Estatuto do 36: A Galicia que soñou coa "concordia"

Cartaces da campaña do Estatuto do 36 Dominio Público Castelao / Díaz Baliño

No verán de 2011 Avelino Pousa Antelo xa andaba xusto de forzas físicas pero a súa lucidez mental estaba intacta. Un recuncho da súa casa de Teo, convertido en pequeno despacho, rebordaba libros, fotografías e carteis que eran só unha pequenísima parte da morea de lembranzas que atesouraba quen fora membro destacado das Mocidades Galeguistas. Co seu inseparable caxato na man don Avelino relataba con detalle, por exemplo, o mitin que Ramón Suárez Picallo ofrecera nun Día da Patria na compostelá Praza da Quintana e que fora interrompido "por un facha" con berros de "viva España". Lonxe de ignoralo Suárez Picallo retrucou sinalando que se se trataba da España da liberdade, da diversidade de do respecto aos dereitos el tamén se unía ao berro. En troques, se o viva era para a España "escura", o seu berro sería "morra España". Esa experiencia acumulada serviulle a Pousa Antelo para cando, con pouco máis de 20 anos, tivo que ofrecer os seus propios mitins para animar a apoiar o Estatuto de Autonomía de 1936, do que este sábado se fan setenta e oito anos.

Xunto a outros membros das Mocidades Galeguistas e doutras organizacións, caso por exemplo do "chaval" Isaac Díaz Pardo, a Pousa Antelo tocoulle facer campaña pola comarca de Compostela. Para pedir o apoio ao Estatuto contaban cunha ferramenta esencial: un camión de recollida do lixo do Concello de Santiago emprestado polo alcalde da capital, o tamén galeguista Ánxel Casal, con "dúas buguinas de cartón" acopladas no vehículo para a ocasión. Salas de teatro, de cinema ou a propia rúa foron os escenarios desa campaña de proselitismo cuxa orixe hai que buscala catro anos antes, na Asemblea de Concellos convocada en Compostela para o lanzamento do texto estatutario.

Pousa Antelo e outros mozos participaron activamente na campaña a prol do Estatuto

Quen impulsara esta convocatoria fora o concelleiro santiagués Enrique Rajoy Leloup -avó do actual presidente do Goberno de España-. No consistorio da actual capital leu unha carta remitida por Alfonso Rodríguez Castelao explicando a importancia da autonomía, que xa avanzaba con vigor en Euskadi e Catalunya, e propiciou unha asemblea á que foron convocados, ademais dos gobernos locais, os deputados galegos nas Cortes da II República, "os partidos políticos organizados en Galicia", as cámaras de comercio, as sociedades de amigos do país, as sociedades agrarias e a universidade. Eran, en definitiva, "todas as forzas vivas do país", en verbas de Castelao.

O risco localista

Os debates desenvolvidos naquela Asemblea poden ser recuperados grazas ás actas elaborada polo notario Manuel Banet, quen recibiu este "honroso requerimento" de Arturo Cuadrado, xornalista e funcionario do Concello de Santiago. Ademais das cuestións referentes ao propio autogoberno, ao idioma e aos diferentes asuntos sectoriais aquel cónclave de 1932 foi tamén escenario de debates que marcaron tamén a recuperación da autonomía nos anos 80 do século pasado, caso por exemplo do localismo. Así, como faría cincuenta anos despois Francisco Vázquez, o alcalde da Coruña, Manuel Iglesias Corral, esixiu que o Estatuto fixase a súa cidade como sede da Asemblea -Parlamento- de Galicia, isto é, como capital. Os representantes doutros municipios fixaron posicións a favor e en contra ata que Valentín Paz Andrade tomou a palabra "no nome do Partido Galeguista" e "pediu á asemblea serenidade para non deixarse influír por ningunha tendencia localista". Reclamou, ademais, "concordia polo ben de Galicia", segundo as actas de Banet.

Valentín Paz Andrade apelou á "serenidade" e á "concordia" para "non deixarse influír por ningunha tendencia localista" na elaboración do Estatuto

Malia ás tensións o Estatuto ficou aprobado e encomendoulle ao denominado Comité Central da Autonomía, con Rajoy como secretario xeral, a negociación co Goberno español para obter un imprescindible decreto que facultase o comité para realizar os trámites previos ao referendo. O decreto foi, efectivamente, aprobado, pero a vitoria da Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA) nas eleccións do outono de 1933 freou o proceso. "Os galeguistas -deixou escrito Castelao- xuramentámonos para gardar silenzo, a ver se o Goberno se esquecía de derrogalo". Esquecemento ou non, o certo é que non o derrogou e, cara ás eleccións de 1936, o Partido Galeguista integrouse na Fronte Popular e inseriu no seu programa a reactivación do proceso autonómico galego, que en maio de 1936 quedou fixado para o devandito 28 de xuño.

Neste punto foi no que entrou en xogo unha campaña que, a xulgar polos resultados, se podería cualificar como exitosa: 993.351 votos a favor e pouco máis de 6.000 en contra. O Executivo da II República Española fixara como requisito para a entrada en vigor do Estatuto que este fora apoiado por dous terzos do censo e fora cumprida "de maneira insuperábel", dixo Castelao, no que para algúns foi un éxito das teses autonomistas e, para outros, un "santo pucheirazo" acorde cunhas discretas garantías na celebración de procesos electorais. Tras a vitoria do "si" unha delegación galega desprazouse o 15 de xullo a Madrid para entregar o Estatuto aos presidentes das Cortes e da República, só tres días antes do golpe de Estado franquista. Mentres as tropas de quen sería ditador durante corenta anos sometían Galicia a unha férrea represión as Cortes republicanas, exiliadas en Catalunya, tramitaban o Estatuto galego.

Portada dunha edición do Estatuto do 36 Dominio Público Camilo Díaz Baliño

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.