"Redescubrímonos con cada traballo, o que ofrecemos son as nosas ideas"

María SOA e Sara Faro, Fillas de Cassandra © Arancha Brandón

"Fillas de Cassandra caracterízase por falar de cousas que nos atravesan a nós pero que ao facelo van atravesando a todas as persoas que están ao redor"

Hai dous anos, cando presentaban Acrópole, o seu primeiro disco, Fillas de Cassandra xa marcaban o seu propio camiño e afirmaban, nunha conversa na revista VINTE, “queremos permitirnos errar”. En Praza volvémonos xuntar con Sara Faro e María SOA en Vigo e repasamos os fitos desta carreira –de fondo– artística que lle deu a volta ás súas vidas. Veñen de publicar o EP Hibernarse que acompañan dun videofilme, un fanzine e dúas colaboracións únicas: unha colección de xoias e outra de bolsos. Agora teñen só uns poucos concertos por diante antes de collerse un tempo para crear o que será o seu segundo álbum (e quen sabe que máis).

Hibernarse é un epílogo de Acrópole, un adianto do que está por vir ou ningunha das dúas opcións?

María SOA: Ningunha das dúas, é un impás.

Sara Faro: Eu creo que foi un traballo que dá resposta non ao noso momento actual, senón ao actual de cando o creamos, pero que nin está vencellado con Acrópole, nin se pode contabilizar como un adianto musical do que virá porque tampouco nós o coñecemos.

María: Era unha sala de experimentos para ver que o acontecía. Obviamente está atravesado por Acrópole, e pola xira de Dionisíacas, porque era nese momento que precisabamos unha pausa e, de repente, uníronse todas as ideas que levaban facéndose estes dous anos; pero tampouco é que peche unha era, nin haberá outra, é como un xogo.

Presentación no museo MARCO de Vigo do EP 'Hibernarse' © Candela Lora

Pero musicalmente é distinto xa dende a produción, na que contades con Greta Ch’aska e Mumbai Moon, non?

María: Si, queriamos buscar novas sonoridades.

Sara: Creo que somos dúas persoas que crean bastante por instinto, que igual cando comezamos compoñer estas cancións, que de novo se deu con piano, percusión e coas nosas voces, non sabiamos que camiño ían a tomar, pero unha vez que te ves no estudo, con todas as posibilidades da electrónica, os efectos de voz que se poden experimentar... É que te podes gravar vinte veces cantando de diferentes formas e que todo iso soe a un tempo! Aí é cando entran a experimentación e o xogo. Este trabalo xorde de explorar no estudo as posibilidades unha vez que tiñamos as creacións, ou parte delas. Así nace a sonoridade de Hibernarse, un traballo no que nos apetecía reciclar ferramentas duns temas para outros, pero buscando resultados emocionais diferentes.

Como vos sentides emocionalmente despois destes dous anos con preto de 150 concertos ás vosas costas?

María: Pois eu creo que estamos por unha parte esgotadas, porque estes concertos de Hibernarse foron un capricho, podiamos gastar os cartos nun coche e decidimos gastalos nun par de espectáculos. De repente queres ter o teu teatro, a túa escenografía posta nun museo, queres ter a dos músicos que vaian contigo, queres ter toda a organización e facer un vinilo precioso, que leva un fanzine, que se faga un videoclip... Todo isto porque é o momento de expresarte deste xeito. Foi moitísimo traballo, con moitísima ilusión, e cun resultado incrible que nos satisfixo, pero que é esgotador realmente. Entón, agora estamos como na tranquilidade e na ilusión de facer algo novo.

Ides parar para descansar e tamén para crear?

Sara: Temos dúas semanas de vacacións, e xa está. E tamén temos algunhas semanas para descansar e tamén crear, facer algunha residencia artística...

María: Parar para crear, é o que queremos.

Sara: Poder estar un pouco alén das cousas que non son culturais, de todo o que rodea a música, que non é a propia música. Saírnos un pouco das dinámicas da industria e centrarnos na parte creativa, iso é o que nos apetece facer neste momento. E ter tempo nas residencias para non saia nada, e que non pase nada.

"Parar para crear, é o que queremos", di María SOA. "Poder estar un pouco alén das cousas que non son culturais, de todo o que rodea a música, que non é a propia música", engade Sara Faro

Como van ser esas residencias?

María: Primeiro imos ir a unha casa rural, levar un piano, unha pandeireta e as nosas voces e estar as dúas con todas as ideas que veñen dun grupo de WhatsApp que se chama ‘novo proxecto’. Escoitalas todas, debatelas todas e comezar a pensar no que vai ser.

Sara: Claro, desenvolver o concepto do disco, de que queremos que fale, tanto a nivel musical como das letras. Logo todo o resto de capas veñen unha vez que ti tes minimamente claro que é o que querías.

