesitaban respostas, pero tamén unha voz amiga, algunha voz

Son moi impactantes as imaxes que este martes se están a publicar de grupos de persoas escoitando a radio en comunidade nalgún barrio. Nalgúns casos grazas a algún veciño que dende algunha fiestra ou balcón subiu o volume para que toda a veciñanza -moitas persoas non dispuñan de transistores a pilas ou de móbiles con radio- puidese ter acceso ao que se contaba. En Galicia foi sobresaliente o traballo dos e das profesionais da Radio Galega, que durante a tarde achegaron á cidadanía o que sucedía nos distintos puntos do país.

Eu mesmo pasei a tarde cun auricular pendurado da orella, procurando primeiro algún tipo de dato sobre o que estaba a pasar. Dende logo, ata que non escoitei ese primeiro boletín informativo non atopei tranquilidade. E, despois, continuei todo o día movéndome polo dial (ata esRadio me valía!), recibindo esas imaxes sonoras coas que o apagamento foi moito máis fácil de sobrelevar.

Pasan as décadas (a radio celebrou recentemente o centenario da súa primeira emisión en España e os 90 anos do seu comezo en Galicia), aparecen novos medios de comunicación e novos soportes e a radio permanece, multiplícase e reinvéntase. Sempre está aí.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.