"Imos esixir as responsabilidades pertinentes aos operadores privados", di Sánchez

Sánchez co rei e Yolanda Díaz no Consello de Seguridade Nacional celebrado na mañá deste martes © Pool Moncloa/Fernando Calvo

O presidente segue sen descartar ningunha hipótese sobre as causas do apagamento e desbota que máis enerxía nuclear axudase na situación vivida

"Evidentemente imos esixir as responsabilidades pertinentes a todos os operadores privados, insisto, imos esixir todas as responsabilidades pertinentes aos operadores privados". Así se pronunciou este mediodía o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, tras unha nova reunión do Consello de Seguridade Nacional para analizar o ocorrido co apagamento eléctrico. Unha comparecencia na que pediu ser "prudentes" e non quixo descartar ningunha hipótese, ao contrario do que fixera previamente Red Eléctrica ao desbotar a posibilidade dun ciberataque. 

Sánchez informou de que o Goberno creou unha comisión de investigación na que haberá expertos en ciberseguridade e decidiu pedir tamén un informe independente á Comisión Europea. E de cara ao futuro avanzou que "se tomarán medidas para que non volva suceder". "Non pode volver a pasar xamais", incidiu.

O presidente tamén indicou que comparecerá no Congreso dos Deputados o mércores da próxima semana, 7 de abril, e que falaría este martes co líder do PP, Alberto Núñez Feijóo. Fronte ás críticas dos populares sobre unha posible demora en comparecer, Sánchez xustificou que "o Goberno comparece en canto ten información, a orde que demos ao operador privado [en referencia a Red Eléctrica] é que comunicase de maneira regular todos os avances que se produciran no subministro enerxético".

Consello de Seguridade Nacional celebrado na mañá deste martes presidido polo rei © La Moncloa

Por outra banda, Sánchez desbotou que o apagamento se debese á falta de enerxía nuclear. Segundo dixo, "as centrais nucleares, lonxe de ser unha solución, foron un problema" e que "con maior dependencia nuclear, a recuperación non sería tan rápida". A recuperación foi posible, segundo Sánchez, grazas ás interconexións con Francia e Marrocos e ás centrais de ciclo combinado de gas e hidroeléctricas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.