O proceso emprendido polas Irmandades da Fala en 1918 nas sucesivas Asembleas Nazonalistas cristalizou en boa medida hai agora 90 anos. O 6 de decembro de 1931, entre os ecos da proclamación da II República española había apenas oito meses, en Pontevedra culminou a asemblea fundacional do Partido Galeguista.
A asemblea apostou polo "uso xeral da verba 'galeguista' no noso pobo para designar todas as modalidades de exaltación e defensa da galeguidade"
Os diferentes grupos políticos e organizacións xuntáronse nun momento no que "o estado da política galega e a marcha do proceso de reconstrución da personalidade da nosa terra", dicían, reclamaba "solidariedade" para xuntárense. De aí a aposta polo "uso xeral da verba galeguista no noso pobo para designar todas as modalidades de exaltación e defensa da galeguidade". Porque nin a denominación nin a propia asemblea, advertían, "implican en ninguén abdicación no esforzo ou na doutrina nacionalista".
A convocatoria da asemblea fundacional do PG incluía un Programa de acción para a súa discusión polos participantes. O texto, tras os dous días de debates, virou en Decraración de principios e no primeiro programa político do partido, que fixou entre os seus obxectivos estratéxicos a "creación dun organismo galego de base exclusivamente democrática e con facultades deliberantes para rexer, con autonomía integral, os intereses de Galicia".
Para os galeguistas que se xuntaran en Pontevedra, o partido asumía o país como "unidade cultural", "pobo autónomo", "comunidade cooperativa" e "célula de universalidade" que debería aspirar á "autodeterminación política dentro da forma de goberno republicana". A "aspiración mínima e inmediata", acordaron, debería ser que un poder galego autónomo lograse o "máximo de facultades que a Constitución da República concede aos territorios autónomos".
O PG, acordaron, defendería unha Galicia na que fosen "suprimidas" as deputacións provinciais e con "plena autonomía municipal" e "personalidade administrativa da parroquia rural e da comarca", así como aberta á "incorporación das terras lindeiras" con vencellos "étnicos, históricos e lingüísticos" se así o decidían en plebiscito. Nesa nova organización política do país habería "igualdade de dereitos políticos para a muller" e sufraxio universal e proporcional para elixir un Parlamento, con "procedementos eficaces que eviten a corrupción electoral e o falseamento da vontade popular".
O programa acordado na asemblea fundacional do PG sinalaba como "aspiración mínima e inmediata" que o novo poder galego acadase o "máximo" de competencias contempladas na Constitución da II República e proclamaba principios como a "igualdade de dereitos políticos para a muller" ou o "recoñecemento de dereitos sindicais"
Alén da cuestión territorial e do bosquexo do que, para o Partido, debera ser o xeito de organizar o novo poder galego, a asemblea de Pontevedra tamén trazou as prioridades políticas dos galeguistas en eidos como a política laboral, a economía ou a cultura. Así, aquela declaración de principios subliñaba, por exemplo, o "recoñecemento de dereitos sindicais", un "réxime integral de seguro social" ou a supresión do traballo industrial para menores de 16 anos.
No ámbito do "problema agrario", o Partido Galeguista trazaba un plan baseado na creación de "centros técnicos de investigación e experimentación agrícola, forestal e pecuaria" con especial atención á "organización cooperativa". O novo poder galego, subliñaba o PG, tería que lexislar para "favorecer a organización cooperativa", propiciar a "repoboación intensiva dos montes comunais", regulamentar "a edificación rural en orde á hixiene e de acordo coa arte paisana" ou promover "escolas rurais de formación campesiña". Todo, no marco dun plan que regularía a propiedade rural, "tendente a libertala de toda carga para quen a traballa".

A concentración parcelaria ou a liquidación definitiva dos foros eran tamén parte dun programa galeguista que, para o sector pesqueiro, propuña tamén estender o cooperativismo. Ademais, "repoboar as rías con especies sedentarias" ou crear "grandes portos pesqueiros modernos e pequenos portos de refuxio", así como escolas de pesca e estacións meteorolóxicas e telegráficos de apoio ao sector.
A asemblea fundacional do Partido Galeguista trazou os seus plans en materia agraria ou pesqueira, de "galeguización do ensino" ou de política tributaria, cun imposto sobre a renda e "dereito de expropiación nos casos de ocultación fraudulenta"
Boa parte destas iniciativas, planificaba o PG, financiaríanse cun sistema tributario no que nacería un "imposto progresivo sobre a renda" e no que o novo Goberno galego tería "dereito de expropiación nos casos de ocultación fraudulenta". Ese Goberno gozaría de "soberanía sobre o seu patrimonio cultural e artístico" e mais para "determinar a orientación das institucións pedagóxica", a comezar pola "galeguización do ensino" e o "dereito indiscutible ao emprego do noso idioma e cooficialidade co castelán".
Un apartado xurídico centrado en recoñecer a validez do dereito civil galego, a "igualdade de dereitos civís para a muller casada no caso de emigración do marido", o establecemento dun sistema xudicial en clave galega ou a "amplitude do dereito de expropiación" para "facer posible a socialización de riquezas naturais e empresas económicas" puña tamén o foco na necesidade de acometer "unha extensa municipalización de servizos públicos". Boa parte destes principios quedarían tamén plasmados no proxecto de Estatuto de Autonomía plebiscitado o 28 de xuño de 1936 tras un impulso clave dos propios galeguistas. O golpe de Estado e posterior ditadura impediron a súa aplicación.