Mil 'selfies' para a lingua galega

Inscrición na tumba de Álvaro Cunqueiro, no antigo cemiterio de Mondoñedo CC-BY-SA Barfly2001

Hai 35 anos Álvaro Cunqueiro deixábanos a frase "Mil primaveras máis para a lingua galega", que pediu que figurase na súa lápida. O autor nacido en Mondoñedo afirmaba nunha homenaxe recibida en 1980, un ano antes de falecer: "Eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa estoutra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: "Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis".

E así foi. Na súa tumba, nun cemiterio mindoniense, pódese ler "Eiquí xaz alguén que coa súa obra Galicia durase mil primaveras máis". Van xa máis de trinta primaveras dende entón, e a lingua galega dura e resiste, aínda que sometida a dificultades de todo tipo. Como unha forma de reivindicación, e aproveitando o 35 aniversario da frase, Prolingua vén de lanzar unha iniciativa para que todas as persoas que así o desexen graven uns breves vídeos de si mesmos, ou videoselfies, no que aparezan dicindo a frase "Por min o galego terá mil primaveras máis".

A entidade chama ao "compromiso individual" de todos os e as falantes

A entidade chama ao "compromiso individual" de todos os e as falantes e subliña que "somos conscientes de que unha lingua só ten sentido se a falamos, porque só así garantimos o seu futuro. Por iso sementamos vida cando a empregamos, cando soñamos nela, cando bailamos ao seu son, cando nos indignamos coa forza que ela nos dá, cando a eliximos para transmitírllela ás novas xeracións, cando a protexemos dos que non nos entenden, cando codificamos o mundo a través dela... cando ti decides que é a túa lingua".

Con todos os fragmentos recibidos, comporase "antes de rematar a primavera" un vídeo conxunto

Os vídeos pódense gravar co móbil e deben ser enviados a Prolingua, ao enderezo prolinguagalega@gmail.com antes do 23 de maio, con indicación do nome e a profesión do remitente. Prolingua sinala igualmente que tamén se pode facer o vídeoselfie en grupo, co lema "Por nós o galego terá mil primaveras máis". Con todos os fragmentos recibidos, comporase "antes de rematar a primavera" un vídeo conxunto no que "cada compromiso individual dea vida a un compromiso colectivo". "Sumaremos forzas e ampliaremos a rede de afectos ao redor do idioma para seguir sentindo que a Patria da Lingua Galega terá mil primaveras máis", conclúen.

Inscrición na tumba de Álvaro Cunqueiro, no antigo cemiterio de Mondoñedo CC-BY-SA Barfly2001

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.