Un longo aplauso no Festival Internacional de Cinema de Toronto tras a estrea mundial de 'O Corno', rodada entre Galicia e Portugal
O Festival Internacional de Cinema de Toronto (TIFF) respondeu con aplausos á estrea mundial da segunda longametraxe da cineasta Jaione Camborda, O Corno, unha road movie rural ambientada na Galicia dos anos 70, rodada en galego e portugués en diferentes localizacións das comarcas da Arousa, do Baixo Miño (Pontevedra) e do Alto Minho (Portugal).
O Corno participa na sección Platform do certame canadense, dedicada aos proxectos máis valentes e innovadores. O filme, que chegará ás salas de cine o 11 de outubro, recibiu un longo aplauso despois da súa proxección. Na súa presentación, Camborda destacou o importante que era este momento "despois dunha longa viaxe para producir e contar esta película na que puxemos tanto esforzo e tanta alma".
A Illa de Arousa, ano 1971. María é unha muller que gaña a vida mariscando. Tamén é coñecida na illa por axudar outras mulleres nos seus partos con especial dedicación e coidado. Tras un inesperado suceso, vese obrigada a fuxir e comeza unha perigosa travesía que a fará loitar pola súa supervivencia. Buscando a súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por unha das rutas de contrabando entre Galicia e Portugal.
'O Corno', protagonizada pola bailarina e coreógrafa Janet Novás, chega aos cines o 11 de outubro
A película conta no seu reparto con Janet Novás, Carla Rivas, Siobhan Fernandes, Nuria Lestegás, Julia Gómez e Diego Anido, entre outros. Terá a súa estrea europea na Sección Oficial da 71ª edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián.
O Corno fai historia ao ser a primeira longametraxe en galego que compite na Sección Oficial en San Sebastián, a primeira de produción galega e tamén a primeira obra dunha cineasta galega ou afincada en Galicia, como é Jaione Camborda –donostiarra que leva máis dunha década asentada en Santiago de Compostela–, que aspira á Cuncha de Ouro.
A película de Jaione Camborda inaugura o Curtocircuíto cun pase en Santiago o 3 de outubro
Protagonizada pola bailarina e coreógrafa Janet Novás, a cinta inaugura esta edición do Curtocircuíto, Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela o vindeiro 3 de outubro. Tamén estará presente na programación do festival do British Film Institute de Londres en outubro, á vez que chega aos cines. Novás viaxou ata Toronto coa directora e guionista da película para a estrea deste domingo na sección Platform, na que tamén participou unha das produtoras, María Zamora.
Platform é a sección dedicada aos proxectos máis valentes e innovadores dentro do festival canadense. Nela compiten polo Platform Award diferentes estreas mundiais que nesta ocasión serán xulgadas por unha equipa liderada polo cineasta Barry Jenkins, que estreou neste mesmo espazo en Toronto a súa longametraxe Moonlight, coa que gañou o Oscar á Mellor Película en 2017.
'O Corno' fai historia ao ser a primeira película en galego que compite na Sección Oficial no festival de San Sebastián
Jaione Camborda debutou coa súa primeira película, Arima, en 2019, coa que obtivo o premio á mellor dirección na sección Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla e á mellor película na sección Escáner do festival Márgenes. Ademais, daquela xa pasou pola sección Made in Spain do Festival de San Sebastián, ao que agora volve para participar na Sección Oficial.
Camborda participou como guionista das longametraxes Os fenómenos e Ons, dirixidas por Alfonso Zarauza, e como directora de arte en varias películas doutros cineastas. Destaca o seu traballo dirixindo curtametraxes rodadas con material fílmico, como Proba de axilidade, Nimbos, Lilit ou Rapa das Bestas, todas elas coa súa produtora Esnatu Zinema, fundada en Compostela, coa que tamén produce O Corno en colaboración con Miramemira e Elastica Films, e en coprodución con Bando à Parte (Portugal) e Bulletproof Cupid (Bélxica).