Carvalho Calero, "modesto espectador" do Estatuto galego de 1936

Carvalho Calero -cuarto pola esquerda-, nos actos de conmemoración do 50º aniversario do Estatuto do 36, ao carón de Pousa Antelo © Arquivo do Parlamento de Galicia

O 28 de xuño de 1986 o Parlamento de Galicia, con apenas media década de existencia, celebrou os principais actos das conmemoracións que a propia institución organizara, aceptando unha iniciativa de Coalición Galega, para celebrar o quincuaxésimo aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936. Ao evento central daquela celebración, na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, acudiran persoeiros que participaran directamente no impulso da autonomía galega plebiscitada nas urnas hai hoxe 83 anos.

Na celebración do cincuentenario do Estatuto do 36 o profesor Carvalho presentárase como un "modesto espectador de acontecimentos" malia á súa ampla participación, xunto a outros moitos galeguistas, no impulso da autonomía

Nunha das fileiras daquel acto sentaban o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2019, o etnógrafo Antonio Fraguas, e quen o será no 2020, Ricardo Carvalho Calero. Entre eles, Avelino Pousa Antelo. Os tres, que en 1936 apenas chegaban aos trinta anos de idade, secundaran con entusiasmo todo o proceso estatutario e o impulso ao Partido Galeguista, en cuxa fundación en Pontevedra participara Carvalho en 1931. 

O veterano profesor, na altura a piques de facer 76 anos, compartira no día anterior as súas lembranzas sobre o Estatuto no Paraninfo da USC noutro dos actos conmemorativos polo medio século do referendo do Estatuto. Fixérao cun breve discurso que é conservado no centro de documentación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Nunhas verbas inzadas de humildade Carvalho presentábase a si mesmo como un "modesto espectador de acontecimentos", unha "testemunha" xa que, advertira, "eu nom som professor de História".

Mitin da campaña a prol do Estatuto organizado polo Frente Popular na Coruña en xuño de 1936, con Castelao -segundo pola dereita- entre os participantes Dominio Público Vida Gallega

Carvalho redactara xunto a Lois Tobío o anteproxecto de Estatuto, que despois "foi preciso ajeitar aos limites do Estado", porque "a República nom foi federal", lembraba

Carvalho Calero encadrara as súas lembranzas nun tempo no que "republicanos vagamente federais" e "galeguistas vagamente republicanos" se viran "arrastados a um entendimento mais ou menos profundo pola força das circunstâncias" coa chegada da República. "Uns e outros pareciamos luitar conjuntamente pola República Federal", lembraba. 

E esa foi a aposta que ficou plasmada no anteproxecto de Estatuto que elaborou xunto a Lois Tobío na biblioteca da Facultade de Dereito -actual Facultade de Xeografía e Historia-, no seo do Seminario de Estudos Galegos. "Comezamo-lo com esta declaraçom: Galiza é un Estado libre drento da Repúbrica Federal Española", recordaba.

"Mas a República nom foi federal" e "foi preciso ajeitar-se aos limites do Estado que os constituintes estabelecerom", relatou Carvalho aos asistentes ás conmemoracións de 1986. Malia ficar desbotado o anteproxecto el, como militante galeguista pero tamén como integrante da "primeira promoçom de juristas da República", participou activamente nos debates para elaborar o texto que acabaría sendo plebiscitado en 1936

As intervencións sobre lingua e economía fixeran de Alexandre Bóveda "a figura estelar" da asemblea da que saíu aprobado o texto do Estatuto, lembraba Carvalho

O profesor Carvalho Calero lembrou anécdotas como o convite de Enrique Rajoy Leloup a Xaime Quintanilla, alcalde de Ferrol, para presidir a mesa da Comisión Organizadora, pero tamén fondos debates sobre, por exemplo, a oficialidade da lingua galega, a cal quedou ratificada tras "um brande discurso" de Alexandre Bóveda, que "emocionou e convenceu à Assembleia" fronte ao criterio de quen non apostaban por ese rango para a lingua do país. "Este discurso" e o "relativo à questom económica figerom de Bóveda a figura estelar de reuniom", evocou.

Propaganda a prol do "si" ao Estatuto galego de 1936 nas rúas da Coruña Dominio Público El Pueblo Gallego

No que semellou outra aposta por restar importancia ao seu propio papel naqueles acontecementos, Carvalho Calero puxo especial énfase en advertir que el non foi "observador directo" do referendo. Estivera nas Cortes da República na xuntanza que foi crucial para reactivar o proceso estatutario e alentou o voto a prol durante a campaña en múltiples actos públicos en diversos puntos do país. 

Carvalho Calero estivo presente nas Cortes da República na xuntanza clave para reactivar o Estatuto e participou na campaña ata que tivo que viaxar a Madrid poucos días antes do referendo

Pero "poucos dias antes" do 28 de xuño "tivem que sair para Madrid" para participar nos exames que "me converteriam em professor oficial". "Ainda que superei aquelas provas, nom pudem regressar ao meu país até cinco anos mais tarde, e em quanto ao meu ingresso efectivo no professorado oficial, nom se verificou até trinta anos depois", relatou en referencia á represión que sufriu por parte dos golpistas e as posteriores autoridades da ditadura.

O papel de Ricardo Carvalho Calero no impulso do Estatuto plebiscitado hai agora 83 anos será unha das moitas vertentes da súa figura que serán lembradas durante o ano 2020. Así será aínda que el mesmo advertise, no devandito acto de 1986, que a súa era pouco máis ca unha "testemunha sumária". "É para mim umha honra que haja quem me considere digno de ocupar para eses efectos esta tribuna", agradecera aos presentes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.