Hai 40 anos, o 25 de abril de 1980, Álvaro Cunqueiro pronunciaba en Vigo o discurso que acabaría converténdose no seu epitafio
En abril de 1980 o escritor Álvaro Cunqueiro recibiu varias homenaxes en Vigo, no marco das cales pronunciou o discurso no que dixo cal lle gustaría que fose o seu epitafio: “Aquí xaz alguén que coa sua obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”. Menos dun ano despois Cunqueiro falecía e a frase, xunto con outra do mesmo discurso, acabaría incorporada á súa tumba no cemiterio vello de Mondoñedo para converterse co tempo nun desexo colectivo de pervivencia da lingua galega.
Son varias as versións divulgadas daquel discurso, xeralmente reducidas ao parágrafo máis famoso pero que é moito máis amplo. Recuperamos a versión que expertos na obra de Cunqueiro consideran mellor consolidada, recollida en 2011 no número XX dos Cadernos Ramón Piñeiro, que á súa vez citan a Encrucillada. Revista galega de pensamento cristián no seu número de Marzo-Abril de 1981, e na que se sinala que o autor “dixo ‘primaveiras’ no canto de primaveras, que é o que ten que ser, consonte co que, o mesmo autor, deixou dito a prol de repristinizar o léxico ou os desleixos”.
Son varias as versións divulgadas daquel discurso, a maioría máis curtas, fronte a esta que expertos en Cunqueiro consideran a mellor consolidada
Aínda que as homenaxes a Cunqueiro daquel abril de 1980 en Vigo foron varias en varios días consecutivos, segundo deixa constancia a prensa da época, a data que se ofrece para o discurso é o día 25, no que se presentou un disco coa súa obra poética ao que fai referencia a súa alocución. Os Cadernos Ramón Piñeiro tamén permiten comprobar que o discurso de Vigo presenta moitas similitudes con outros dous pronunciados por Cunqueiro antes e despois, o 28 de xaneiro daquel ano na súa investidura como doutor honoris causa pola Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago e o 25 de maio ao recibir o premio Pedrón de Ouro, intervencións nas que tamén fai similares referencias a que, coa súa fala, sentíase “dono da abidueira e do merlo” ou a que “si a lingua non continúa, nós non continuaremos como pobo”. Pero este é o máis famoso:
“Amigos todos: En primeiro lugar as miñas palabras teñen que ser de gracias ás entidades que convocaron este acto. Gracias moi especiais ao Rector Magnífico da Universidade de Santiago, que me honrou cun Doctorado Honoris Causa, a mín, un mal estudiante, que non podía pensar na ciencia porque andaba cos petos cheos de versos, de moitas toleadas e venteadas na cabeza. Moitas gracias a Domingo García-Sabell, un amigo irreprochable dende os anos mozos, alá nas ruas compostelanas. Moitas gracias a Francisco Fernández del Riego, bo amigo de toda a vida, unha compañía fíel e xenerosa, que nunca poderei pagar. Gracias a Ramón Piñeiro, outro da miña tribu luguesa por este primeiro tomo das miñas obras completas. Gracias a Xoana Torres, tan xentil e tan querida e que tanto se esforzou e fixo por este disco no que está a sua voz, decindo versos meus da mocedade. Moitas gracias. Dou as gracias a tódolos que estades aquí.
Pero eu penso que tería que dar as gracias a unhas instancias mais altas. Tería que dar as gracias a El Señor. Loubado seña Deus, porque me permitiu nacer, medrar, facerme home e agora envellecer neste grande reino que chamamos Galicia, neste grande reino do Fisterre, que vai desde os montes astra o mar onde brillan os pés do vento, a este país dos dez mil ríos, do vello camiño das perigrinacións, a este país dos mil vales, a este país fermoso, eternamente verde, patria querida, a terra no senso barresiano: a patria son a terra e os mortos. Gracias a Deus por este reino.
Loubado seña Deus tamén por terme dado o don da fala nosa, por haberme ensinado a decir “rula” e “abidueira” e “dorna” e “ponte” e “fonte”, e entón eu, sabendo estas palabras, era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte.
As miñas invencións e as miñas maxias teñen, nembargantes, un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago, eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ó lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa esta outra patria que é a fala nosa. Se de mín algún día, despois de morto, se quixera facer un eloxio, e eu estivera dando herba na terra nosa, podería decir a miña lápida: “Aquí xaz alguén que coa sua obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”.
Tamén teño que dar as gracias a Deus por haber nacido nesta nación galega entre vós, por haber nacido no voso tempo e ser amigo voso; gracias por tanta xenerosidade que tivéstedes e tendes conmigo.
Dixo o Xeneral De Gaulle que o pobo francés era un pobo que viña do fondo das edades. Isto é unha perogrullada. Tódolos pobos veñen do fondo das edades. O galego foise facendo pouco a pouco e lentamente, como tódolos pobos, o entramado do maxín e o raciocinio é a maneira de decir e a de expresar o mundo. Eu entre vós e convosco, intento averiguar, intento decidir qué somos nós, os galegos, e por ende xuntarme con vós, os galegos, para tódalas tarefas que importan á terra nosa. Moitas gracias.
Hai un miragre nas Cantigas do Rei Afonso o Sabio, a quen esperamos que se lle adique o Día das Letras Galegas, en que un arcediago de París que estaba escribindo unha prosa rimada, non daba cunha rima e foi axeonllarse diante dunha imaxe da Nosa Señora na Igrexa de san Víctor en París, e pediulle que lle dese aquela rima que lle faltaba. E volveu ó seu escritorio e con pluma de ave escrebeu e achou a rima, e cando a tivo atopada, volveu outra vez a axionllarse diante da Virxe e leulle a súa prosa rimada. E dí a cantiga de El Rei Afonso que Nosa Señora inclinouse levemente ó Arcediago e díxolle: moitas gracias.
Eu agora penso que todos vós sodes Santa Galicia, unha nai eterna que se inclina un pouco diante de mín para darme as gracias, porque eu lle fun ler unha prosa ou un poema. Pero eu, dende logo, non vos debía, non lle debía deixar á Raíña santa e eterna que é Galicia, darme as gracias, senón adiantarme eu e axeonllado decirvos: “moitas gracias, moitas gracias”.