María: A residencia do medio será xuntarnos cunha estilista, cunha persoa de luces... con profesionais do resto de sectores creativos; e despois a última residencia igual é preparar xa o show.

E esta idea de ‘retirarse’ a unha residencia artística nace da necesidade de separarvos do día a día para poder crear en común?

María: Si, para non ter inputs persoais. Aínda que esixe unha pouca inversión porque é verdade que hai que pagar a casa, pero hai residencias que che permiten estar de xeito gratuíto ou a cambio dun concerto, por exemplo.

Sara: O positivo que che trae saír da túa cotiandade é que, dalgún xeito, deixas o teu eu, a túa vida e as túas movidas na casa e entras a outro lugar onde só vas facer música. É moi de agradecer se ademais podemos conectar internet só en determinados momentos, que nada chegue de fóra porque xa recollemos moita información e é o momento de mirar cara a dentro.

María: É como cando as nenas e nenos van a un campamento, que desenvolven a súa personalidade porque alí son xente que coñece de novas a outras persoas, non se comunican cun input que son os seus pais, e non teñen unha realidade que pode ser negativa como poden ser as súas vivencias no cole ou en sitios que están viciados. Isto para nós é un pouco irnos de campamento.

Sara: É super necesario porque se non acabas creando como resposta a unha situación viciada por estar sempre coas mesmas persoas, nos mesmos lugares, na mesma sala de ensaio... Que parece que compós cancións para sobrevivir e seguir estando dentro da música.

"É super necesario porque se non acabas creando como resposta a unha situación viciada por estar sempre coas mesmas persoas, nos mesmos lugares, na mesma sala de ensaio... Que parece que compós cancións para sobrevivir"

Querer gobernar o proxecto de Fillas de Cassandra e os vosos tempos implica moitas renuncias? Ata que punto dificulta que vos manteñades na industria da música?

María: A ver, creo que o máis duro que nos pasou de cara a esta pausa son todos os concertos que nos ofrecen este verán, sobre todo aquí en Galicia, que paramos dende maio ata non sei se marzo ou así. Que cheguen agora todas as propostas de sitios onde non estivemos e queriamos estar é duro... Chegou un punto no que lle dixemos a Manuel de Tremendo Audiovisual que o valorase el pero non nolo conte, porque se o sabemos faise máis difícil. Temos que apoiar o que decidimos, que é non estar. Polo resto, estamos desexosas de parar porque queremos tocar, pero con algo novo, e para ter algo novo hai que poder facer ese proceso creativo.

Queredes facelo ou sentides a obriga de ter que ter algo novo xa?

Sara: A ver, eu creo que a nivel de industria, obviamente, eses tempos existen. E os temas saen nuns tempos, se queres facer unha xira, tes que cumprir cuns calendarios que están aí.

María: Claro, a ver, é impensable que o verán que vén non teñamos algo novo. Iso xa é algo. Pero que pasaría se non sae nada? Como actuaríamos? Pensaríamos en 2027? Pois, pode ser.

Sara: Podería acontecer.

María: Nin tan grave, o único é que temos que pagar un alugueiro...

Sara: Claro, a nivel vital non nos podemos permitir agardar dous anos. Pero tamén nos apetece moito saber que vai saír da María e da Sara deste momento, sen abandonar, obviamente, o traballo anterior. Sempre hai que tocar algunha das primeiras cancións, pero tamén necesitamos poder facer algo novo. Non só polos demais, senón para nós mesmas.

María: Si, porque Varre vasoira está ben, pero xa está ben [rin].

"Falta un pouco de apoio incondicional, que é o debera haber por parte da xente de Galiza pola xente de Galiza"

Pertencedes a unha xeración de músicos e músicas coas que tedes así como unha rede moi bonita. Mesmo en Hibernarse contades con Caamaño&Ameixeiras no tema Arderse.

Sara: O noso proxecto emerxeu nun momento de moita efervescencia, había unha ebulición a nivel cultural dende outras disciplinas que tamén nos inspiran moito, como a danza, pezas contemporáneas como DeMente e Traseúnte, vinculadas coa tradición.

María: É sentirse en comunidade. Igual que compartimos no seu momento con Mondra ou coas Tanxugueiras. Agora estabamos facendo unha canción e pareceunos que escoitabamos a Caamaño&Ameixeiras nela, e dixeron que si. E as gaitas que puxo en Quebrantarse Adrián Méndez, que está en De Ninghures, máis do mesmo.

Sara: Sentímonos coa tranquilidade de que se nos gustaría escoitar algo nunha canción, estamos a golpe de teléfono cunha amiga para poder facelo; e iso mola mogollón.

Nótase que hai comunidade, o que non sei se se nota tanto é a nivel de programación. Agora no verán, coa eclosión dos concertos e dos festivais, pensades que segue a haber barreiras para a música feita dende aquí?

