Sánchez pide "responsabilidade" con viaxes e chamadas e non descarta ningunha hipótese sobre o apagamento

Sánchez durante a súa comparecencia da tarde deste luns CC-BY-SA Praza Pública

"Debemos facer un uso responsable do teléfono móbil", dixo o presidente, que pide facer só "chamadas breves"

O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, compareceu en directo ás seis da tarde deste luns para informar da marcha do apagamento eléctrico xeral rexistrado desde o mediodía na Península Ibérica. Sánchez comezou asegurando que se está a avanzar no restablecemento da normalidade, con subministros xa retomados nalgunhas zonas grazas ás interconexións internacionais con Francia e Marrocos. Tamén sinalou que se reactivaron as centrais de ciclo combinado e hidroeléctricas "de todo o país".

Sobre as posibles causas do ocorrido Sánchez di que o Goberno segue "sen información concluínte" sobre as mesmas. "Non descartamos ningunha hipótese", asegurou.

O presidente centrouse en todo caso nas recomendacións á poboación mentres non se recupere a normalidade. "Reduzamos ao mínimo os desprazamentos", pediu, ao tempo que apelou a minimizar tamén as comunicacións. "Debemos facer un uso responsable do teléfono móbil", demandou, para evitar que se sobrecarguen as redes de comunicacións e estas poidan garantir as chamadas máis necesarias ou urxentes, polo que pediu facer só "chamadas breves". 

Sánchez tamén dixo que non se rexistraron problemas de "seguridade" relacionados coa situación que se está a vivir. Pero tamén admitiu que "imos pasar unhas horas críticas ata que recuperemos a electricidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.