O 4 de xullo de 1927 Xosé Ramón Fernández-Oxea ("Ben-Cho-Shey"), Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo iniciaron en Ourense unha peregrinación que os levou, oito días despois, ata Santo André de Teixido. O camiño, que os levou por Viana (Chantada), Monterroso, Palas de Rei, Lugo, Vilalba, As Pontes e Ortigueira, foi recollido no libro Pelerinaxes I (Itinerario d’Ourense ao San Andrés de Teixido), escrito por Otero Pedrayo e con ilustracións de Vicente Risco, e publicado por Nós no ano 1929.
O 4 de xullo de 1927 Xosé Ramón Fernández-Oxea ("Ben-Cho-Shey"), Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo iniciaron en Ourense unha peregrinación que os levou, oito días despois, ata Santo André de Teixido
Este luns, coincidindo co día de Santo André, o Consello da Cultura Galega comezou a publicación dun especial, realizado en colaboración coas Fundacións Otero Pedrayo e Vicente Risco, que nos vindeiros días irá recreando este camiño, acompañado dos propios textos de Otero Pedrayo, dos debuxos de Risco e das fotos que nese momento tirou Ben-Cho-Shey coa súa máquina Kodak.
Ademais, este especial incluirá imaxes actuais dos lugares polos que pasaron os peregrinos, que permitirán comprobar as transformacións xeográficas e culturais que tiveron lugar alí. Hai uns meses o Consello da Cultura recreou nas redes sociais a peregrinaxe que un grupo de homes da Xeración Nós realizou en 1926 entre Ourense e Compostela.
O especial inclúe imaxes actuais dos lugares polos que pasaron os peregrinos, que permitirán comprobar as transformacións xeográficas e culturais que tiveron lugar alí
A través de cartografía antiga e moderna, modelos dixitais do terreo elaborados con tecnoloxía LiDAR, sistemas de xustaposición de imaxes e voos de dron, os lectores poden comprender os procesos de cambio do rural do interior das provincias de Lugo e Ourense, pero tamén as permanencias, explican dende o Consello da Cultura Galega.
Así mesmo, o especial complétase cun texto introdutorio elaborado por Afonso Mato, coautor con Santiago Lamas do ensaio De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de NÓS ao cabo do mundo, co que gañaron o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2015, que permiten contextualizar e entender o sentido da viaxe para os membros da Xeración Nós. Esta peregrinaxe a Santo André de Teixido foi tamén recollida hai uns anos polo film Pelerinaxes, do director italo-galego Simone Saibene
Otero Pedrayo deseñou o itinerario, seguindo o famoso mapa de Domingo Fontán que presidía o seu despacho e mesmo elaborou un plano de máis de dous metros de longo que calcou de aquel
Afonso Mato explica que a idea da peregrinación fora de Xosé Ramón Fernández-Oxea, que camiñara un par de veces entre Cariño (onde traballara como mestre) e Santo André de Teixido. Os tres amigos acordaron camiñar, sempre que fose posible, polos vellos camiños, evitando as estradas. Otero Pedrayo deseñou o itinerario, seguindo o famoso mapa de Domingo Fontán que presidía o seu despacho e mesmo elaborou un plano de máis de dous metros de longo que calcou de aquel.
Ramón Otero Pedrayo escribiu sobre o santuario de Santo André de Teixido que alí “non rezaron bispos nin reises. Carlo Magno non chegou a mollar a súa barba frorida nistas augas batidas por ventos infindos do mar e esprito lonxano. Ninguén pensou en afirmar os camiños, nin en botar arcos de ponte pros pelengrinos de San Andrés. É culto galego e mariño. Galego no senso de pobo, de capa social apegada ó granito e a pizarra”.
O libro Pelerinaxes inclúe, ademais do relato da viaxe, catro artigos relacionados publicados con anterioridade polos tres intelectuais e un prólogo escrito por Vicente Risco no que, entre outros aspectos, explícanse as razóns polas que fixeran a viaxe: "non por turismo ou deporte, dous fenómenos sociais que rexeitan desde o seu elitismo conservador e antimoderno; tampouco por proveito científico, como facían nas xeiras de estudo interdiscipinar das comarcas galegas os homes do SEG e nas que eles mesmos participaban", explica Afonso Mato.
"Os homes de Nós camiñaban a Teixido por devoción á natureza e por misticismo patriótico, e facíano a pé porque consideraban que era o único xeito de coñecer a terra dun", escribe Afonso Mato
"Os homes de Nós camiñaban a Teixido por devoción á natureza e por misticismo patriótico, e facíano a pé porque consideraban que era o único xeito de coñecer a terra dun, ademais de considerar desde o seu romanticismo aristocrático que andar a pé era moito máis refinado e elegante que facelo en automóvil ou en tren", subliña.
Mato engade que "aínda que titulan o libro Pelerinaxes e mesmo chegan a falar das súas viaxes como peregrinacións, non se comportan como peregrinos nin a pesar do seu catolicismo agroma o relixioso dun xeito relevante nas súas páxinas". "Os tres amigos e irmáns de ideal que viaxan a Teixido son camiñantes patrióticos que buscan fundirse coa Terra, cunha Galicia que para eles, como escribira Risco, era un mundo, o mundo enteiro", di.
Nestes oito días percorreron Galicia a pé, a cabalo e en autobús, no que regresaron a Ourense o 12 de xullo
Os contidos do especial que, día a día, irá publicando o Consello da Cultura Galega (realizado por Afonso Mato, Manuel Gago e Sole Felloza) pódense seguir tamén en Twitter e en Facebook a través do hashtag #pelerinaxes. O luns publicouse a primeira etapa (Ourense-San Pedro de Viana) e este martes é a quenda da segunda, ata Monterroso. A terceira etapa vai ata Palas de Rei e a cuarta ata Rábade, despois de pasar por Lugo. A quinta e sexta chegan ata Vilalba e As Pontes e a sétima ata Ortigueira, finalizando o oitavo día no santuario de Santo André. Nestes oito días percorreron Galicia a pé, a cabalo e en autobús e precisamente en autobus regresaron a Ourense o 12 de xullo.
Na primeira etapa os tres amigos saíron de Ourense polo camiño real de Cudeiro, que, segundo escribe Otero Pedrayo, "ten as pedras trabadas ao xeito que dispuñan os graves concellos, os abades e os fidalgos", un camiño no que "as augas os carros, as rocas, falan un galego petrucial, solto, olente".
No libro que relata a viaxe, Otero Pedrayo vai disertando sobre distintos aspectos relacionados co distinto feitío das casas, das igrexas e das paisaxes ou coas mudanzas que se produciran na vexetación, pola substitución dos castiñeiros e carballos polas coníferas
Ao longo da camiño, relatado no volume Pelerinaxes, Otero Pedrayo vai disertando sobre distintos aspectos relacionados co distinto feitío das casas, das igrexas e das paisaxes ou coas mudanzas que se produciran na vexetación, pola substitución dos castiñeiros e carballos polas coníferas: "Coido que un dos grandes cambios (mainos, pouco sinalados) da nos aterra foi o inzamento das coníferas. Noutraora mandaban en toda a terra os castiñeiros e carballos. Pan e castañas. Foros. Porcos cebados. Pazos outonizos. As coníferas significaron unha estilización, quero dicir tamén un novo estilo, do vivir nun xeito europeo. Menos árbores da casa petrucial, árbore máis da industria. A pataca foi outra revolución. E outra o eucalipto".