No vindeiro outono cumpriranse cen anos desde que os persoeiros das Irmandades da Fala, reunidos na II Asemblea Nazonalista, deciden a elección do 25 de xullo como “Día de Galicia”. O centenario dunha decisión que buscaba reforzar os sinais de identidade do país e os símbolos nacionais e que supuxo a instauración dunha xornada que, desde aquela, vai moito máis aló da súa vertente relixiosa para tornar tamén en festa e reivindicación.
No outono de 1919, na II Asemblea Nazonalista celebrada en Compostela, as Irmandades deciden a elección do 25 de xullo como Día de Galicia
Aclarábano as Irmandades ao explicar que a escolla da data non fora “pol-a súa sinificación relixiosa, pois o noso movemento non é confesional nin aconfesional", senón “pol-á sinificación mítica e simbólica” da xornada. Con todo, foi a cuestión relixiosa un dos motivos de polémica e discusión daquela segunda asemblea do nacionalismo, celebrada no Colexio San Clemente de Compostela entre os días 7 e 9 de novembro de 1919. De “agre polémica” falaban os xornais da época ao relatar o debate sobre “se o nacionalismo debe ser ou non confesional”, unha disputa que acabou por ser suspendida e coa marcha de asembleístas tras “ruidosos incidentes”.
A outra razón do conflito, contaban El Ideal Gallego ou El Orzán, residía en decidir se o “ideario máximo” do nacionalismo establecido na I Asemblea de Lugo do ano anterior debía ser “intanxible ou ser modificado”. Causou o “millonésimo incidente”, contaba a prensa. Fora daquela, en 1918, cando se estableceu o primeiro programa político nacional para Galicia, reclamando “autonomía integral” para o país, un “salto ideolóxico” que foi a base da que nacería logo o Partido Galeguista.
Gil Casares, un dos persoeiros presente, decidiu buscar “o práctico” ante os continuos debates e apostar por un programa mínimo de “cumprimento urxente”. Propoñer, xa que logo, solucións para problemas inmediatos, máis aló dun ideario xa asentado e que, lembrouse, estaba xa definido. Entre aquelas proposicións, a de instaurar o 25 de xullo como Día de Galicia. A coincidencia desta xornada cunha festividade relixiosa provocou que a elección non fose a preferida por todos. Antón Vilar Ponte, presidente da Mesa naquel día, propuxo anos despois celebralo o 17 de decembro, data na que fora executado o mariscal Pardo de Cela na praza da catedral de Mondoñedo. Pero, xa en 1920, tal e como se acordara, celebrouse aquela primeira xornada de “autoafirmación”, coa Diada catalá como un dos principais referentes.
A coincidencia do Día de Galicia coa celebración relixiosa provocou que membros das Irmandades propuxesen outra xornada, como o 17 de decembro, data da execución de Pardo de Cela
Os irmandiños tamén chamaron a unirse á celebración a "irmáns, amigos i-enimigos". Izados da bandeira azul e branca en edificios destacados, repartos de propaganda e actos políticos e culturais protagonizaron os primeiros pasos dunha celebración que, segundo indicaba A Nosa Terra no seu editorial do 25 de xullo de 1922, debía ser de "comunión e ledicia para os galegos, un acto externo para que moitos dos nosos compatriotas se dean conta do que son, da terra nai, á que teñen que volver se queren ser algo"."Que hoxe todos poñan o seu pensamento en Galicia, falen a súa propia fala, e recen os versos dos nosos poetas!", animaban.
Asentou así unha celebración polo 25 de xullo grazas a aquela asemblea que debateu e propuxo moito máis que aquel Día de Galicia. Gil Casares, Vicente Risco, Quintanilla, Peña Novo, Castelao, Xesús Culebras, Tomás Rodríguez, Vilar Ponte, Deulofeu, Noguerol... Importantes persoeiros do galeguismo e nacionalismo participaron durante tres días nos debates. Na apertura, insistiron en pular pola “transformación” e o “común progreso” de Galicia, así como o desenvolvemento da súa “cultura propia” e dun país “por e para os galegos”.
No día seguinte, os asembleístas homenaxearon e asistiron a unha misa na honra de Luís Porteiro Garea, falecido pola pandemia de gripe un ano antes con só 28, un dos fundadores das Irmandades e impulsor do nacionalismo político máis aló da reivindicación cultural e lingüística. Na mesma xornada, acordaron unha serie de demandas que incluían a reforma electoral para un sistema proporcional nas eleccións ás Cortes ou a “rápida construción” do ferrocarril da costa, “que tanto interesa a Galicia”.
