O 5 de marzo de 1958 Ramón Otero Pedrayo despediuse da universidade, ofrecendo un derradeiro discurso, unha derradeira clase que máis que un punto final foi un punto de partida. Foi tamén a entrega dun testemuño, do galeguismo da xeración republicana á seguinte xeración. Foi, tamén, a primeira lección que se deu en galego na universidade despois da Guerra Civil. A USC e a Fundación Otero Pedrayo conmemorarán este martes no mesmo lugar, no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, o aniversario desta "derradeira lección" do intelectual na universidade.
Foi a primeira lección que se deu en galego na universidade despois da Guerra Civil
A partir das 12 horas, o reitor Juan Viaño presidirá unha sesión na que tamén intervirá o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, que asistiu ao acto orixinal en 1958. Falará tamén o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o presidente da Funcación Otero Pedrayo, Víctor F. Freixane e Patricia Arias Chachero e Afonso Vázquez Monxardín, coautores de Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía (1888-1976), obra que se presentatá no mesmo acto. Así mesmo, reproducirase unha gravación sonora do homenaxeado.
Xosé Luis Franco Grande relata en Os anos escuros a expectación que o discurso espertara en Compostela, especialmente entre o estudantado, que ateigaba o lugar: "Un formigueiro de xente moza subía para o Paraninfo. E ao pouco tempo había máis xente apiñocada fóra ca dentro. A chegada de don Ramón foi saudada cunha forte ovación, cos presentes postos en pé". Franco Grande conta que Otero Pedrayo, tras unha emocionada presentación de Abelardo Moralejo -decano da facultade de Filosofía e Letras-, ergueuse e anunciou que ía realizar o seu discurso en galego porque así llo pedira unha alumna.
"Dixo que ía falar das ruínas (...) Pero non ben empezara o seu discurso, dixo que non tiña sentido facelo, que diante daquela inmensa mocidade só podía falar da primavera"
Non foi a única sorpresa. "Dixo que ía falar das ruínas, do concepto xeográfico das ruínas, que fora o tema do seu discurso na apertura do curso académico de 1950" -comenta Franco Grande- "Pero non ben empezara o seu discurso, dixo que non tiña sentido facelo, que diante daquela inmensa mocidade só podía falar da primavera. Deu unha viraxe total ao seu discurso e pronunciou unha fermosa peza oratoria, que foi un canto á mocidade".
Non só Franco Grande destacou neste e outros escritos a fonda impresión provocada polo aquel discurso de Otero Pedrayo. Son numerosas as testemuñas de integrantes desa xeración, estudantes na Compostela de finais dos anos 50, que relatan o impacto desa intervención. Por exemplo, Herminio Barreiro conta nunha carta datada o 9 de marzo de 1958 que aquel día "Otero Pedrayo fíxome ver cousas que eu xa sentía e amaba con paixón e con congoxa no máis íntimo do meu corazón. Fixo de poeta: descubríu o xerme. Porque iso é o xenio: aquel que nos di o que xa criamos saber. Este amador e namorado insuperable de Galicia fíxome pensar e saber 'con palabra' o que eu amo tamén da miña Galicia inmortal, íntima e perdida no arcano europeo".
"Fora mesmo electrizante o acto" -conclúe Franco Grande- "A poderosa voz de don Ramón electrizáranos a todos. E saímos de alí verdadeiramente mallados. Houbo persoas moi coñecidas, que penso que non debo nomear aquí, que bagullaban a fío. Nunca estivo tan claro para min que Galicia podía espertar".