A primeira hora da mañá, e logo de que a práctica totalidade de Galicia recuperase a subministración eléctrica e as telecomunicacións, a aplicación Abalar que comunica os centros educativos coas familias difundía varias veces unha mesma mensaxe. A que comunicaba a “cancelación da actividade docente e o transporte escolar” neste 29 de abril. Reproducía así varias comunicacións enviadas, pero en moitos casos non recibidas, desde que ás 20:30 da tarde do día anterior a Xunta decidira “suspender as clases”.
A Xunta suspendeu as clases e o transporte escolar na noite do luns; doce horas despois a Consellería de Educación difundía a través de X e da web, de maneira confusa, que os centros abrirían
Pouco antes das 8:30 da mañá deste mércores, doce horas despois, unha mensaxe no perfil da Consellería de Educación na rede social X (antes Twitter) aseguraba que “aínda que non hai clases nin transporte escolar, os centros educativos permanecerán abertos para que o alumnado poida acudir naqueles casos no que o precise por razóns de conciliación ou similares”.
Contradicía así a mensaxe que se mantiña no Abalar —que non enviou ou non deu difundido rectificación ningunha— e a que moitos equipos directivos e docentes daban de primeira man aos poucos pais e nais que decidiran (se é que se deran informado) levar os pequenos ao centro educativo. “As mensaxes son contraditorias e non sabemos que facer”, era a máis repetida en máis dun colexio ou instituto. Tamén nas escolas infantís, aínda con maior caos segundo varios testemuños.
Porque Galicia solicitara xa o martes a activación do nivel 3 de Emerxencia Nacional xunto a varias comunidades autónomas, asumindo así o Goberno central a xestión da crise enerxética e o Ministerio de Interior a ordenación e coordinación de todos os recursos estatais, autonómicos e locais. As ordes, verbalizadas pola noite mesmo polo presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, foran claras: abrir os centros educativos sen actividade lectiva pero si para acoller a rapazada e facilitar a conciliación.
A activación do nivel 3 de Emerxencia Nacional supuxo a xestión da crise por parte do Goberno central, que indicou a apertura dos centros educativos para a conciliación
Non foi ata a mañá seguinte cando a Xunta difundiu esa mensaxe en X (antigo Twitter) —no perfil da Consellería— e outra no portal educativo web de Educación, no que se informaba, non sen ambigüidade, que os centros permanecerían “abertos para a atención de calquera incidencia, mantendo a suspensión da actividade lectiva e do transporte escolar”. E aclaraba que se facía “segundo instrución recibidas do Goberno central no nivel 3 de emerxencia nacional”, unha situación que levaba horas en vigor.
O termo “incidencia” non era o suficientemente claro como para determinar se iso incluía atender a rapazada. Máis aínda cando desde Inspección Educativa se remitiran informacións aos equipos directivos para comunicar que “ante a suspensión da actividade lectiva”, o profesorado “non ten que acudir aos centros” aínda que os centros, advertía, “deben permanecer abertos co persoal dispoñible para asistir calquera incidencia ou a atención de alumnado que poida presentarse”. “Os equipos directivos organizarán esta atención co persoal que se atope no centro”, reza unha comunicación que chegou aos centros da provincia de Lugo, ante a indignación de moitos que se preguntaban como se ían organizar no caso de que a presenza de alumnado fose masiva. Mentres, outros centros negaban ter recibido información ningunha e indicaban aos docentes que acudisen, nunha especie de autoxestión ante a falta de instrucións claras.
A Xunta comunicaba a poucos minutos do comezo das clases da apertura dos centros "para a atención de calquera incidencia", pero non aclaraba se iso supuña a atención á rapazada
Contra as 10 da mañá, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha comparecencia sen preguntas, xustificaba a suspensión declarada o día anterior ante "a incerteza de non saber cando se ía recuperar" a subministración eléctrica e "baseándose nunha necesidade, naquel momento, de racionalizar o combustible" para o transporte escolar que, lembrou, en Galicia ten "a rede máis extensa" do Estado. "Non obstante, neste momento todos os centros escolares e as escolas infantís están abertas, non para actividades lectivas pero si para aquelas persoas que por necesidade de conciliación teñan que levar os fillos e fillas". "Que saiban que están abertos e haberá esa posibilidade aínda que non se desenvolverá actividade lectiva", dixo.
Non era así. Moitos colexios e a maioría das escolas infantís estaban pechadas. A presenza de cativada non foi masiva ante a “confusión”, a “desinformación” e as “continuas contradicións” que se atoparon profesorado e familias. Os grupos de whatsapp ou Telegram de pais e nais, docentes, aulas ou anpas botaban fume a primeira hora da mañá. A partir de aí, o "caos", como definían moitos. “Varios nenos e nenas colleron o bus escolar, chegaron á escola e deron volta porque ninguén lles abriu”, explicaban desde a comarca do Salnés mentres a Xunta difundía a suspensión do transporte escolar.
“A porta estaba pechada e ninguén nos abriu”, explicaban varias familias. Noutros casos, a entrada dos poucos pícaros que chegaron aos centros tardou de máis mentres os docentes “debatían” que facer. “Non hai instrucións claras, non sabemos...”, explicaban entre chamadas e intentos de aclaración por parte da Consellería e un enfado considerable.
