Pontón reivindica o BNG como "o Partido Galeguista do século XXI" no 90º aniversario da súa fundación

Marta Gómez, Ana Pontón e Fernández Lores, no acto do BNG en Pontevedra CC-BY-NC-SA BNG

Co gallo do 90º aniversario da fundación do Partido Galeguista (PG), o BNG celebrou este luns un acto en Pontevedra no que se reivindicou como "herdeiro do legado" da histórica formación e do seu programa. "Que era de avance social e revolucionario; era en 1931 e é en 2021", dixo a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, que volveu fixar a presidencia da Xunta como o "obxectivo" do traballo dunha fronte nacionalista que pretende "disputar a hexemonía ao PP". 

Ana Pontón reivindicou o programa e o legado do Partido Galeguista, do que o BNG se declara "herdeiro": "Vimos de lonxe e imos chegar aínda máis lonxe"

Nun acto baixo o lema Galiza, unha nación viva, o BNG quixo "celebrar o pasado mais tamén poñer a ollada no futuro". "Temos por diante citas electorais importantes que teñen que servir para acadar o obxectivo de termos a presidencia da Xunta", dixo Pontón no Teatro Principal de Pontevedra, a mesma cidade onde 90 anos antes se fundara o Partido Galeguista, cristalizando así  en boa medida o proceso emprendido polas Irmandades da Fala en 1918 nas sucesivas Asembleas Nazonalistas.

“O BNG é o Partido Galeguista do século XXI, vimos de lonxe e imos chegar aínda máis lonxe”, proclamou Pontón, tras subliñar que se ben o mundo cambiou moito desde os anos 30, si houbo algo que non mudou: “A necesidade do nacionalismo para Galiza, que precisa máis que nunca forzas políticas coas mans libres para defender os seus intereses”.

Ana Pontón intervén no acto do BNG en Pontevedra CC-BY-NC-SA BNG

Ademais, instou a frear un centralismo “que se estende como mancha de chapapote, viscosa e contaminante, para tapar a realidade dun Estado que é plurinacional, pluricultural e plurilingüe”. 

Pontón reivindicou especialmente as mulleres militantes do Pardigo Galeguista: "O futuro de Galiza será feminista ou non será"

Reivindicou Pontón o avanzado programa político que deseñara o PG hai case un século e lembrou os nomes das mulleres militantes da formación para insistir despois na "nación viva" coa que define a Galicia e no "nacionalismo liberador" que representaría o BNG. 

Así, reivindicou a Amparo López, María Miramontes, Elvira Bao, Micaela Chao, Antonia Pardo, Virxinia Pereira, Antonia Pardo, Amalia Álvarez, Ernestina Otero e tantas outras. “Porque elas foron, somos. E porque somos, o futuro de Galiza será feminista, ou non será”, proclamou a líder nacionalista, que destacou a "equipa de primeira" que todos conformaban xunto con Castelao, Bóveda, os irmás Vilar Ponte e Suárez Picallo, Victor Casas, Johan Carballeira, Ánxel Casal ou Otero Pedrayo.

Por todos eles, instou á "celebración" dese legado que deixaron os históricos galeguistas para este 6 de decembro: "Non celebrarmos a Constitución da monarquía corrupta e a do Réxime do 78 apuntalado por PSOE e Podemos recentemente". 

"Non celebrarmos a Constitución da monarquía corrupta e a do Réxime do 78 apuntalado por PSOE e Podemos recentemente"

Pontón insistiu para criticar unha Constitución "que blinda a impunidade dunha casa real corrupta" ou "nega a plurinacionalidade e impón un centralismo letal, nin a que apuntala unha democracia de baixa calidade trufada de portas xiratorias, de corrupción institucionalizada e de control partidista dos órganos xudiciais”.

En contraposición situou un BNG que encara un novo ciclo político co "obxectivo" de liderar a presidencia da Xunta impulsado por "un proxecto gañador" co que "disputarlle a hexemonía ao PP". “Imos construír unha Galiza en grande que deixe atrás a Galiza en pequeno que nos lega o PP de Feijóo, porque o BNG ten confianza no país, no seu potencial e sabemos cara onde queremos camiñar: cara a unha Galiza máis xusta, con servizos públicos fortes, á vangarda na loita contra a emerxencia climática, con base na ciencia e na innovación, con oportunidades para a mocidade, feminista, unha Galiza internacionalista e solidaria, que defenda os dereitos dos pobos e unha democracia de calidade”, resumiu. 

Marta Gómez, Ana Pontón e Fernández Lores, no acto do BNG en Pontevedra CC-BY-NC-SA BNG

Alén disto, Pontón demandou un novo "estatus político de nación” e autonomía financeira, ademais de apostar por que "a enerxía se poña ao servizo da xente e das empresas galegas”, dixo nun acto no que tamén tomaron a palabra o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez.

"Imos derrotar os que nos din que non é posíbel, facer realidade os nosos soños, con humildade, determinación e orgullo imos construír esta nación viva, o gran país moderno e con futuro, a gran Galiza que queremos e que merecemos”, concluíu Pontón. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.