Jaione Camborda conta en 'O Corno' a viaxe persoal dunha muller que ten que refacer a súa vida de imprevisto, coa maternidade e a liberdade como temas de fondo. Gañadora da Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián*, chega aos cines o 11 de outubro
O Corno é a primeira película en galego, producida en Galicia e dirixida por unha cineasta galega ou afincada en Galicia que compite pola Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián. É unha historia na que a sororidade entre mulleres traspasa os límites da ditadura que o impregna todo, rodada aos dous lados do Miño, entre Galicia e Portugal. Jaione Camborda, directora donostiarra que vive dende hai varios anos en Santiago, narra a viaxe persoal dunha muller que ten que refacer a súa vida de imprevisto nunhas condicións nas que nunca se vira, coa maternidade e a liberdade como temas de fondo. O Corno é a súa segunda longametraxe despois de Arima (2019) e puido estreala no Festival Internacional de Cinema de Toronto, onde foi recibida entre aplausos. A película chega ás salas de cine o 11 de outubro, pero antes poderá verse no Curtocircuíto, en Compostela, o día 3.
Cando comezou escribir o guión da película?
Hai uns catro anos, foi o tempo que me levou financiar o filme e no que puiden desenvolver toda a parte creativa do guión e da dirección. Comecei nun momento no que tiña moitas inquedanzas sobre o feito de ser nai, aínda que quizá non tanto de selo senón da capacidade de poder dar vida e as diferentes consecuencias que ten facelo. Intentando situarme, fun investigando e tamén deixei que os procesos da miña vida [Camborda é nai de dous fillos] foran empapando moito o propio proceso da escrita.
"A sororidade da película está na empatía, en verse reflectida na outra"
Como coñeceu a historia do corno do centeo?
Investigando como eran os partos na casa nos anos 70 e que substancias se empregaban tanto para o parto en si como de abortivos. Atopei moitas cousas, entre elas estaba o dentón e decidín meterme aí coa película.
Por que apostou por transitar esa fronteira entre Galicia e Portugal coa historia?
Para min era importante falar das fronteiras, na película móstrase como unha fronteira política pero non cultural nin vital porque un fala en galego e outro contesta en portugués e enténdense perfectamente, non hai ningún problema. No fondo non hai tanta diferenza dun lugar ao outro, poderían ser case o mesmo lugar, pero hai unha fronteira xeográfica e política moi forte.
Tiña a pulsión de traballar un pouco como nunha road movie, ademais o tema da escapada é recorrente no meu cine. Interesábame contar como un se reinventa noutro lugar, esa segunda oportunidade incluso cun cambio de identidade, como lle sucede á protagonista. Tamén me interesaba esa cousa absurda de estar separada por un río da túa terra pero non poder volver porque es rexeitada no que era o teu fogar. Lémbrame aos países nos que a xente ve a súa liberdade ao outro lado do mar, que case poden observar a terra da súa ‘salvación’.
Ao final é unha película de personaxes espello, en Arima xa o transitei doutra maneira, pero neste caso María (Janet Novás) podería ser Luísa (Carla Rivas) cando era máis nova; podería ser a muller portuguesa que está no furancho; ou Anabela (Siobhan Fernandes), a prostituta angolana, porque ambas son inmigrantes nun lugar e teñen esa falta de identidade. A sororidade da película está na empatía, en verse reflectida na outra.
Como chegou á bailarina e coreógrafa Janet Novás para o papel protagonista?
Seguía os seus traballos, encántanme. Paréceme unha creadora boísima. Tivemos a sorte de coñecernos hai tempo porque eu teño bastante contacto coa danza contemporánea. Ademais, traballamos xuntas grazas a unha encarga da galería de arte Didac, para a que fixen un retrato filmado de Janet. Pero convidei ás probas tanto a actrices profesionais como a artistas sen un adestramento actoral, entre elas a varias bailarinas, intuíndo que atoparía esa parte física que buscaba nesa personaxe. E a presenza de Janet destacoume, á parte de que me decatei de que tiña moitas capacidades actorais. A personaxe esixía ser moi de verdade, estar moi apegada á terra, e ela vén dunha zona rural e coñece o traballo da terra; pero por outra banda a personaxe ten un arco dramático, precisabamos unha persoa coa capacidade de mover emocións e Janet foi fantástica nese sentido, ten unha presenza na pantalla na que suceden moitas cousas sen ter que facer nin dicir tanto.
Incluso, na escena inicial, semella que o parto se tratase case dun baile.
No filme buscábase esa parte física e creo que se nota como se aproveita moi ben toda a capacidade de Janet.
E como foi atopar a Carla Rivas, que interpreta á rapaza máis nova que lle dá a réplica a Novás no filme, e combinar o traballo con actores profesionais e non profesionais?
Foi unha sorte atopala, fixemos unhas probas de selección abertas –un casting salvaxe– e apuntáronse un montón de adolescentes: e apareceu ela. A verdade é que foi a escolla máis rápida de todo o elenco, non dubidei nada. É unha rapaza moi traballadora, moi responsable e moi perfeccionista que colleu con moita ilusión o proxecto.
