0 Gardados para despois

A Granxa Agrícola de Monelos: O Centro de I+D+i que 'inventou' a vaca galega

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Entre 1888 e 1964 funcionou na Coruña a Granxa Agrícola Experimental, o primeiro centro dedicado á mellora das técnicas e produtos agrarios e gandeiros creada en Galicia e que durante décadas impulsou a modernización do campo galego e a formación dos labregos e labregas, aplicando a ciencia e a investigación. Entre os seus logros máis rechamantes está, sen dúbida, o de ter fixado a raza rubia galega, ou por exemplo a introdución do cultivo do lúpulo no noso país, dando lugar á primeira cervexa galega, ademais de realizar un importante labor na loita contra pragas e na construción dun coñecemento experto que axudou á modernización do campo. Nos anos sesenta o crecemento da cidade da Coruña (hoxe no lugar que ocupaba a granxa érguense avenidas e altos edificios) obrigou ao seu traslado a Guísamo e despois a Mabegondo, onde o Centro de Investigacións Agrarias continuou o seu labor.

Este mes de novembro puido verse no Forum Metropolitano unha exposición (organizada pola Asociación de veciños Oza-Gaiteira-Os Castros e a Asociación Cultural Alexandre Boveda que percorreu a historia da institución, clausurada este luns cunha conferencia de Xosé Antón Fraga, ex director dos Museos Científicos Coruñeses. Xa hai uns anos o grupo de investigación Histagra da USC impulsou unha mostra sobre a Granxa. Falamos con Xosé Antón Fraga.

"A granxa incluíu un aspecto moi moderno, que era o establecemento de diálogo e interlocución cos destinatarios do cambio"

Por que a Granxa Agrícola Experimental de Monelos tivo un impacto tan grande?

Foi o primeiro centro que houbo dedicado a incorporar a ciencia á produción agrícola e gandeira. Dende bastantes décadas atrás institucións coma as sociedades económicas de amigos do país e algúns profesores universitarios fixeran reflexións sobre o tema. Tamén algúns propietarios de mentalidade ilustrada escribiran algo sobre o asunto e propuxeran novas técnicas para mellorar a produción. O que pasa é que todas esas iniciativas illadas non se traduciron nun proxecto concreto que incorporara o que incorporou a granxa e coa filosofía que tiña a granxa. A granxa incluíu un aspecto moi moderno, que era o establecemento de diálogo e interlocución cos destinatarios do cambio. Anteriormente as propostas de mellora eran feitas por grandes propietarios que tiñan os seus propios intereses, pero a granxa dirixiuse ao agricultor e ao gandeiro medio galego, que tiña unha pequena explotación, con poucos animais e unha limitada extensión de terreo cultivable.

"Creáronse 16 campos por toda Galicia nos que se facían demostracións prácticas dos cultivos. E había tamén unha cátedra ambulante que ía por todas as aldeas explicando as técnicas e melloras"

Os labregos aceptaban con facilidade as melloras suxeridas polo persoal da granxa experimental?

Esa xente sempre é cualificada como conservadora, pero conservadora tiña que ser. Por moito que se achegase un profesor de universidade ou un aristócrata que estaba nunha sociedade económica a propoñer mellorar, iso eles víano como algo moi alleo, porque os seus recursos eran moi limitados, non podían arriscar, tiñan que apostar por cousas que tivesen unha eficacia probada. A granxa tivo en conta isto, e en vez de emitir longos discursos para explicar as bondades das melloras técnicas o que facían era convidar a xente a visitar as instalacións, para que visen como o millo ou o trigo que alí se plantaba era mellor. E ademais dábanlles esas sementes para que puidesen utilizalas. Así mesmo, creáronse 16 campos por toda Galicia nos que se facían demostracións prácticas dos cultivos. E había tamén unha cátedra ambulante que ía por todas as aldeas explicando as técnicas e melloras. Chegaron a sacar un boletín en 1899 no que ademais de poñer por escrito estas explicacións recollían correspondencia dos agricultores, pois recibían ao redor de 200 cartas ao ano.  A grande aposta foi esa interlocución e esa aposta decidida polo diálogo cos sectores máis receptivos do campo galego. Foi un proceso de décadas de sementar, nunca mellor dito, de contactar cos grupos activos, cos sindicatos que estaban xurdindo. E a xente convencíase en base a realidades e á solución práctica dos problemas que tiñan.