As mensaxes contraditorias provocaron "confusión" e caos; parte do profesorado recibía ordes de Inspección de non acudir mentres noutros centros ordenaban incorporarse
“Abrimos, pero cero informacións, todo contraditorio”, explicaban nun colexio. Noutros, a información aos proxenitores era clara, aínda que errada segundo as administracións: “Hoxe non se abre”. “É unha tomadura de pelo porque isto non se xestionou igual en todos os centros; houbo casos nos que se botou os pequenos fóra”, explicaban desde unha ANPA dun colexio público que advertía das queixas que se estenderían entre numerosas asociacións.
Mentres moitos centros concertados avisaran xa as familias de que estarían abertos aínda que non houbese clase e que mesmo mantiñan o servizo de comedor e as actividades extraescolares, nos públicos as mensaxes mudaban segundo o colexio ou instituto. A maioría abriron pero sen apenas pequenos porque as familias seguían convencidas de que non ían ser atendidos, algúns abrían a “mala gana”, como denunciaron varias familias, e outros mantiñan as portas pechadas. Non poucos.
Tras consulta de Praza.gal, a Consellería de Educación advertía dunha "situación inédita" e "numerosas limitacións nas comunicacións". Admite a emisión dun "Abalar masivo" onte luns "da suspensión da actividade lectiva" e aseguran que se "transmitiu a través das Direccións Territoriais a indicación de continuar abertos, comunicacións que en ocasións puideron non recibirse pola caída da rede".
O caos foi aínda maior nas escolas infantís: a maioría non abriron pero a media mañá o persoal recibiu ordes da Xunta de "retomar os postos de traballo para poder iniciar a actividade"
"A primeira hora de hoxe, unha vez recuperadas as comunicacións, reiterouse cunha comunicación aos centros educativos. Tamén a través do Portal Educativo e das redes sociais", insisten desde o departamento da Xunta, que non aclara por que desde a aplicación Abalar non se difundiu mensaxe ningunha sobre a posibilidade de levar os nenos e nenas ao colexio. "Débese ter en conta tamén que as comunicacións non se recuperaron ao mesmo tempo en toda Galicia, podendo xerarse nos primeiros momentos certa confusión en casos concretos", engaden.
Mentres, a maioría das escolas infantís permanecían pechadas nas primeiras horas. O caos foi aínda maior que no resto de centros. Ao non depender da Consellería de Educación senón da de Política Social, as mensaxes foron aínda máis contraditorias, mesmo obviando que a xestión da crise recaía desde a noite do luns en mans do Goberno central.

Pasadas as 10 da mañá, e coa inmensa maioría de escolas infantís de Galicia pechadas e as familias intentando aclarar a situación, unha mensaxe desde a Xunta a estes centros indicaba ao persoal que tiña que ocupar xa o seu posto.
Actividades extraescolares
“Ante a progresiva recuperación do subministro eléctrico e o avance da normalidade da situación, solicítase ao persoal público das escolas infantís autonómicas que retomen os seus postos de traballo para poder iniciar a actividade do servizo hoxe mesmo se as familias o precisan. Grazas pola comprensión ante esta situación extraordinaria”, explicábase. Máis caos aínda.
Horas antes, a mensaxe ás escolas infantís, Puntos de Atención á Infancia e casas-niño era que "poderán permanecer sen actividade para as familias usuarias na xornada de hoxe, martes 29 de abril" e "ante a imposibilidade de garantir a correcta prestación do servizo".
Política Social asegura que a xornada transcorreu "sen incidentes" e que as escolas infantís "foron reabrindo en función da situación de cada centro e da dispoñibilidade de persoal"
Consultada por Praza.gal, a Consellería de Política Social asegura que "unha vez que Galicia foi recobrando a normalidade desde primeira hora de mañá, as escolas infantís foron tamén reabrindo as súas portas en función da situación na que se atopaba cada centro e da dispoñibilidade de persoal para garantir a correcta atención". "En todo caso, a asistencia ao longo da xornada foi reducida dado que a inmensa maioría das familias optaron por non levar os nenos", aclararon sobre unha xornada que, resumiron, transcorreu "sen incidentes".
Non se libraron nin os servizos de comedor nin as actividades extraescolares. No caso destas últimas, e á vista de que a Xunta decidira “suspender a actividade deportiva federada e a escolar do programa Xogade” para este martes, foron canceladas na súa maioría a primeira hora da mañá. Pouco despois, o Goberno galego avanzaba o levantamento desta suspensión. Cando a maioría de centros ou anpas xa decidiran avisar de que non se celebrarían esas actividades.
Críticas da CIG-Ensino
Por outra banda, CIG-Ensino, sindicato maioritario na educación en Galicia, emitiu un comunicado no que considera "o caos provocado" por mor da crise enerxética "responsabilidade da mala xestión da administración". O sindicato que "as informacións contraditorias deixan de novo as direccións e o profesorado en xeral no abandono habitual nos casos de emerxencias que afectan aos centros".
CIG-Ensino culpa a Consellería do "caos" por "non comunicar correctamente o que se debía facer"
"Non será a CIG-Ensino quen critique que as decisións que se tomen teñan que acertar plenamente; tampouco na faceta da comunicación dado precisamente a dificultade derivada do colapso enerxético. O que si é criticábel é que non exista coordinación entre as diferentes administracións e entre estas e os centros educativos", di o sindicato, que cre que o "caos prodúcese" porque "a Consellaría de Educación non comunica correctamente o que se debe facer".
"Ampararse no goberno central cando foi o propio presidente Rueda quen decidiu ceder a responsabilidade de xestionar a situación é, cando menos, sintomático dunha mala xestión desa cesión de competencias", critica.