A RAG salienta que foi “unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX” destacando “tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, converténdose en 1972 no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas”
A Real Academia Galega (RAG) ratificou este sábado que Ricardo Carvalho Calero será o homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2020. Fíxoo despois de que as dúas únicas propostas para esta edición fosen as dúas sobre a figura do filólogo e escritor ferrolán, que xa estivera sobre a mesa da institución en 2005, 2006, 2008, 2009, 2013, 2014, 2015, 2016, 2017 e 2018. Agora recibirá finalmente a homenaxe o ano próximo, coincidindo co 110 aniversario do seu nacemento e o 30 aniversario do seu pasamento.
As dúas propostas que chegaban este sábado ao plenario da RAG viñan avaladas por 13 e 9 académicos, respectivamente, que sumaban un total de 22 dos 30 membros. Porén, o resultado da votación, na que particiaron 23 membros (17 presentes e 6 por correo) foi de 21 votos a favor, un en branco e un en contra.
A polémica arredor da grafía e a figura do homenaxeado volveu xurdir ao referirse a RAG a el como “Carballo Calero” e a Xunta como “Carvallo Calero”, algo que rectificou aos poucos minutos
Nos días previos á ratificación deste sábado representantes das dúas propostas así como a Comisión Carvalho Calero de Ferrol que levaba anos reclamando a homenaxe salientaban que, máis alá das discrepancias, o importante, por xustiza, era que tivera o seu Día das Letras. Porén, a polémica volveu suscitarse este sábado arredor da figura de Carvalho Calero, defensor da grafía portuguesa, ao referirse a el a RAG no comunicado oficial co que anunciou o Día das Letras como “Carballo Calero”, provocando diversas reaccións críticas nas redes sociais. A propia Xunta emitiu un comunicado celebrando a decisión da RAG no que se refería ao autor en varias ocasións como “Carvallo Calero” que rectificou aos poucos minutos por outro no que o mudaba por “Carballo Calero”.
A nota de prensa coa que a Academia glosa a longa traxectoria do autor limítase a sinalar no seu final que “desde mediados da década dos 70 pasou a defender a adopción dunha ortografía próxima á portuguesa para o galego e a aceptación do portugués como referencia fundamental do galego estándar. A partir desas datas empeza a asinar como Ricardo Carvalho Calero”.