A consecuencia, logo, foi unha modernización xeral do campo galego?

Hai anos Lourenzo Fernández Prieto demostrou que o traballo da granxa e, máis tarde, o labor da Misión Biolóxica e outras iniciativas axudaron a consolidar un entramado social no campo galego moi potente e moi receptivo ás innovacións. Isto foi o máis importante de todo o conseguido pola granxa, algo que antes non existía, que estaba por construír.

"Ese tecido asociativo e de confianza que custou décadas construír cos elementos máis activos do agro, coa xente máis nova, no ano 1936 foi ao garete"

Unha modernización que a guerra cortou de raíz...

Cando aquí falamos da Guerra Civil referímonos sempre á represión e ás mortes, obviamente. Pero foi tamén un auténtico tsunami que sepultou cousas coma estas. Ese tecido asociativo e de confianza que custou décadas construír cos elementos máis activos do agro, coa xente máis nova, no ano 1936 foi ao garete. O diálogo co sector só se retomou nos anos sesenta a través de Extensión Agraria.

A raza rubia galega naceu en Monelos?

Non hai que perder de vista que a agricultura e a gandería galegas estaban a finais do século XIX nunha crise moi importante. Ata ese momento Galicia vendíalle a Inglaterra bastante gando vacún, pero nese momento aos ingleses comezou a serlles máis barato traelo en barcos frigoríficos de Arxentina ou dos Estados Unidos que mercalo en Galicia. Comezaba tamén a haber un mercado internacional agrícola, que antes non existía, polo que chegaban de fóra produtos máis baratos e no que ademais chegaron enfermidades, coma o mildio na viña ou a pinta nos castiñeiros. Foi unha sacudida para a agricultura e a gandaría galegas.

"A intención da granxa foi comezar a cruzar os exemplares autóctonos galegos que permitisen un uso máis polivalente (carne, leite e traballo) con exemplares da raza suiza Simmenthal e, ademais, organizar concursos de gando nos que primasen criterios obxectivos"

A cabana vacúa galega era moi heteroxénea; os que tiñan máis recursos mercaban un semental, ou mercaban exemplares da raza frisoa ou da raza normanda para cruzalos cos seus exemplares, e ían mellorando un pouco os seus animais. Facíase todo de forma bastante caótica e, ademais, no marco dun debate sobre a vaca que máis lle conviña a Galicia: máis produtora de leite (como defendía o Goberno de Madrid), máis produtora de carne, máis todo terreo (como defendían os técnicos da granxa e mais Rof Codina). A intención da granxa foi comezar a cruzar os exemplares autóctonos galegos que permitisen un uso máis polivalente (carne, leite e traballo) con exemplares da raza suiza Simmenthal e, ademais, organizar concursos de gando nos que primasen criterios obxectivos. En 1905 fíxose na Granxa o primeiro concurso galego de gando, e a partir de aí fóronse premiando en metálico os exemplares que máis se aproximaban ao que debía ser a vaca-tipo galega. Nun par de décadas, a cabana galega foi estandarizándose e creando a raza rubia galega, que é un produto da ciencia, conxugando o que xa existía coas necesidades reais dos gandeiros e definindo un método para chegar a ese obxectivo.

"A cabana galega foi estandarizándose e creando a raza rubia galega, que é un produto da ciencia, conxugando o que xa existía coas necesidades reais dos gandeiros e definindo un método para chegar a ese obxectivo"

É moi interesante porque estamos falando das cousas de comer da xente, de ciencia aplicada, da ciencia como ferramenta de cambio, dun proxecto de país. E aí houbo unha serie de persoas, como Rof Codina -que non traballaba na granxa, pero colaboraba continuamente con ela-, que conseguiron superar o caos anterior e foron definindo un tipo de vaca que permitiu dar un salto adiante. E, ademais, nun sector non que a xente era receptiva, porque unha vez que viron que isto funcionaba confiaban nestes técnicos.

A clave era ese traballo de base coa comunidade, o traballo conxunto, a información e a pedagoxía?

