Unha ducia de momentos da vida de Ramón Otero Pedrayo no seu 50 cabodano
Este 2026 que comeza vai ser o Ano Otero Pedrayo, coincidindo co 50 aniversario do seu falecemento en 1976 e do centenario da publicación da Guía de Galicia, unha das súas grandes obras. "Figura esencial das letras, do pensamento e da identidade galega contemporánea", segundo destaca a declaración institucional aprobrada polo Parlamento hai unhas semanas, o escritor, ensaísta, xeógrafo, político e profesor ourensán foi un dos "piares do florecemento cultural e intelectual de Galicia, representante dunha xeración que soubo vincular o galeguismo coa defensa da cultura universal e co compromiso coa nosa terra".
-
01Ramón Otero Pedrayo, un neno ourensán
Moito antes de ser Don Ramón, Otero Pedrayo foi un neno. Ramón Antonio Vicente Otero Pedrayo naceu no número 25 da ourensá Rúa da Paz o 5 de marzo de 1888, no mesmo edificio no que vivía Vicente Risco, nacido catro anos antes. Foi o fillo único dunha familia acomodada formada polo médico e deputado Enrique Otero Sotelo e Eladia Pedrayo Ansoar.
-
02Con 17 anos, en Santiago e Madrid
Estudou o Bacharelato na súa cidade natal, pero en 1905, con 17 anos (na imaxe), marchou a Compostela primeiro e a Madrid despois, para estudar Dereito e Filosofía e Letras. Tras rematar as dúas carreiras en 1912, regresou a Ourense, coa idea de preparar oposicións a catedrático.
-
03Vinculación co galeguismo
Nos anos seguintes comeza a escribir artigos en prensa, vencéllase ao rexionalismo político e ao galeguismo, incorporándose ás Irmandades da Fala en 1918.
En 1919 aproba a oposición a cátedra de Xeografía e Historia, exercendo en Burgos, Santander e a partir de 1921 por fin en Ourense. Tamén casa en 1923, con 35 anos, con María Josefa Bustamante Muñoz (Fita), na imaxe.
-
04Fundador da revista 'Nós'
En 1920 foi un dos fundadores da revista Nós, onde publicou o seu primeiro artigo en decembro de 1921, Irlanda política no século XIX. A súa militancia galeguista intensifícase. En 1921 participa na III Asemblea Nacionalista de Vigo, e en 1922 na IV Asemblea Nacionalista de Monforte de Lemos
Na imaxe, asistentes a un banquete en homenaxe a Otero Pedrayo en 1929.
-
05Seminario de Estudos Galegos
Colaborou de forma activa co Seminario de Estudos Galegos e dirixiu a sección de Xeografía desde 1926.
-
06Deputado
Recibimento de Pere Comas, en nome da Generalitat de Catalunya, aos deputados galegos Castelao e Ramón Otero Pedrayo o 20 de xullo de 1931. Fotografía tomada na parada do Paseo de Gracia.
-
07Banquete galeguista a Emilia Docet en Ourense en 1933
En 1933 galeguistas ourensáns organizaron no Hotel Miño de Ourense un banquete-homenaxe a Emilia Docet, no que xunto con Otero Pedrayo participaron Risco ou Cunqueiro.
-
08Castelao e Otero Pedrayo en Bos Aires en1947
Tras a guerra, Otero Pedrayo foi obrigado a deixar o ensino durante unha década. O seu exilio interior conecta co gran exiliado exterior, Castelao, ao reencontrarse os dous en Bos Aires en 1947.
-
09Dos primeiros intelectuais en volver usar o galego en actos públicos despois da guerra
O 11 de novembro de 1949, na inauguración dun monumento a Lamas Carvajal, Otero Pedrayo desafiou á ditadura empregando o galego en público. En actos posteriores prohibíuselle volver facelo.
-
10Presidente da Editorial Galaxia
Otero Pedrayo foi o primeiro e máis duradeiro presidente da Editorial Galaxia, durante máis de 25 anos, desde a súa fundación o 25 de xullo de 1950 ata o seu falecemento en 1976. Na imaxe, un Consello de Administración da editorial contra 1960.
-
11Catedrático na USC
Otero Pedrayo foi catedrático na Universidade de Santiago entre 1950 e 1958, época á que se referiría como os anos máis felices da súa vida.
-
12Cortexo fúnebre polas rúas de Ourense
O enterro de Otero Pedrayo, tras a súa morte o 10 de abril de 1976, congregou milleiros de persoas nas rúas de Ourense, onde foi soterrado no cemiterio de San Francisco cun hábito de franciscano e a bandeira de Galicia, como era o seu desexo.