"Comezan a recuperarse as circulacións de AVE, Larga Distancia, Avant e Media Distancia" en Galicia, segundo traslada RENFE na tarde deste martes
A comunicación ferroviaria foi a máis afectada polo apagamento. Ante o corte de enerxía, os trens deixaron de funcionar e, de feito, en toda España máis dun cento de vehículos ficaron detidos no medio dos seus traxectos, obrigando aos servizos de emerxencia a rescatar a máis de 135 mil pasaxeiros ao longo do día. No caso de Galicia, un dos AVE de conexión con Madrid ficou parado na provincia de Zamora e os pasaxeiros foron trasladados a esta cidade para pasar a noite, á espera de poder retomar a súa viaxe.
Algunhas estacións, coma a de Santiago, permaneceron abertas durante a noite, para acoller as persoas que o necesitasen, entre elas as que estaban pendentes de coller algún tren.
RENFE decretou nun inicio a suspensión dos servizos de media distancia, alta velocidade e o FEVE, pero pasadas as catro e media da tarde deste martes informou da saída dun primeiro tren de media distancia entre Santiago e Vigo.
"Comezan a recuperarse as circulacións de AVE, Larga Distancia, Avant e Media Distancia", manifesta Renfe. Pouco a pouco, vaise restablecendo a actividade tamén na alta velocidade "en función da recuperación do subministración de enerxía nas liñas e treitos afectados".
A compañía pública informou tamén de que "quen o desexe pode pedir o reintegro ou o cambio [do billete] sen custo"
Porén, nunha comunicación publicada por RENFE ás tres menos vinte desta tarde, a compañía informaba de que todos os servizos AVANT (media distancia) "se están recuperando paulatinamente", coa "excepción de Galicia, onde continúa suspendido". Na primeira hora deste martes si que se retomaron nalgunhas comunidades autónomas algúns servizos de cercanías (dos que Galicia carece).
Nas redes sociais, a compañía pública informou tamén de que “quen o desexe pode pedir o reintegro ou o cambio [do billete] sen custo”. RENFE tamén pediu a quen decida viaxar que “non acuda ás estacións ata novo aviso. Daremos a información con antelación suficiente”.
O resto do transporte, con relativa normalidade
A xornada do apagamento viviuse cunha estraña normalidade no transporte por estrada e tamén nos aeroportos, aínda que varios voos foron cancelados
A xornada do apagamento viviuse cunha estraña normalidade no transporte por estrada; coches e camións circularon polas estradas ao longo do día e mesmo se distribuíu combustible en moitas gasolineiras, aínda que nalgúns casos con algunha limitación de cantidade (por exemplo, un máximo de 30 euros por cliente) e, por suposto, con pagamento en efectivo.
Tamén circularon os autobuses, aínda que neste caso si se produciron algúns problemas nas estacións -que contan con xeradores e equipos electróxenos propios- debido á imposibilidade de asegurar a puntualidade nos horarios e ás lóxicas dúbidas de moitas persoas que se achegaban para preguntar se se mantiña o servizo.
E, igualmente, os tres aeroportos galegos funcionaron ao longo da tarde do luns con relativa normalidade, manténdose a maior parte dos voos. Só nas últimas horas do día se comezaron a producir cancelacións, que se repetiron na mañá deste martes.