- Arriba, corazóns galegos! Hoxe plebiscítase o futuro!
- Os franquistas tentaron roubar cartos da campaña do Estatuto do 36 mentres mataban os seus promotores
O 28 de xuño de 1936 amenceu con chuvia en gran parte de Galicia. No entanto, dende moi cedo comezou a haber movemento en diversos locais por todo o país. Os membros das mesas electorais estaban citados ás 7 da mañá para constituírense como tales e abrir as portas dende as 8 e ata as catro da tarde. Máis que o dunha xornada electoral, o ambiente semellaba o dun día de festa, especialmente nas principais cidades. Edificios oficiais como concellos e deputacións locían bandeiras galegas e da II República nas fiestras e, contra o mediodía, foron moitas as localidades nas que cadansúas bandas municipais se situaron nas principais prazas para tocar melodías galegas e culminar co himno. Chegara o plebiscito do Estatuto, un proceso agardado dende había case media década e que a vitoria da Fronte Popular nas eleccións de febreiro precipitara para ese 28 de xuño de hai 82 anos.
As forzas da Fronte Popular, co Partido Galeguista á fronte, foran as grandes protagonistas da campaña do Estatuto, pouco máis de dúas semanas de intensísima actividade política por toda Galicia planificada con moita premura dende o Comité Central da Autonomía dende que, o 17 de maio, se sinalou a data do referendo. Os primeiros grandes mitins da campaña fixáronse para o domingo 7 de xuño na Coruña e celebráronse simultaneamente en dous teatros da cidade, o desaparecido Linares Rivas -nos Cantóns, onde despois se ubicaría o cine Avenida- e o Rosalía de Castro.
Un sistema de altofalantes instalado para a ocasión permitiu que fosen escoitados nos dous recintos todos os discursos, que ademais foron retransmitidos por radio, unha tecnoloxía aínda moderna que tivo gran peso na campaña. A folga do servizo de limpeza das rúas impediu ao alcalde coruñés, Alfredo Suárez Ferrín, presidir os actos. Fora o seu homólogo de Santiago, Ánxel Casal, o encargado de abrir oficialmente uns actos que, como todos os que virían despois, foron multicores no que a siglas partidarias se refiren. Os mitins non eran dun só partido, senón de todas as forzas políticas a prol do Estatuto: "No sentimento de amor a Galicia unímonos todos, sexan do partido que sexan; temos que coincidir nesta irmandade con aqueles que non comungan coas nosas ideas", proclamara Alfonso Daniel Rodríguez Castelao naquel primeiro mitin do Rosalía.
Castelao, no mitin inaugural da campaña: "No sentimento de amor a Galicia unímonos todos, sexan do partido que sexan"
"Dinnos os atrasados que non estamos no bo camiño tildándonos de separatistas", advertira Castelao no mitin, segundo recollera o xornal El Pueblo Gallego. "Os patrioteiros que nos acusan a nós de crear fronteiras verticais separan ao pobo, eles si son separatistas", advertira. "Os galegos non temos sentimentos patrioteiros, pero si un concepto humano de Galicia e por iso pregunto: convén a Galicia a autonomía? Convén á República a autonomía de Galicia?". "Si, si", clamou o público do teatro. "Daquela, o 28 de xuño iremos todos os galegos non a depositar unha papeleta co nome dunha persoa, senón un 'si' elocuentísimo".
Alexandre Bóveda: "Que as mulleres sexan as primeiras en marcar o camiño das urnas"
Dirixentes como o comunista Gumersindo Montero, César Alvajar no nome de Unión Republicana ou o socialista Marcial Fernández, entre outros moitos, foron os protagonistas duns actos nos que a prensa da época destacou tamén especialmente as intervencións de Alexandre Bóveda pola súa mestura de datos e emotividade. Bóveda explicaba ao público as vantaxes de que Galicia puidese xestionar un Orzamento de seu, pero tamén apelaba aos sentimentos para animar á participación no plebiscito. Fíxoo, por exemplo, o 11 de xuño dende o palco da música da Praza da República de Lugo -actual Praza Maior-, á que acudiran milleiros de persoas de diversos puntos da provincia. "Que non haxa un galego que deixe de votar, porque sería a negación da súa terra", resaltara antes de facer un "chamamento" especial ao voto feminino: "que as mulleres sexan as primeiras en marcar o camiño das urnas" a prol do Estatuto, animou Bóveda. "Galicia bástase por si soa para gobernarse", agregara o alcalde lucense, Francisco Lamas, de Izquierda Republicana.
"Galicia non quere favores, quere gobernarse a si mesma"
A posibilidade de lexislar dende Galicia foi, precisamente, outro dos grandes eixos da campaña do Estatuto. Así o explicara o alcalde de Ferrol noutro dos grandes actos da campaña, o mitin do 14 de xuño no Teatro Principal de Pontevedra. "Aos socialistas a autonomía inspíranos unha forte simpatí e recoñecemos como unha das súas maiores vantaxes que o Parlamento galego poida facer a súa propia lei municipal, porque a española non nos serve". Neste sentido, retaba ás forzas contrarias ao Estatuto: "Combatéstesnos dicindo se seremos capaces de levar adiante a autonomía, eu digo que o mellor medio é demostralo".
Peña Novo: "Galicia non quere favores de ministros nin de deputados, quere un goberno propio que faga as cousas porque son necesarias para o benestar do país galego"
As leis galegas servirían tamén para protexer o idioma propio. Así o resaltaba nos seus discursos outro dos oradores máis apaixonados da campaña, Lois Peña Novo. As futuras institucións galegas mostrarían pola vía dos feitos que o galego non era "fala brava de xente zafia", senón "instrumento dunha cultura nova, verbo unificado das terras fecundadas polo espírito de Portugal e do Brasil". "Non se trataba" de lanzar unha "loita de linguas" co castelán, senón de "dar ao galego instrumentos de expresión que abran horizontes nas dúas grandes ribeiras do mundo", argumentaba Peña Novo, que días despois resumiría con vehemencia en Vigo os porqués da súa militancia a prol do Estatuto: "Galicia non quere favores de ministros nin de deputados, quere gobernarse a si mesma, quere un goberno propio que faga as cousas porque son necesarias para o benestar do país galego".
Con esta vontade chegou o día das votacións, nas que moitas rúas de vilas e cidades seguían a locer en paredes enteiras os 70.000 carteis de propaganda que o Comité Central da Autonomía editara con deseños de artistas como Castelao ou Díaz Baliño. Entre os ecos dos últimos eventos autonomistas da campaña, como o que xuntou milleiros de persoas nos coruñeses xardíns de Méndez Núñez, as urnas abriron e o reconto indicou un triunfo esmagador do "si", en torno ao que despois se falaría de "santo pucheirazo": 991.476 votos a prol fronte a 6.085 en contra e 1.378 en branco.
Ánxel Casal comunicou o resultado ao presidente da República e púxose en marcha os proceso para a entrega oficial do texto plebiscitado nas Cortes. O trámite concluiría o 17 de xullo en Madrid e un día despois o golpe franquista desencadearía a barbarie. Moitos dos protagonistas da alegre campaña estatutaria foron asasinados polos golpistas, que ademais tentaron roubar os cartos que quedaran da campaña.