Pola tarde, acabáronse de definir outra serie de demandas tras unha unánime “censura ao caciquismo”. Entre elas, o “intercambio cultural entre España e Portugal” e unha “franquía de Aduanas entre ambos países para as obras de carácter cultural”, ademais de reclamar a “libre entrada dos portugueses en España e reciprocidade en Portugal”.
A asemblea demandou naquela xornada a “libre entrada dos portugueses en España e reciprocidade en Portugal”, a creación dunha cátedra de Historia Galega ou unha Escola de Xornalistas Galegos
Tamén se reclama a “autorización aos concellos para urbanizar as cidades”, unha bolsa de traballo en Galicia para os emigrantes, un tribunal social para dirimir cuestións entre obreiros e patróns ou a representación das industrias pesqueiras galegas e dos sindicatos labregos na Junta de Valoraciones y Aranceles. Ademais, demandouse unha Escola de Xornalistas Galegos, o traslado da cátedra de Lingua e Literatura Galega á Universidade de Santiago ou a creación das de Historia Galega e Dereito Político Galego. Pero tamén algunha proposta que viña adaptarse a unha das paixóns que no ocio estaban a callar entre a cidadanía: “Que sexan decretados de interese público, sen necesidade de expediente, os parques e terreos públicos destinados ao xogo do football”.
Entre os temas máis polémicos, unha petición para que o galego, ao igual que o catalán e o vasco, fose incluído na Real Academia de la Lengua. Houbo que votar esta proposta, xa que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao pediu que o galego fose incluído na Académia da Língua Portuguesa.
Vicente Risco, ademais, logrou que se aprobase unha conclusión: “Os nazonalistas, agora como decote, coidan que o problema galego é un problema de persoalidade, de libertade e de dinidade. Queren todalas descentralizacións políticas e administrativas, mais entenden que ainda conqueridas estas descentralizacións, o problema nazonalista ficaría sen resolvere. Soio ha ter resolución cando sexamos donos dunha persoalidade propia basada no trunfo dunha propia cultura, que nos independice das culturas alleas”.
Púxoselle así o ramo á II Asemblea Nazonalista, a que instaurou o Día de Galicia o 25 de xullo, que xa foi celebrado no 1920. “Que dentro de poucos anos, o 25 de xullo, non haxa un fogar galego, aldeán ou vilego, que non deixe de exteriorizar o seu patriotismo”, desexaban as Irmandades.
No entanto, apenas un ano despois a celebración da incipiente festa chegaron os primeiros obstáculos serios para a súa expansión. A ditadura de Primo de Rivera pasou a considerar "perigosa" e "separatista" toda simboloxía e chamamentos políticos nacionais que non fosen os españois, e por iso prohibiu todas estas manifestacións, que viraron máis privadas e simbólicas.
A ditadura de Primo de Rivera denunciou o Día de Galicia por "perigoso" e "separatista" e o franquismo provocou que a reivindicación política do 25 de xullo deixase practicamente de existir durante uns anos
A fin do directorio de Primo de Rivera en 1930 deu lugar a unha certa apertura das autoridades, podendo recuperarse as celebracións galeguistas. A chegada da II República impulsou as celebracións do 25 de xullo, a partir de 1931 nucleadas, en boa medida, en torno ao Partido Galeguista, que impulsou en diversas localidades do país mitins e xantares festivos mentres publicacións como A Nosa Terra ou El Pueblo Gallego tiraban números especiais. A partir de 1934 as Mocidades Galeguistas estenden a celebración xa á noite do día 24 coa organización en Santiago do Mitin das Arengas, que só tería dúas edicións.
O golpe de 1936 e a posterior ditadura provocaron, sobre todo nos seus primeiros anos, que os actos do 25 de xullo ligados a Galicia deixasen practicamente de existir no territorio galego. Impulsáronse no entanto, na emigración e no exilio, con fitos como o Alba de Groria de Castelao.
A mediados dos anos 50 os galeguistas agrupados en torno á emerxente Editorial Galaxia impulsaron o máis semellante a unha celebración do 25 de xullo en clave galega dende a fin da República: a Misa de Rosalía en San Domingos de Bonaval. Habería que agardar case 20 anos máis ata que, en 1968, a Unión do Povo Galego comezase a organizar actos en clave netamente política polo Día da Patria. En 1979, o primeiro presidente da Xunta preautonómica, Antonio Rosón, promulgaba o decreto "polo que se declara Día Nacional de Galicia o 25 de xullo de cada ano", denominación que segue a ser oficial na actualidade aínda que o Goberno galego a ignore recorrentemente.