"O importante é que Carvalho teña o Día das Letras. É de xustiza"

Ricardo Carvalho Calero © Club de Prensa de Ferrol

Ricardo Carvalho Calero será homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano 2020. Así o aprobará previsiblemente a Real Academia Galega este sábado, nunha sesión na que se votarán as dúas propostas presentadas polos académicos e académicas, as dúas co filólogo e escritor ferrolán como protagonista. Carvalho Calero estivera en varias ocasións entre os candidatos (2005 -proposto por Francisco Fernández del Riego e Xosé Luis Franco Grande-, 2006, 2008, 2009, 2013, 2014, 2015, 2016, 2017 e 2018) e por fin desta vez os tempos foron chegados para el.

"O menos relevante é que haxa dúas propostas, o importante é que Carvalho Calero sexa homenaxeado no Día das Letras", di Monteagudo

Chama a atención, dende logo, que sexan dúas as propostas que piden a escolla de Carvalho Calero. As dúas foron presentadas o pasado 20 de maio, con horas de diferenza. Son as dúas únicas propostas presentadas e suman os apoios de 22 dos 30 membros do plenario da institución, o que fai supoñer que non haberá sorpresas.

Unha está asinada por 13 integrantes da Academia, encabezados por Margarita Ledo, Xesús Alonso Montero e Ramón Villares, ademais de polo presidente Víctor Freixanes, Henrique Monteagudo, Marilar Aleixandre, Andrés Torres Queiruga e Fina Casalderrey. E outra avalada por 9 académicos e académicas, entre eles Francisco Fernández Rei, Manuel González, Chus Pato, Xosé Luís Axeitos, Euloxio Rodríguez Ruibal, Manuel Rivas e Xosé Luís Regueira.

A duplicidade de propostas deu lugar a unha certa polémica nos últimos días, de xeito que unha parte dos asinantes desta segunda candidatura fixo pública unha nota de prensa na que subliñaban que "levamos seis anos consecutivos propoñendo a figura de Ricardo Carballo [Carvalho] Calero como personalidade literaria do Día das Letras Galegas" e cualificaban como "moralmente detestable" a presentación da outra proposta. Sinalaban que "entre os promotores desta hai quen se opuxo radical e combativamente á elección" de Carvalho. E engadían que "resulta sorprendente que quen hai só un ano consideraba que a elección de Carballo sería un atentado contra a lingua galega, vexa nel agora unha figura merecente de ser celebrada, viraxe que talvez se deba á intención de botarlle terra a un lamentable proceder en anos anteriores".

"O importante é que Carvalho teña por fin o Día das Letras. É de xustiza e é un signo de normalización", di Fernández Rei

Henrique Monteagudo, secretario da RAG e asinante da outra proposta, resta importancia á polémica e subliña que "o menos relevante é que haxa dúas propostas, o importante é que Carvalho Calero sexa homenaxeado no Día das Letras". Con todo, lamenta a situación creada e, sobre todo, que o debate saíra "á area pública", anticipando deste xeito a probable designación do filólogo ferrolán, que debería ter sido coñecida este sábado no marco do pleno da institución. Rexeita, igualmente, as acusacións de "apropiación" de  Carvalho Calero lanzadas polos impulsores da outra proposta: "A apropiación e unha cuestión absurda. Outros anos ninguén se preocupou e practicamente non se recorda quen propuxo a cada homenaxeado ou homenaxeada", di.

Cunqueiro, Del Riego e Carvalho Calero en Compostela nos anos 30 Dominio Público Centro Virtual Cervantes

Dende a outra banda, Francisco Fernández Rei concorda igualmente en que "o importante é que Carvalho teña por fin o Día das Letras. É de xustiza e é un signo de normalización". Fernández Rei subliña que o futuro homenaxeado ten méritos evidentes, entre os que destaca a súa participación "no glorioso Seminario de Estudos Galegos”, sinalando que "eses ideais marcaron a súa vida e a súa personalidade". Salienta igualmente "o seu antifascismo e o seu republicanismo". E, escollendo unha obra, ademais da "excelente" novela Scórpio, Fernández Rei destaca a súa Historia da literatura galega contemporánea, "o maior esforzo de sistematización da nosa literatura feito ata ese momento".

Monteagudo resalta a súa importancia como historiador da literatura e como crítico literario

Monteagudo resalta a importancia de Carvalho Calero como historiador da literatura e como crítico literario, ademais da súa propia obra literaria, entre a que destaca sobre todo Scórpio e a súa obra poética. Subliña igualmente o seu papel na xeración que conectou o galeguismo e o republicanismo anterior á Guerra Civil coas décadas posteriores e a súa participación nos proxectos culturais que deron vida ao galeguismo durante a ditadura

Ao falar de Carvalho Calero hai que falar tamén da súa defensa do achegamento do galego á grafía portuguesa e a súa aposta pol normativa reintegracionista. Que papel xogará isto nas homenaxes, investigacións e actividades ao redor da figura de Carvalho Calero durante o vindeiro ano? "A figura homenaxeada hai que coñecela en toda a súa extensión e afondando en todas as súas facetas e iniciativas. E dun xeito crítico. Non creo que el se sentise homenaxeado cun eloxio acrítico", sinala a este respecto Monteagudo.

"A norma é un aspecto importante en Carvalho Calero, pero é moito máis que iso, sería inxusto reducilo a esa cuestión", di Fernández Rei

Niso concorda Francisco Fernández Rei, que sinala que "a norma é un aspecto importante en Carvalho Calero, pero é moito máis que iso, sería inxusto reducilo a esa cuestión". "Consideramos que a Academia non debe temer o debate normativo, pois mala cousa sería se a institución non fose quen a defender social e filoloxicamente a bondade da normativa vixente", afirmaba sobre esta cuestión a nota de prensa do grupo que impulsou a proposta por el defendida.

Monumento dedicado a Ricardo Carvalho Calero en Compostela © Concello de Santiago

Carvalho Calero

Nacido en Ferrol en 1910 e finado en Compostela en 1990, foi membro do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista. Foi ademais o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas (1972) e ingresou na Real Academia galega o 17 de maio de 1958 a proposta de Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e Xesús Ferro Couselo; fíxoo cun discurso titulado "Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía", aínda que anos despois abandonou a institución. En 1963 publicou a imprescindible Historia da literatura galega contemporánea e entre a súa obra literaria destacan media ducia de obras teatrais, varios poemarios e tres novelas, entre elas a celebrada Scórpio, publicada en 1987. É ademais autor da Gramática elemental del gallego común (1966).

Dende mediados da década dos 70 pasou a defender publicamente unha aproximación e reintegración da lingua galega na portuguesa, acabando por abandonar a RAG. En 1981 foi nomeado membro da Academia das Ciências de Lisboa e en 1984 recibiu a Medalla Castelao. Era, igualmente, membro de honra da Associaçom Galega da Língua (AGAL).

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.