Novos Cinemas, Clavi e Festival dos Eidos no Courel, candidaturas ao Premio do Público do Culturgal

O Festival dos Eidos, Novos Cinema e o Clavi, candidatos ao premio © Culturgal

O Culturgal 2019 entregará un ano máis o xa tradicional 'premio do público', un galardón elixido por votación popular que recoñece iniciativas partidas da sociedade civil que fan crecer á cultura galega, que fomentan a implicación da cidadanía e que tecen redes, promovendo a transversalidade e a colaboración. Nesta ocasión as tres candidaturas son as de Novos Cinemas (Festival Internacional de Cinema de Pontevedra), o Club Clavicémbalo de Lugo e o Eidos Fest (Fundación Uxío Novoneyra no Courel).

Pódese votar por algunha das tres candidaturas ata o 19 de novembro

Dende este martes e ata o vindeiro 19 de novembro xa se pode votar online por algunha destas candidaturas. A 12ª edición do Culturgal, que se desenvolverá dende o venres 29 de novembro ata o domingo 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, reserva un acto na xornada de peche para a entrega do Premio do Público.

Nas anteriores edicións de Cuturgal levaron os premios do Público da Feira, sen dotación económica, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (2013). Diario Cultural da Radio Galega (2014), o Festival de Cine Curtocircuíto (2015), Festival Agrogay da Ulloa (2016), Play-Doc (2017) e Casa de Rosalía (2018).

O galardón entregarase no marco da 12ª edición do Culturgal © Culturgal

O premio recoñece iniciativas partidas da sociedade civil que fan crecer á cultura galega, que fomentan a implicación da cidadanía e que tecen redes, promovendo a transversalidade e a colaboración

As asociacións gremiais que forman parte de Culturgal acordaron seleccionar estas tres iniciativas, salientando as súas fortalezas e méritos:

  • Novos Cinemas: Do 10 ao 15 de decembro, chega a súa cuarta edición de Novos Cinemas, un festival que centra a súa proposta no cinema dos creadores e creadoras que comezan. Con preto de 3.000 espectadores na súa última edición, está organizado pola Asociación Cultural e Cinematográfica Novos Cinemas con Ángel Santos, Dani Froiz e Suso Novás no equipo de dirección.
  • Clavicémbalo: En Lugo cidade existe unha sorte de oasis que se chama Club Clavicémbalo, o Clavi para a veciñanza e amizades. O Clavi foi fundado no ano 1986 e desde agosto de 1995 atopou o seu espazo físico estable na rúa Paxariños 23. Na feble engrenaxe da industria musical en Galicia, as salas de concertos son as “grandes empresas musicais”, salvadoras do directo, mecenas dos artistas noveis e refuxios culturais nas cidades do século vinte e un.
  • Festival dos Eidos: O Festival dos Eidos celébrase no mes de agosto desde 2015 con 3 días de programación cultural de diferentes expresións artísticas ligadas á literatura: recitais, concertos, artes escénicas e do corpo, roteiros e visitas guiadas, obradoiros, actividades para rapazada e exposicións nos diferentes espazos, do interior e exterior da casa-museo de Novoneyra e o seu territorio íntimo.
Festival dos Eidos © Culturgal
O Clavi © Culturgal
O Novos Cinemas © Culturgal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.