Fíxate o que pasa se facías o contrario. En 1876 montaron en Ortigueira unha estación de ostricultura, coma as que funcionaban en Arcachon, en Francia. O proxecto dirixíao un catedrático da Universidade de Madrid. Chegaron alí e montaron as instalacións sen ter en conta á xente que vivía nos arredores. Que pasaba, entón? Que a xente ou ben estaba nunha actitude pasiva ou de cando en cando escarallaba as instalacións. Porque non houbera un diálogo previo. E isto fíxose moitas veces en moitos lugares, unha especie de despotismo ilustrado na ciencia aplicada. Aquela experiencia de Ortigueira foi unhas das primeiras ocasións nas que se quixo incorporar a ciencia ao mar en Galicia, pero durou seis ou sete anos e pechou.

Que melloras impulsou a granxa na agricultura?

Fomentouse a agricultura industrial. A nosa agricultura non funcionaba a finais do século XIX como debería funcionar e, ademais, estaba totalmente desconectada da industria. Melloráronse, por exemplo, as especies de millo que se cultivaban e, ademais, introduciuse o cultivo do lúpulo. En 1913 o director da Granxa vai a Inglaterra e interésase polos cultivos de lúpulo, incorporando o seu cultivo na zona de Betanzos, conectado coa familia Rivera. Por certo, agora Estrella Galicia está traballando para recuperar esas producións, para fabricar cervexa co lúpulo orixinal. 

"A nosa agricultura non funcionaba a finais do século XIX como debería funcionar e, ademais, estaba totalmente desconectada da industria"

Tamén axudou ao control de pragas e enfermidades?

Si, tamén foi importante a creación da Estación de Fitopatoloxía, en 1928, porque foi a primeira vez que había en Galicia un centro dedicado ao estudo das enfermidades que se producían nos vexetais, que afectaban moitísimo á produción agraria. Aí, despois da guerra foi moi importante o labor de Juan Rodríguez Sardiña, que foi destinado á Granxa como castigo, polo seu apoio á República, e que foi moi importante no estudo dos microorganismos que afectaban aos vexetais.

Algo máis?

No campo formativo creouse en 1921 a primeira Escola de Peritos Agrícolas de Galicia. Durou pouco tempo, pero despois transformouse nunha Escola de Capataces Agrícolas, para formar ese persoal que tiña que facer divulgación por toda Galicia. Eu destacaría tamén o traballo miúdo e constante de asesoramento, de resolución de problemas e consultas que facía a xente. Así mesmo, a granxa interactuou moito coa sociedade da contorna, incrementou a sensibilidade ambiental, fomentou a Festa da Arbre.

Nos anos sesenta, nun momento de crecemento urbanístico da cidade, a granxa foi trasladada e non se conservou nada dela. Unha oportunidade perdida?

Era unha época moi mala. Os anos sesenta foron o tempo do desarrollismo e da especulación feroz, anos ademais nos que a sociedade estaba moi desarmada, e non había unha gran sensibilidade con estes temas. Entre a propia necesidade de ampliar e modernizar as instalacións e que esa era unha zona de ampliación da cidade, aquilo foi unha desfeita. Nin sequera preservaron o máis mínimo, podían ter deixado a preciosa casa modernista onde estaba a dirección ou outro tipo de instalacións. Pero nada, foi todo arrasado.

"Nin sequera preservaron o máis mínimo, podían ter deixado a preciosa casa modernista onde estaba a dirección ou outro tipo de instalacións. Pero nada, foi todo arrasado"

A Coruña era nese tempo a cidade máis moderna e dinámica de Galicia. O feito de que a Granxa se crease aquí entra, pois, dentro da lóxica?

A Coruña duplicou a súa poboación entre 1900 e 1930 e converteuse na urbe máis importante de Galicia. A creación da Granxa non foi un impulso illado: a revista Prácticas Modernas, que defendía toda esta incorporación da ciencia ao campo, estaba localizada na Coruña; a Cámara Agrícola provincial, moi activa, estaba localizada na Coruña. Digamos que a elite máis preocupada polos problemas do rural estaba na cidade. Na Coruña converxían estas circunstancias: que era unha cidade que estaba en pleno dinamismo e que reunía as elites intelectuais.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.