"Para nós foi moi impactante afondar máis aínda na historia de Nevenka Fernández, tan fiada ao universo e o relato do álbum Acrópole", aseguran María SOA e Sara Faro
María SOA e Sara Faro, Fillas de Cassandra, están en Donostia para presentar a canción Cuando nadie ve, creada para a película de Icíar Bollaín Soy Nevenka, que participa na sección oficial da 72º edición do Festival de San Sebastián e competirá pola Cuncha de Ouro, que decidirá o xurado presidido por Jaione Camborda, triunfadora na pasada edición con O Corno. O filme conta a historia real de Nevenka Fernández, a primeira muller en denunciar publicamente a un político por acoso.
A canción orixinal da película naceu da lectura e do estudo do guión, asinado pola propia Bollaín e Isa Campo. "Para nós foi moi impactante afondar máis aínda na historia de Nevenka Fernández, tan fiada ao universo e o relato do álbum Acrópole. A nosa gran preocupación durante o proceso creativo era atopar a voz, a sonoridade, as palabras e as harmonías dunha historia tan potente, mais dun xeito elegante e mesurado, sen caer na revitimización", salientan Fillas de Cassandra.
Soy Nevenka tivo a súa estrea esta fin de semana en Donostia, á que asistiu Nevenka Fernández, quen recibiu o aplauso de todo o público do festival. O filme está protagonizado por Mireia Oriol e Urko Olazabal e chegará ás salas de cinema o 27 de setembro. Desde este mércores xa se pode escoitar a nova canción das Fillas de Cassandra nas principais plataformas dixitais.
'Cuando nadie' ve incorpora uns versos en galego nos que fan referencia directa á negra sombra de Rosalía de Castro
O compositor Xavi Font, responsable da banda sonora de Soy Nevenka, foi quen contactou coas artistas viguesas para este proxecto, unha proposta aplaudida pola directora Icíar Bollaín, "quen nos deu liberdade absoluta para que desenvolveramos o noso traballo", aseguran.
"Buscamos que a canción fixera referencia a momentos clave da película ou que incluíra, dalgún xeito, reminiscencias da mesma. Por iso no retrouso, ao tomar como referencia a súa decisión, lanzamos unha mensaxe esperanzadora (y si me alejan de mí /vengan todas sin callar); ou cando é obvio que todo o mundo do seu arredor observa o que hai e non se pronuncia, dicimos iso de aquí todos miran / pero nadie ve ", explica o dúo.
O tema Cuando nadie ve está producido por Fillas de Cassandra, Mumbai Moon e Greta Ch’aska, e tamén incorpora uns versos en galego, nos que fan referencia directa á negra sombra de Rosalía de Castro, "que tamén persegue a Nevenka". "I en tódalas partes me buscas / i en todas me nombras / os flashes proxectan a forma dunha negra sombra", cantan as viguesas, que na gravación da peza contaron coa colaboración de Cibrán Seixo no violín e de Margarida Mariño no violoncello.
"Poñer en música e palabras o que viviu foi unha experiencia moi intensa e cremos que non hai un mellor debut posible para nós no mundo do cinema que sendo parte desta película. Estamos moi agradecidas", aseguran María SOA e Sara Faro.