María: Esta pregunta o verán pasado contestabámola dicindo ‘hai que ver como vai o verán que vén, porque isto non é apostar este ano, que estamos todos aí, é facelo o que vén e o seguinte’. Certo é que moitas estamos preparando proxectos, pero hai outros moitos que estrearon agora e están xirando, pero ves os carteis dos festivais e este ano hai moita menos presenza. Máis que unha barreira, falta un pouco de apoio incondicional, que é o debera haber por parte da xente de Galiza pola xente de Galiza. Anunciaron un novo festival en Vigo, que se chama Galicia Fest, e non hai nin un só grupo que faga música en galego. En cambio ten apoio da Xunta e do Xacobeo...

Sara: Estamos falando de festivais grandes, porque logo están os pequenos que cegamente nos apoian. O que pasa é que quen máis facilidades ten non o fai. Ademais, parece que ás veces xa non é unha aposta musical o que fan, senón unha aposta industrial. 

Concerto no museo MARCO, cunha escenografia deseñada para esta actuación © Candela Lora

E esta idea de buscar colaboracións fóra da música coas xoias e os bolsos?

María: Mirándoo agora con perspectiva penso que estas sinerxías con persoas que xa son amigas é o mellor que sacamos de facer o EP. Permitiunos ver como traballan a súa creatividade noutros ámbitos e confiar a nosa creatividade ao facer de outras persoas noutras disciplinas. Con Lara Caeiro fixemos toda a escenografía e o estilismo de Hibernarse, con Silvia de Toda Frágil as xoias e con Ana de QSQB (quesiquierehbolsa) os bolsos. Ver como estas mulleres levaron ao seu campo o que nós queriamos transmitir é chulísimo.

Sara: Saímos do instinto porque de pronto María está en Instagram e atopa unhas xoias que lle encantan, propón escribirlle á rapaza que as fai, que xusto nos seguía, e xa está... É moi espectacular ver como traduciron a súa linguaxe creativa o que partiu de nós para a música.

María: Tamén, á hora de facer o videofilme ou de pensar o fanzine para nós é imposible só pensar na música, porque non partimos só dunha composición ou dunha letra, senón dunha idea e dun concepto. Por iso podemos mergullarnos en diferentes disciplinas artísticas, que é o que pretendemos ademais; e por iso non falamos dun próximo disco, senón dun próximo proxecto, porque non sabemos o que pode saír de aí...

É preciso ser moi coherentes para que a xente reciba o que significa para vós Fillas de Cassandra e poida transformalo porque tamén o entende.

Sara: Creo que tamén nos redescubrimos con cada traballo, o que ofrecemos son as nosas ideas: isto é o que o tempo significa para nós, o que nos atravesa, e agora é un convite a ver de que maneira te atravesa a ti e como ti o podes traducir ao teu campo. Fillas de Cassandra caracterízase por falar de cousas que nos atravesan a nós pero que ao facelo van atravesando a todas as persoas que están ao redor.

"Somos dúas persoas que cando teñen unha idea clara a expresan, pero tamén temos esa compracencia feminina, ese desexo de ‘non molestar’ que nos aprenderon, e que ás veces serve para que outros se aproveiten"

O movemento feminista uniuvos persoal e profesionalmente, nestes dous anos sen parar de traballar houbo moitas actitudes machistas ás que facer fronte aínda?

Sara: Somos dúas persoas que cando teñen unha idea clara a expresan, pero tamén temos esa compracencia feminina, ese desexo de ‘non molestar’ que nos aprenderon, e que ás veces serve para que outros se aproveiten.

María: Si, que se malinterprete dalgunha maneira a nosa amabilidade e a nosa escoita activa cara á xente, porque cando nos poñemos como serias e tomamos unha decisión sobre como se vai facer algo, entón no nos toman como profesionais, ou de pronto é que somos unhas intransixentes.

Sara: Como se todo o tempo tiñamos que ser boíñas e ceder, e no momento no que non cedemos xa pasemos a ser as malas da película. Pero é que para liderar un proxecto hai momentos nos que temos que ser as malas da película.

María: E logo vén a culpa. Fan que te sintas mal por tomar unha decisión, e unha cousa que podía ter pasado desapercibida de pronto é unha montaña de dúbidas...

Sara: Si, é que xogan con esa culpa.

María: Cando nós ademais separamos o profesional do emocional, pero vemos como hai xente que intenta levarnos ao terreo do emocional. Compartir con mulleres fai que isto non pase, pois compartimos dende outro lugar.

Sara: Rodearse dunha boa equipa tamén é fundamental porque hai moitas cousas que a nós xa chegan filtradas.

Sara e María no seu atelier para o EP 'Hibernarse' © Arancha Brandón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.