As Irmandades da Fala volven ir de romaría, un século despois

Homenaxe a Castelao en Lugo: Bandeira da Irmandade da Fala luguesa, 1932 Dominio Público RAG

"A la caída de la tarde regresaban los expedicionarios, en medio de una visible impresión de simpatía de los aldeanos de aquellos contornos, gozosos de ver a una muchedumbre de señoritos hablando el gallego colectivamente y sin timideces". Así relataba a crónica de La Voz de Galicia o remate da "xunta campestre" que o 2 de xullo de 1916 celebraron nos campos de Elviña as Irmandades da Fala da Coruña. Esta xuntanza foi o primeiro acto público, festivo e asembleario en prol do idioma galego.

O vindeiro sábado 7 de xullo o Colectivo Literario In Nave Civitas, a Asociación de Vecinos Os Rexumeiros de Castro de Elviña e a Sociedade Cultural Deportiva Tempo Novo organizan unha romaría que servirá para lembrar aquelas xuntas campestres das Irmandades. A convocatoria busca repetir o percorrido realizado daquela polos Vilar Ponte, Lugrís ou Cabanillas. Os e as integrantes das Irmandades foran citados en en Monelos, daquela nas aforas da Coruña, na entrada da Granxa Agrícola Experimental que alí existiu entre 1888 e 1964. Dende alí un cento de persoas subiron polo río Monelos ata a igrexa de San Vicente de Elviña, camiñando cara ao piñeiral e o Castro de Elviña para celebrar alí unha xunta xeral, a primeira da asociación.

Así, de igual xeito este sábado a romaría partirá ás 12 horas do lugar que ocupaba a Granxa Agrícola Experimental, hoxe un aparcadoiro anexo ao Mercado do barrio. Dende alí camiñarase ata o lugar de Os Curutos (preto do Castro de Elviña), facendo unha parada ás 13 horas no local social Sociedade Cultural Deportiva Tempo Novo, na aldea de Elviña. Ás 14.30 comezará o xantar campestre, levando cada persoa o que queira comer ou compartir. 

"Cen anos despois seguimos a reivindicar Elviña como terra máxica que continúa a resistir contra a invasión do cemento", destacan as tres entidades convocantes

"Hai un século as Irmandades da Fala xuntábanse en Elviña para celebrar unha romaría campestre na que se reunían xentes chegadas da Vila con veciñanza de Elviña e de moitos outros lugares da parroquia. Vilar Ponte, Lugrís Freire e moitos outros galeguistas da época escolleron estas terras como símbolo dos ideais e das loitas. Cen anos despois seguimos a reivindicar Elviña como terra máxica que continúa a resistir contra a invasión do cemento", destacan as tres entidades convocantes, que animan a "virdes vestidos e vestidas coas vosas mellores galas esportivas de 1918".

 

A 'Xunta Campestre' orixinal

A convocatoria era ás tres e media da tarde en Monelos. Dende alí, as persoas citadas pola Irmandade dos Amigos da Fala da Coruña subiron ata a aldea de Castro. Cando chegaron alí xa estaban agardando un bo número de familias que decidiran sumarse, entre elas moitos veciños e labregos da parroquia. Xuntas, ao redor dun cento de persoas completaron o derradeiro treito do percorrido, ata chegar ao curuto do monte, onde se sitúa o Castro de Elviña e dende onde se pode ver unha fermosa vista de toda a cidade da Coruña.

Lugrís Freire lembrou os obxectivos da Irmandade da Fala, que fora creada mes e medio antes (o 18 de maio de 1916): propagar e ennobrecer a lingua galega

Alí Antón Vilar Ponte, fundador e conselleiro primeiro da Irmandade da Coruña, dixo unhas palabras a xeito de saúde e procedeu a ler "un buen puñado de telegramas y telefonemas de adhesión", segundo relatou La Voz de Galicia. "Todos ellos están escritos en gallego, naturalmente", engadía o xornal. A continuación, "el señor Lugrís Freire hizo también, en lengua nativa, un bello discurso dicho con todo el fuego y la vehemencia que caracterizan al orador", sinala a crónica xornalística. Na súa intervención Lugrís Freire lembrou os obxectivos da Irmandade da Fala, que fora creada mes e medio antes (o 18 de maio de 1916): propagar e ennobrecer a lingua galega. Ademais, leu algúns poemas de Uxío Carré Aldao e de Ramón Cabanillas, que tamén estaba presente na romaría.

"A la caída de la tarde regresaban los expedicionarios, en medio de una visible impresión de simpatía de los aldeanos, gozosos de ver a una muchedumbre de señoritos hablando el gallego colectivamente y sin timideces"

A seguir, deu comezo a merenda "que fue animadísima", contaba o xornal, engadindo que "para que lo fuese más, surgió un formidable gaitero [o coruñés Emiliano Moscoso]. Se bailó la muñieira y la jota del país y se cantaron alalás y otras cantigas". Así, xa á tardiña, rematou a romaría e os e as participantes desandaron o camiño percorrido, baixando dende o monte de Elviña ata a cidade, como comenta a crónica: "A la caída de la tarde regresaban los expedicionarios, en medio de una visible impresión de simpatía de los aldeanos de aquellos contornos, gozosos de ver a una muchedumbre de señoritos hablando el gallego colectivamente y sin timideces".

 

Cartel da romaría que lembrará a 'xunta campestre' das Irmandades da Fala © In Nave Civitas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.