Irmandiñas: as mulleres esquecidas das Irmandades da Fala

Imaxes dalgunhas das mulleres cuxas traxectorias aborda a obra de Aurora Marco © Tiradas de 'Irmandiñas' - Laiovento

O grupo feminino da Irmandade da Fala da Coruña contaba con máis de 200 asociadas cando celebrou, o 22 de decembro de 1918, unha xunta xeral para a escolla de directiva. Elvira Bao foi escollida secretaria e Josefa Vázquez conselleira. Pero ningunha muller tomou a palabra naquela sesión. Foi Lois Peña Novo, o presidente, quen leu unha calorosa mensaxe enviada por un grupo de señoras, tras pronunciaren discursos varios irmandiños coñecidos. A investigadora Aurora Marco conta esta reveladora anécdota -eran outros tempos- en ‘Irmandiñas’ (Laiovento), o seu último libro.

Un ensaio no que reivindica non só as asociadas ás Irmandades da Fala, senón tamén a moitas mulleres que participaron de distintas iniciativas xurdidas arredor das Irmandades: as que formaron parte dos coros e agrupacións teatrais; as sociais ou protectoras do Seminario de Estudos Galegos; as militantes do Partido Galeguista; as que traballaron na Agrupación Republicana Feminina; as integrantes do Grupo Feminino do Partido Galeguista de Ourense ou as colaboradoras de ‘A Nosa Terra’. Mulleres, case todas, que foron esquecidas na celebración, no 2016, do centenario da fundación das Irmandades.

“O desinterese da historiografía galega polas investigacións de xénero, unido á invisibilidade da que foron obxecto as mulleres e a escasa valoración do seu activismo e das súas traxectorias por parte dalgunhas familias, explican que, nesta altura, non poidamos ofrecer uns mínimos trazos biográficos da maioría daquelas doantes”

“O desinterese da historiografía galega polas investigacións de xénero, unido á invisibilidade da que foron obxecto as mulleres e a escasa valoración do seu activismo e das súas traxectorias por parte dalgunhas familias, explican que, nesta altura, non poidamos ofrecer uns mínimos trazos biográficos da maioría daquelas doantes”, escribe Aurora Marco nun dos primeiros capítulos deste libro, referíndose ás mulleres que achegaron fondos para dotaren a Irmandade da Fala da Coruña cunha bandeira bordada. Entre elas estaba, por exemplo, Concepción González Varela, unha muller que desenvolveu unha carreira musical “brillante”, segundo salienta Marco. Concertista, e profesora de Música e Canto durante 45 anos, foi tamén a segunda esposa de Manuel Lugrís Freire e nai de Urbano Lugrís. Antón Patiño -lembra Marco- falou da auténtica “devoción” que o pintor surrealista sentía pola súa nai, quen o iniciou na afección pola música.

Tras o éxito desta primeira iniciativa de conseguir a bandeira que ía ser o símbolo das Irmandades, e unha vez escollida a xunta directiva da Irmandade Feminina, estas mulleres coruñesas responderon a un Manifiesto de la Asociación Nacional de Mujeres Españolas (ANME), crítico co “ideal separatista” das vascas e catalás, cunha declaración na que opinaban que Cataluña e o País Vasco pedían o que lles correspondía, e na que afirmaban que Galicia, vivira, respecto a Madrid, “largo tiempo en el olvido y aún en el desdén, en la más absurda de las postergaciones”. 

Retrato de Amparo López Jean e carta dirixida por ela a Teresa Alvajar © Irmandiñas - Laiovento

Ademais do seu traballo como propagandistas -sinala Marco no seu libro- as Irmandiñas da Coruña protestaron polos fusilamentos de Sofán, elaboraron material propio, asinaron manifestos, percorreron vilas e cidades co cadro artístico da Irmandade da Fala para encenar textos galegos e estranxeiros, colaboraron na Creación das Escolas de Insiño Galego e participaron en varios actos políticos, ademais de adherirse á III Asemblea das Irmandades, en 1921.

Malia que a presenza feminina nestes actos asemblearios non chegase ata despois, cando o grupo feminino do Partido Galeguista de Ourense participou nas deliberacións da IV Asemblea do Partido Galeguista en 1934 e 1935. A “figura fulcral” do grupo das Irmandiñas coruñesas foi, segundo Marco, Micaela Chao Maciñeira, compañeira de Antón Vilar Ponte. “Nos 15 anos de vida en común, ou xa antes do casamento, entregáronse á causa de Galiza, era cun perfil máis apagado porque así o era o papel das mulleres na sociedade de comezos do século”, apunta no libro. Vencelladas á Irmandade estiveron tamén Teresa a Carme Chao Maciñeira, Ermitas López Verdes, Genoveva Casal ou Antonia Pardo Méndez.

