Cen anos da Asemblea Nacionalista de Monforte, que supuxo a ruptura das Irmandades da Fala

Imaxe da Asemblea Nacionalista de Monforte, en 1922. Aparecen Castelao, Ánxel Casal, Antón Losada Diéguez, Antón Vilar Ponte, Ramón Otero Pedrayo, Roberto Blanco Torres ou Manuel Antonio Dominio Público CCG

No encontro participaron, entre outros, Castelao, Ánxel Casal, Antón Losada Diéguez, Antón Vilar Ponte, Ramón Otero Pedrayo, Roberto Blanco Torres ou Manuel Antonio, que debateron sobre a organización e a dirección do movemento nacionalista

Entre o 18 e o 20 de febreiro do ano 1922 celebrouse en Monforte de Lemos, no mosteiro de San Vicente do Pino, a IV Asemblea Nazonalista das Irmandades da Fala. No encontro participaron, entre outros, Castelao, Ánxel Casal, Antón Losada Diéguez, Antón Vilar Ponte, Ramón Otero Pedrayo, Roberto Blanco Torres ou Manuel Antonio, que debateron sobre a organización e a dirección dun movemento nacionalista aínda incipiente pero que xa dera pasos adiante dende os primeiros actos públicos das Irmandades, en 1916 e dende a I Asemblea Nazonalista de 1918, celebrada en Lugo, onde se aprobou o Manifesto que supera o rexionalismo e dá paso ao nacionalismo. 

A II Asemblea Nacionalista, en 1919, instaurou o "Día de Galicia" e a III Asemblea Nacionalista, celebrada en Vigo en 1921, onde se aprobara unha proposta para que a bandeira galega ondease no Pazo municipal de todos os concellos polo 25 de xullo, unha iniciativa que só se levou a cabo na Coruña, onde Lois Peña Novo era concelleiro.

Varios membros das Irmandades da Fala, en 1922 Dominio Público Fundación Otero Pedrayo

Cen anos soñando un destino, o 19 de febreiro en Monforte

"A histórica Asemblea de Monforte marcaría, pois, un fito na historia do galeguismo e sería decisiva no decorrer deste naqueles anos de preguerra, onde aínda todo era posible, mesmo a utopía", destácase na introdución do programa da xornada

A vindeira semana celébrase, polo tanto, o centenario deste encontro, unha efeméride que será lembrada por unha xornada organizada en Monforte polo Consello da Cultura Galega, a Fundación Otero Pedrayo e a Fundación Vicente Risco. A xornada Cen anos soñando un destino  terá lugar o sábado 19 na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro coa participación de expertos e expertas como Xosé Ramón Quintana Garrido, Xurxo Ayán, Emilio Ínsua ou Aurora Marco. Coordinada por Patricia Arias Chachero, Olga Novo e Xosé Rodríguez Díaz, o evento pecharase cun concerto de Uxía e Sergio Tannus.

A xornada de debate analizará a evolución do movemento das Irmandades neses anos, o contexto social e político no que se celebrou o encontro de Monforte, atendendo ao carácter obreiro da localidade nese tempo e, en especial, afondará no acontecido na IV Asemblea, en especial nas causas e consecuencias da ruptura das Irmandades da Fala que se produciu nese momento.

"A histórica Asemblea de Monforte marcaría, pois, un fito na historia do galeguismo e sería decisiva no decorrer deste naqueles anos de preguerra, onde aínda todo era posible, mesmo a utopía", destácase na introdución do programa da xornada, que conclúe que "é preciso poñer os pés nos chanzos de hai cen anos para seguir soñando".

Monforte: a ruptura das Irmandades

A IV Asemblea evidenciou as tensións internas no seo das Irmandades, que finalmente acabarían na escisión entre a tendencia liberal-progresista —liderada pola Irmandade da Coruña— e a máis conservadora, a cuxa fronte se achaba o grupo ourensán

A IV Asemblea evidenciou as tensións internas no seo das Irmandades, que finalmente acabarían na escisión entre a tendencia liberal-progresista —liderada pola Irmandade da Coruña— e a máis conservadora, a cuxa fronte se achaba o grupo ourensán liderado por Vicente Risco e que levaría á creación da Irmandade Nazonalista Galega. Esta facción propugnaba a creación dun partido de corte nacionalista desde o que participar nun estado federalista e conseguir a autonomía pero mantendo o abstencionismo electoral e limitándose á propaganda e organización ata que se consolidase.

A Irmandade da Coruña, dirixida por Alfredo Somoza e Ánxel Casal, seguiu a editar A Nosa Terra e en 1923 convocou a V Asemblea Nacionalista, que mantivo a liña promulgada en 1918 e elixiu a Peña Novo como primeiro Conselleiro. Este grupo acusaba de culturalista e apoliticista á Irmandade. Entre 1929 e 1930 produciuse a reorganización das Irmandades, primeiro a través da participación na Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e xa en 1931, na VII Asemblea Nacionalista de Pontevedra, na que naceu o Partido Galeguista.

Mosteiro de San Vicente do Pino, en Monforte © Turismo Ribeira Sacra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.