Unha ducia de motivos para quererlle ao Xabarín
Esta semana sorprendíanos a noticia de que o Xabarín Club, emblema do entretemento para nenas e nenos en galego, recibía unha nova socia agasallándoa con dous libros escritos en castelán. Non sabemos se, como se pregunta Séchu Sende, teñen secuestrado o porco bravo. Por se así fose, lembramos algúns dos motivos polos que cativos e maiores queremos que volva sendo o mesmo de sempre.
-
01
Os grupos musicais que nos descubriu
Quen, como quen asina, fomos nenas e nenos nos anos 90 non merendamos con Enrique y Ana, nin sequera con Miliky. Máis ben acompañamos o bocata de Nocilla ou os deberes cos Diplomáticos de Monte Alto, Aerolíneas Federales, Heredeiros da Crus, Siniestro Total, Uxía...
-
02
Os sustos que deu
De súpeto, a nena volvía do cole falando galego. Un bo día, no centro da cidade un grupo de rapaces berraban "por fuciños, por cacheiras" e coñecían á perfección o significado de "landra" e insistían na necesidade de ser do "clube da Galega". Vaia susto.
-
03
Doraemon
Se houbo un emblema do Xabarín ese foi Doraemon. O gato cósmico xaponés volveuse un pouco galego a forza de acompañarnos tantas tardes. Agora, pola teimosía da propia CRTVG, só podemos lembrar a súa música, pero non as súas imaxes en galego, que non obstante seguen a ser emitidas na G2.
-
04
Songoku
En máis dunha ocasión os episodios de Bola de Dragón pasábanse de violentos. Non obstante, na súa versión en galego as introducións e remates falaban de agarimarse e, literalmente, de amor. Poucos grupos de amigos e amigas de entre 20 e 30 anos non remataron algunha festa clamando a necesidade de "buscar as bólas do dragón".
-
05
A maxia
Os micro espazos de Manda truco convertíannos, por un anaco, en amantes da maxia. "Pensa coas mans e non cos pés", advertían.
-
06
Quedamos ou non?
Quen non se despediu dicindo que "vai sendo hora de ir para a casa" ou preguntando se "quedamos ou non?". Nunca tanto se cantou un infinitivo conxugado, non en van, "de aquí non marchamos sen quedarmos para mañá".
-
07
Xabarín News
O doutor TNT, o inspector Tomé ou Manolo Romón descubríannos mundos descoñecidos "en rigoroso diferido".
-
08
As camisolas
A camisola que locía o Xabarín na súa primeira época foi un agasallo especial para as socias e socios e, co tempo, converteuse nunha codiciada peza de coleccionista.
-
09
O ben que soa en galego
Probastes a escoitar a Arale, ao doutor Slump, a Doraemon ou a Songoku en castelán?
-
10
Os aniversarios
O día do aniversario había que ir ás présas para a casa e comprobar directamente se o Xabarín cumpría coa promesa de sacarnos pola tele para darnos os parabéns. Sempre cumpría.
-
11
Que se lles foi das mans
Houbo máis dun intento para evitalo, pero a estas alturas o Xabarín xa é patrimonio das galegas e dos galegos. Foi un poderoso instrumento de normalidade e, se cadra, por iso agora está un chisco recluído.
-
12
O seu instinto de supervivencia
Pasou de ser o becho máis mimado da televisión pública a tentar facerse un oco no difícil mundo da TDT. Non obstante, o Xabarín tenta sobrevivir o mellor que pode.