“Casal fixo por Galiza máis que todos nós”. A frase de Castelao, dirixida ao editor e alcalde de Santiago Ánxel Casal, debería facerse extensíbel tamén á súa dona, María Miramontes

“Casal fixo por Galiza máis que todos nós”. A frase de Castelao, dirixida ao editor e alcalde de Santiago Ánxel Casal, debería facerse extensíbel tamén á súa dona, María Miramontes. Así o di Aurora Marco nun capítulo de ‘Irmandiñas’ dedicado especialmente a esta muller e a outra das galeguistas da época se cadra máis coñecidas: a mestra Elvira Bao, directora das Colonias Escolares do Sanatorio Marítimo de Oza, secretaria do grupo feminino da Irmandade coruñesa, membro do Conservatorio Nazonal de Arte Galego e do Partido Galeguista e da Agrupación Republicana Feminina da Coruña, da que ocupou os cargos de presidenta, vicepresidenta e secretaria.

A figura de María Miramontes precisaba, na opinión de Aurora Marco, unha revisión, porque, tal como indica xa no limiar do libro, “se ben é certo que se dedicou ao oficio da costura, cómpre deixar de aporlle a romántica imaxe de “costureiriña linda” que salvou coa agulla, o fío e as tesouras a empresa editorial do libro galego, Nós”. Así -subliña máis adiante- a labor desta muller foi moito máis diversificada, pois “en cada iniciativa de Casal, sempre estaba María Miramontes”. Ambos cónxuxes foron, por exemplo, os “promotores e organizadores” e “motor” das Escolas de Ensiño Galego, segundo Marco. E María traballou na imprenta, na defensa da cultura e a lingua galegas, militou no Partido Galeguista, participou en actividades da Agrupación Republicana Feminina…

Imaxes da vida de María Luz Morales e o seu nomeamento como directora de 'La Vanguardia' © Irmandiñas - Laiovento

Outra irmandiña á que Aurora Marco presta especial atención no seu libro é a “filla da emigración” Mercedes Vieito Bouza

Outra irmandiña á que Aurora Marco presta especial atención no seu libro é a “filla da emigración” Mercedes Vieito Bouza. “Sen ter pisado o país que tanto amaba -viría por primeira vez en 1924-, non houbo entre a diáspora galega outra máis coñecedora da súa historia, das súas xentes, dos seus valores culturais, dos seus problemas... “, intervindo desde as páxinas dos xornais nas causas que considerou xustas e denunciando as inxustas ou apoiando as Irmandades da Fala. A presenza feminina na actividade xurdida arredor das Irmandades tamén pode atoparse nos coros e cadros de declamación ou no teatro. Na Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, por exemplo, estivo Amalia Álvarez Gallego, dona de Alexandre Bóveda. “Amalia entendeu moi ben o que facía o seu home, que tiña como compromiso a transformación de Galicia. Amalia Álvarez era unha irmandiña, coma moitas outras que están no libro, e Bóveda sempre buscou a súa opinión”, escribe Marco.

Ao Conservatorio Nazonal do Arte Galego, impulsado pola Irmandade da Fala para a promoción do teatro, estiveron ligadas actrices coma as irmás Meléndrez Bosch. No Cadro Universidade, un dos máis relevantes grupos de teatro afeccionado universitario da época, estivo Olimpia Valencia López, a primeira galega que obtivo a licenciatura en medicina -as irmás Fernández de la Vega remataron antes, pero eran de Vegadeo, Asturias-. 

Houbo tamén mulleres que ingresaron no Seminario de Estudos Galegos, coma Carmen Sierra Domínguez, a bibliotecaria Luisa Cuesta Gutiérrrez, a pintora María del Carmen Corredoira, a ensinante a ensaísta Sara Leirós, as químicas Dolores Lorenzo Salgado e Amparo Arango Fernández...

Seguindo no ámbito académico e da investigación, houbo tamén mulleres que ingresaron no Seminario de Estudos Galegos, coma Carmen Sierra Domínguez -de Filosofía e Letras-, a bibliotecaria Luisa Cuesta Gutiérrrez, a pintora María del Carmen Corredoira, a ensinante a ensaísta Sara Leirós, as químicas Dolores Lorenzo Salgado e Amparo Arango Fernández ou a docente María Pura del Rosario Lorenzana Prado. A tamén docente Josefa Iglesias Vilarelle colaborou co Seminario coa publicación dun ‘Método de lectura’ e Ángela Santamarina Alducín ou Encarnación Fraga como socias protectoras. Houbo mulleres, por outra banda, na Sociedade Amigos del Paisaje Gallego, coma Teruca Bouza.

