Ano Oteriano en 2026 para reivindicar a Otero Pedrayo, "figura clave na construción da Galicia moderna"

Ramón Otero Pedrayo, na Arxentina en 1947 Dominio Público

2026 será o Ano Otero Pedrayo. A piques de finalizar este 2025, dedicado a Castelao ao facerse 75 anos da súa morte, o Parlamento aprobou este mércores unha declaración institucional pola que dedicará o vindeiro ano á figura do escritor, ensaísta, xeógrafo, político e profesor ourensán con motivo do seu 50º cabodano e do centenario da publicación da Guía de Galicia, unha das súas grandes obras. 

A declaración, asinada por todos os grupos parlamentarios, destaca a Ramón Otero Pedrayo (1888– 1976) como unha "figura esencial das letras, do pensamento e da identidade galega contemporánea". Membro destacado das Irmandades da Fala  e máis tarde do Partido Galeguista, o ourensán foi un dos "piares do florecemento cultural e intelectual de Galicia, representante dunha xeración que soubo vincular o galeguismo coa defensa da cultura universal e co compromiso coa nosa terra".

Conferencia de Ramón Otero Pedrayo no salón de Estudios Históricos de Mendoza (Arxentina), en 1947 Dominio Público

Por toda a súa relevancia e a "transcendencia da súa figura na construción da Galicia moderna", o Parlamento propuxo "como recoñecemento e mostra de gratitude do pobo galego" declarar 2026 como Ano Oteriano, "promovendo actividades de investigación, difusión e posta en valor da súa vida e obra en colaboración coas institucións culturais, educativas e académicas do país". "Ramón Otero Pedrayo únenos a todos. É un dos persoeiros máis coñecidos e recoñecidos por todos os galegos e as galegas. Por iso o pobo galego lle outorgou a súa máxima estima", lembra a declaración institucional. 

O Parlamento acorda declarar 2026 como Ano Oteriano en recoñecemento a unha figura clave "na construción da Galicia moderna": "Otero Pedrayo únenos a todos"

Serán, xa que logo, doce meses nos que repasar unha obra literaria e científica que, como lembra a Cámara galega, abrangue a narrativa, o ensaio, a historia, a xeografía, a filosofía e o pensamento político e "segue a ser un referente de estudo e de inspiración". "O seu exemplo de dedicación a Galicia, á lingua e á cultura galega merece, neste marco conmemorativo, un recoñecemento institucional amplo e transversal", di a declaración.

O que foi designado como patriarca das Letras Galegas polo seu "inabarcable mundo literario", foi tamén un "dos máis grandes oradores da historia de Galicia" e símbolo do galeguismo histórico. 

Formouse no galeguismo da man de Antón Losada Diéguez, xunto con Risco e Cuevillas, formando parte do Ateneo Ourensán en 1914 e tamén do Grupo Nós cos intelectuais máis sobranceiros daquel tempo, con todo o que significou este grupo no mundo cultural galego. A Real Academia Galega nomeouno membro de número en 1929.

Otero Pedrayo, patriarca das Letras Galegas' polo seu "inabarcable mundo literario", foi figura clave do galeguismo político, deputado nas Cortes e fundador do Partido Galeguista

Otero, mestre de vocación, implicouse na vida política xa desde 1918, participando na candidatura rexionalista de Lois Porteiro Garea, membro das Irmandades da Fala de Compostela e, tres anos máis tarde, viaxa a Vigo, en abril de 1921, con Vicente Risco e Noguerol, para participar na asemblea anual das Irmandades.

Coa chegada da República, Otero e outros galeguistas ven a posibilidade de acadar a autonomía de Galicia, polo que comeza en 1930 a percorrer a provincia de Ourense dando mitins de carácter nacionalista e fundando o Partido Nazonalista Repubricán de Ourense, do que foi presidente, defendendo a cooficialidade das linguas e a autonomía de Galicia. Acada entón a acta de deputado, xunto con Castelao e Suárez Picallo, e en decembro de 1931 participa na fundación do Partido Galeguista, de cuxo Consello Executivo formou parte.

Foto de familia no Parlamento tras a declaración de 2026 como Ano Oteriano CC-BY-SA Parlamento de Galicia

Don Ramón participou moi activamente na campaña do plebiscito do Estatuto de Galicia, compartindo coma todos os galeguistas a ledicia polo triunfo do 28 de xuño de 1936, e foi logo vítima da represión fascistas. No ano 1937 foi destituído e apartado do ensino, ao que non volverá a incorporarse ata 1948. Xa en 1950 oposita á cátedra de Xeografía da Universidade de Santiago, converténdose no primeiro catedrático desta materia na USC.

Represaliado polo fascismo, Otero Pedrayo foi "a resistencia do galeguismos histórico" na ditadura

Segundo lembra a declaración institucional, representou naquel momento "a resistencia do galeguismo histórico", levando a cabo os primeiros discursos públicos en galego.  Foi o derradeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos, participando logo na fundación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, no que traballou en infinidade de proxectos e investigacións.

Naquela época "colabora con estudantes mozos inquedos e desexosos de escoitalo cada tarde no Café Español", que popularizaron os seus poemas polo grupo Brais Pinto (Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Bautista Álvarez, Ramón Lorenzo, Raimundo Patiño, Fernández Ferreiro, Herminio Barreiro,) do libro Bocarribeira. Poemas pra ler e queimar.

Hoxe a Fundación Otero Pedrayo ubicada en Trasalba- Amoeiro vela pola proxección da súa figura e da súa obra, que están presentes na produción editorial, cultural e docente por todo o país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.