Tal día coma hoxe de hai 85 anos era domingo e amencera con chuvia en boa parte de Galicia. Tras dúas semanas de intensa campaña, aínda ecoaban os eventos que puxeran o ramo á campaña a prol do Estatuto que o Comité Central da Autonomía celebrara por todo o país cun impulso clave das formacións políticas da Fronte Popular e mais dos gobernos provisionais dos concellos.
A banda municipal e o coro Froles e Silveiras na Praza da República de Lugo ou unha "festa galega" no coruñés Parque de Méndez Núñez son só unha mostra dos eventos finais dunha campaña centrada en chamar a unha participación masiva. Así o pedía tamén o alcalde de Vigo, Emilio Martínez Garrido, nun bando publicado co gallo da xornada do plebiscito. O rexedor chamaba á "reflexión, ao sentimento, á comenencia e ao deber" da veciñanza de Vigo para iren ás urnas e alí apoiar a "personalidade dun pobo con arelas de vida e liberdade".
O que estaba en xogo era culminar un proceso a prol da autonomía galega que principiara moito antes. Con aspiracións como as reflectidas no anteproxecto de Estatuto que en 1931 redactaran, entre outros, Ricardo Carvalho Calero e a Lois Tobío na biblioteca da Facultade de Dereito -actual Facultade de Xeografía e Historia- da Universidade de Santiago, no seo do Seminario de Estudos Galegos. Ou, sobre todo, co impulso político da Asemblea de Concellos de 1932.
Daquela Asemblea de Concellos xurdiu o Comité Central da Autonomía, con Enrique Rajoy Leloup como secretario xeral. Este foi o órgano encargado de negociar coas autoridades republicanas a convocatoria do referendo e así o logrou en maio de 1933. Per a vitoria electoral da Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA) e a apertura do Bienio Negro freou o proceso. "Os galeguistas xuramentámonos para gardar silenzo, a ver se o Goberno se esquecía de derrogar” o decreto que permitía convocar o plebiscito, lembraba Castelao en 1948. E así sucedeu ata que, non sen atrancos, chegou o referendo de 1936.
O que as formacións partidarias da autonomía chamaban a plebiscitar era, alén dos matices, que Galicia lograse poder político de seu no marco do novo réxime republicano. Así o resumía Lois Peña Novo durante un mitin da campaña estatutaria en Vigo: "Galicia non quere favores de ministros nin de deputados, quere gobernarse a si mesma, quere un goberno propio que faga as cousas porque son necesarias para o benestar do país galego".
O texto estatutario traía consigo tamén a oficialidade do galego. Non se trataba dunha "loita de linguas", resaltaba o propio Peña Novo, senón de "dar ao galego instrumentos de expresión que abran horizontes nas dúas grandes ribeiras do mundo". Porque o idioma de Galicia non era unha "fala brava de xente zafia", senón un "instrumento dunha cultura nova, verbo unificado das terras fecundadas polo espírito de Portugal e do Brasil".
Pero, a Galicia convíñalle acceder á autonomía? E á Republica mesma? Era a pregunta que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao lanzou nalgúns dos mitins da campaña. Por exemplo, nos actos inaugurais celebrados na Coruña con senllos mitins simultáneos en dous teatros da cidade, o desaparecido Linares Rivas -nos Cantóns, onde despois se ubicaría o cine Avenida- e o Rosalía Castro.
Castelao: "Os patrioteiros que nos acusan a nós de crear fronteiras verticais separan ao pobo, eles si son separatistas; no sentimento de amor a Galicia unímonos todos, sexan do partido que sexan"
Neste segundo teatro fora onde Castelao lanzara a pregunta e obtivera a que, ao seu xuízo, era a resposta acaída. "Os galegos non temos sentimentos patrioteiros, pero si un concepto humano de Galicia e por iso pregunto: convén a Galicia a autonomía? Convén á República a autonomía de Galicia?". "Si, si", clamou o público do teatro. "Daquela, o 28 de xuño iremos todos os galegos non a depositar unha papeleta co nome dunha persoa, senón un 'si' elocuentísimo".
Porque, aínda que "os atrasados" dixesen que "non estamos no bo camiño, tildándonos de separatistas", o líder galeguista tiña outra visión. "Os patrioteiros que nos acusan a nós de crear fronteiras verticais separan ao pobo, eles si son separatistas", mentres que as formacións galeguistas e progresistas proclamaban que "no sentimento de amor a Galicia unímonos todos, sexan do partido que sexan". E por iso "temos que coincidir nesta irmandade con aqueles que non comungan coas nosas ideas"
Castelao ou Peña Novo foran algúns dos oradores máis apaixonados da campaña. Non o fora menos Alexandre Bóveda quen, como lembraría Carvalho Calero medio século despois, non só "emocionaba", senón que tamén "convencía". Así o fixo, por exemplo, no mitin da campaña celebrado na lucense Praza da República (actual Praza Maior) o 11 de xuño, a apenas dúas semanas das votacións.
Alexandre Bóveda: "Que as mulleres sexan as primeiras en marcar o camiño das urnas", que "non haxa un galego que deixe de votar, porque sería a negación da súa terra"
Alí, como recollería despois o xornal vigués El Pueblo Gallego, abertamente a prol da autonomía, Bóveda explicara as vantaxes que para o país tería contar cun Goberno de seu e, aínda máis, cun Orzamento administrado dende o propio poder galego. Pero tamén lanzara un discurso ben avanzado para a época, chamando especialmente ao voto feminino: "Que as mulleres sexan as primeiras en marcar o camiño das urnas" nunha xornada na que "non haxa un galego que deixe de votar, porque sería a negación da súa terra".
Do que se trataba, explicaban os autonomistas, era de acceder ao autogoberno por primeira vez e demostrar que a vida do pobo galego melloraría con el. "Combatéstesnos dicindo se seremos capaces de levar adiante a autonomía, eu digo que o mellor medio é demostralo", sintetizara o socialista e galeguista Xaime Quintanilla nun mitin en Ferrol. "Galicia bástase por si soa para gobernarse", afirmara no mesmo sentido o alcalde lucense, Francisco Lamas, de Izquierda Republicana.
Tras o golpe, os franquistas tentaron roubar os cartos que quedaran da campaña do Estatuto mentres perseguían e asasinaban os seus promotores
Así, con chamamentos á participación e rúas empapeladas cos 70.000 carteis de propaganda que o Comité Central da Autonomía editara coa colaboración de destacados artistas como o propio Castelao ou Camiño Díaz Baliño, chegara propia xornada da votación. O reconto indicou un triunfo esmagador do "si", en torno ao que despois se falaría de "santo pucheirazo": 991.476 votos a prol fronte a 6.085 en contra e 1.378 en branco.
O alcalde de Santiago, Ánxel Casal comunicou o resultado ao presidente da República e púxose en marcha os proceso para a entrega oficial do texto plebiscitado nas Cortes. O trámite concluiría o 17 de xullo en Madrid e un día despois o golpe de Estado desencadearía a barbarie. Moitos dos protagonistas da alegre campaña estatutaria foron asasinados polos golpistas, que ademais tentaron roubar os cartos que quedaran da campaña. O Estatuto, non sen atrancos, acabaría sendo admitido a trámite polas Cortes republicanas trasladadas a Montserrat en 1938 e aprobado no exilio mexicano en 1945. Aquel xermolo está na base do recoñecemento de Galicia como nacionalidade histórica na autonomía de 1981.