No ámbito máis puramente político, Aurora Marco puido contabilizar 190 nomes de afiliadas ao Partido Galeguista entre 1931 e 1936 en Pontevedra e A Coruña. Pertencían ao PG, sinala a autora, mulleres de todas as idades, aínda que predominou a xuventude, e algunhas moi coñecidas, coma a deportista e Miss Galicia e Miss España Emilia Docet e a impulsora do hóckey e investigadora María Antonina Sanjurjo. “A maior alegría da miña vida sería o día en que á nosa terra se lle conceda o Estatuto”, dixo, en castelán, Emilia Docet nunha entrevista, sendo xa Miss España. 

Pertencían ao PG mulleres de todas as idades, aínda que predominou a xuventude, e algunhas moi coñecidas

De 1933 a 1936, Docet amosou un compromiso “público e notorio” coa causa galeguista, sendo a única muller en intervir no mitin das Arengas do 24 de xullo de 1934 na Praza da Quintana, xunto a Bóveda, Castelao, Casal, Otero Pedrayo ou Vilar Ponte. María Antonina Sanjurjo foi primeiro creadora do Atlántica Hockey Club de Vigo e despois tesoureira da Federación de Hockey de Galicia, ademais dunha muller respectada como intelectual.

María Antonina Sanjurjo, co seu equipamento deportivo e impartindo unha conferencia en Vigo nos anos 30 do século pasado © Irmandiñas - Laiovento

Vinculadas á actividade do Partido Galeguista estiveron tamén outras mulleres, coma Inmaculada Concepción Lamas (Chita Lamas), dona de Ramiro Isla Couto, que desde o exilio en México publicou poemas en favor da causa galeguista ou María Elvira Fernández López (Maruxa Seoane), afiliada ao PG e dona de Luís Seoane. “Unida ao escritor e pintor pola arte e pola entrega ao seu país, traballou ao seu lado en toda canta actividade emprendía e participou en moitas das iniciativas da cultura galega do exilio, como a editorial Citania, o programa radiofónico Galicia Emigrante e a revista do mesmo nome, fundada e dirixida por Seoane, por citar algunhas”, escribe Marco. Outras afiliadas foron Teresa Laurentina Nicolás Esperante -que foi enlace da guerrilla antifranquista- ou Carmen Parga Rodríguez.

Mención especial merece tamén no libro de Aurora Marco María Luz Morales, do Grupo Galeguista de Barcelona

Mención especial merece tamén no libro de Aurora Marco María Luz Morales, do Grupo Galeguista de Barcelona. “Unha muller culta, progresista, feminista -aínda que non gostase da palabra-, que durante cincuenta anos se entregou, sobre todo, á tarefa xornalística, cunha especial atención á crítica teatral; cultivou a narrativa, o ensaio, o teatro, a biografía; historiou o cinema e a moda; desempeñou tarefas editoriais; traduciu obras do inglés, francés, catalán, portugués e italiano; adaptou numerosas obras para nenos e nenas”, subliña a autora de ‘Irmandiñas’. Hoxe, os Premios Maria Luz Morales de ensaio e videoensaio audiovisual, da Academia Galega do Audiovisual, levan o seu nome. 

No Partido Galeguista a na Agrupación Republicana Feminista da Coruña militaron mulleres coma Amparo López Jean, que alternou con Elvira Bao os cargos de secretaria e presidenta desta segunda organización

No Partido Galeguista a na Agrupación Republicana Feminista da Coruña militaron mulleres coma Amparo López Jean, que alternou con Elvira Bao os cargos de secretaria e presidenta desta segunda organización. Unha das fillas de Amparo López, María Teresa Alvajar, comentoulle a Aurora Marco nunha entrevista que, antes de presidir a Agrupación Republicana Feminina, a súa nai xa era “galeguista de corazón” e amiga de Castelao, a quen saudaba chamándolle “irmán”. Colaboradoras da ARF foron tamén unha amiga de Amparo López, Adela Martínez García ou Matilde Fraga.

A escritora ourensá galeguista e feminista Filomena Dato foi homenaxeada no manifesto que deu a coñecer o Grupo Feminino do Partido Galeguista de Ourense. Dato participou, segundo Aurora Marco, en numerosos actos de signo galeguista, ademais de colaborar en A Nosa Terra, coma outra escritora, Francisca Herrera, tamén defensora da muller, mais de ideoloxía conservadora e tradicionalista. Na dirección do Grupo Feminino do Partido Galeguista de Ourense estiveron, como presidenta e secretaria e membros do comité de propaganda, Celia Bouzas e Mercedes do Campo. Na traxectoria de A Nosa Terra daquel tempo -salienta, por último, Aurora Marco- publicáronse diversos artigos e soltos dirixidos ás mulleres, pero poucas foron colaboradoras. Entre elas, ademais de Francisca Herrera, estiveron Carmen Prieto, Herminia Fariña ou Corona González.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.