Este martes comeza a cuarta edición de Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, que chegará o vindeiro domingo 15 de decembro. A directora Jaione Camborda será a gran protagonista da primeira xornada do festival, coa proxección de Arima, a súa primeira longametraxe.
O audiovisual galego atravesa toda a programación do certame, que se clausurará con Longa Noite (Eloy Enciso) e amosará as primeiras imaxes de Eles transportan a morte (Helena Girón e Samuel Delgado) ou Ons (Alfonso Zarauza)
O audiovisual galego atravesa toda a programación do certame, que ademais se clausurará con Longa Noite (Eloy Enciso) e amosará as primeiras imaxes de filmes como Eles transportan a morte (Helena Girón e Samuel Delgado) ou Ons (Alfonso Zarauza). O festival contará así mesmo coa presenza do cineasta belga Bas Devos ao programar a súa primeira retrospectiva en España. O programa de proxeccións adicado a Devos repasará a súa obra completa e constará de tres filmes: Ghost Tropic, que poderá verse por primeira vez en España, e Hellhole e Violet, estreas en Galicia.
Novos Cinemas continúa tamén a ser punto de encontro entre o sector profesional, coa celebración dunha mesa de desenvolvemento de proxectos, coa presentación dalgúns dos programas de desenvolvemento de longametraxes dirixidos a autores noveis máis interesantes do panorama independente. Así mesmo, cunha mesa proxecta na que representantes de tres festivais compartirán as súas experiencias sobre a implementación e desenvolvemento de programas educativos e actividades lúdicas destinadas ao público máis novo. Igualmente, haberá un espazo lab, no que se promove o desenvolvemento de proxectos cinematográficos internacionais mediante o encontro entre cineastas noveis e profesionais de recoñecida traxectoria e sensibilidade cara a propostas de natureza independente
Durante o festival tamén se levan a cabo obradoiros e visitas formativas. Ademais, durante a celebración desta edición de Novos Cinemas, a organización anima aos máis pequenos e pequenas da casa a participar no festival a través dun divertido taller de creación de GIFs animados ou na xa tradicional proxección dominical para celebrar connosco o vinte aniversario dunha das películas de animación máis relevantes da última década do século pasado, O xigante de ferro.
O día de Jaione Camborda
A directora Jaione Camborda será a gran protagonista da primeira xornada do festival, coa proxección de Arima, a súa primeira longametraxe
Como vén sendo habitual, a xornada inaugural iniciarase coa proxección das pezas xurdidas do obradoiro Habitar un rostro/O xesto dun encontro, realizadas por alumnado da Universidade de Vigo e titorizadas pola propia Jaione Camborda. Deste xeito, ás 17 horas poderán verse no Teatro Principal as obras creadas por Roberto Alonso Pereira, Raquel Álvarez Méndez, Lara e Noa Castro Lema, Noemi Parga, Ana Pérez, Andrea Piñeiro, Carmen Quintáns, Yuri Salgado, Sabela Souto e Mercedes Valero. O acceso será gratuíto.
Ás 20.30 horas, tamén no Teatro Principal, o certame inaugurará oficialmente esta cuarta edición coa proxección de Arima, que contará coa presenza da realizadora e o equipo da película. O filme narra a historia historia de catro mulleres e unha nena que se ve alterada pola chegada inesperada de dous forasteiros. Un deles foxe do outro, escondéndose polo pobo como un ser fantasmagórico e de dubidosa existencia. O outro, un home ferido e cunha arma, perturbará de diferentes formas a vida as mulleres. Todo iso moverase na fronteira entre o real e o imaxinado, entre o pesadelo e o soño, entre o medo e o desexo, nunha historia impregnada de misterio. O acceso á proxección será de balde previa retirada de convite no despacho de billetes do Teatro Principal a partir dunha hora antes do inicio da sesión.
“Non creo que teña que dicirlle eu ao espectador o que está ben e o que está mal. Fago preguntas, máis que dar respostas”, dicía hai uns meses nesta entrevista, na que explicaba que “a película pregúntase polo concepto de muller máis que facer unha denuncia do patriarcado”.
O abono para asistir ás demais proxeccións de pago do festival pode adquirirse xa a un prezo de 15€ ou 3€ as entradas individuais a través de ataquilla.com ou no despacho de billetes do Teatro Principal de Pontevedra a partir de unha hora antes do inicio da sesión. O certame conta con dúas seccións Competitivas: Sección Oficial e Sección Latexos. Na sección oficial hai nove primeiras ou segundas longametraxes, case na súa totalidade inéditas en Galicia, que permiten cartografar un singular mapa en torno ao cine contemporáneo máis creativo.
Cinegalicia 2019
Traballadores/as da cultura de menos de 30 anos celebran as tres décadas de Cinegalicia
Con motivo da conmemoración do 30º aniversario de Cinegalicia -que lembra a estrea de Continental, Sempre Xonxa e Urxa, tres filmes fundamentais na historia do cinema galego-, un grupo de traballadores e traballadoras da cultura e o audiovisual que aínda non cumpriron eses trinta, deciden celebrar a efeméride de maneira desprexuizada e heterodoxa dende múltiples áreas da creación, o vídeo, a crítica, a música ou o deseño. Son: para vídeo, Adrián Canoura, Iria Silvosa, Lara e Noa Castro; para música, Oh Ayatollah!, Charles Rapante, e Elba Souto; para deseño, Roberta Vázquez, Julia Huete, Pepa Prieto e Montse Piñeiro; e para textos críticos Laura Ramos, Sara Donoso, Anxo F. Couceiro, Jesús Silva, e Clara Coira. Coordinan Brais Romero e Cibrán Tenreiro.