A intelixencia e a intuición dos actores e actrices é moi importante. Na dirección de actores hai que buscar diferentes maneiras de achegarse á persoa porque tampouco existe un actor profesional igual a outro, penso que cada un precisa algo moi diferente. Un dos labores de dirección é ter moita empatía e moita psicoloxía para entender cal é a porta de entrada desa persoa, para traballar os personaxes dende aí. Por suposto, o adestramento actoral é unha marabilla porque son xente cunha capacidade de transformar emocións e de xogar con elas, con moitas capas emocionais sucedendo á vez. Pero o traballo cos non adestrados tamén é moi esencial, vas moito á experiencia propia e xogas moito co real. No caso de Janet, ela xa tiña roto esa fronteira na que abrazas a loucura e as emocións intensas, e non te avergoñas de mostralas diante dun público (ou dunha cámara neste caso).
"Janet Novás ten unha presenza na pantalla na que suceden moitas cousas sen ter que facer nin dicir tanto"
Hai unha sororidade manifesta entre as mulleres, os homes pasan pola película sen ser plenamente conscientes do que está a suceder.
Para min era importante retratar un home tamén afectivo, non me gusta aplanar a figura do home tampouco. Pero principalmente o foco está na sororidade das mulleres, que se fai necesaria ante a prohibición que contén a sociedade no tardofranquismo. Pareceume bonito mostralo desde os partos, un momento no que aos homes se lles botaba fóra do cuarto e quedaba só elas. Mulleres de diferentes xeracións compartindo un momento tan brutal. Ese contacto tan íntimo, e tan cómplice, que existe entre as mulleres ao ter que soportar historicamente esa falta de dereitos e liberdades; e como dalgunha maneira iso foi compartido na intimidade entre elas.
O dereito á interrupción voluntaria do embarazo semella estar en constante cuestionamento, tiña claro que quería abordalo xunto á maternidade no contexto histórico da película?
Toda creación é un acto político e un posicionamento. Aposto moito por compartir inquedanzas, máis que por facer creacións brancas ou negras; gústame situarme máis na pregunta para compartir co espectador. Hai unha busca, mediante os recursos estilísticos, de traer o pasado ao presente e ver cunha certa vixencia na actualidade ese momento de prohibición. Creo que hai certa ameaza e que non queda tan lonxe, que podería retornar porque se lle deu un altofalante, e espazo político, a certas ideas que pensabamos xa esgotadas. É importante lembrar que sucedía nese momento na clandestinidade e polo que tiñan que pasar as mulleres. Intento abordar o filme dende unha idea máis esencialista do ser humano, máis emocional e infinita, buscando a cuestión vital, animal e esencial das persoas. Quixen facer unha reflexión máis dende aí que dende o puramente político, que obviamente está no fondo.
A historia comeza na Illa de Arousa no ano 1971, pero non se detén en explicar o momento social e político.
O filme sucede no franquismo pero non de maneira explícita, non se nomea practicamente a ditadura en ningún momento. Abórdase desde un lugar atmosférico e estilístico de clandestinidade, secretismo e sororidade na prohibición. Tamén é unha forma de que sexa sistémico e institucional, que se perciba como a prohibición é a que o impregna todo. A sociedade apartaba á muller cando quedaba embarazada sen ter unha parella home, perpetuábase unha mirada patriarcal.
Destaca no seu cinema un traballo moi coidado coa luz e a fotografía.
Tiven a sorte de traballar cun mestre como é Rui Poças e quedei moi contenta co traballo porque comprendeu moi fácil as intencións do filme. Tivemos bastante pre-produción e moito contacto porque a luz é un aspecto súper importante e eu traballo bastante coa noite. Unha noite iluminada ten moita personalidade, esixe moita pegada da autora aí.
"Nunca pensas que vas estar nun lugar tan privilexiado, con tanta visibilidade para a película"
Esta é unha película ‘máis grande’ que a longametraxe coa que debutou no cinema, e nela comparte a produción dende a súa produtora, Esnatu Zinema, con Miramemira e Elastica Films, en coprodución con Bando à Parte (Portugal) e Bulletproof Cupid (Bélxica). Quedou satisfeita co resultado?
Cando amplías o teu orzamento e deixas entrar a máis xente no teu proxecto, que é algo que quería facer porque Arima supuxo un traxecto bastante solitario na produción e agora quería facer familia, ábreste a moitas máis opinións e formas de ver o cinema. Escollín moi ben as miñas compañeiras de viaxe e confiaron moito en min, sentinme moi libre. Escoitas máis, ás veces ese escoitar é máis esclarecedor e outras te atorde máis, pero en xeral creo que foi moi beneficioso ter esas achegas e creo que foron boas para o filme.
A acollida do filme en Toronto foi moi boa ej compite pola Cuncha de Ouro en San Sebastián, sorprendida pola repercusión?
Nunca pensas que vas estar nun lugar tan privilexiado, con tanta visibilidade para a película. En Toronto foinos moi ben e a demais eu son de Donosti e sinto moita ledicia, teño a miña familia revolucionada. San Sebastián é un festival co que que crecín e que me axudou a abrir a miña mirada ao cinema, estar aí é unha pasada. Pero o máis importante disto para min é que me vai dar a posibilidade de seguir creando.
*Esta entrevista realizouse en Compostela o día antes de que Jaione Camborda marchase a Donostia, onde na noite do sábado 30 fixo historia ao converterse na primeira muller do Estado en gañar a Cuncha de Ouro do Festival de San Sebastián con O Corno, un filme en galego rodado entre Galicia e Portugal