'A illa das mentiras', de Paula Cons, leva cinco recoñecementos nunha gala na que tamén foron premiados Melania Cruz e Morris e na que Manuel Lourenzo recibiu o galardón de honra Fernando Rey
Ons, de Alfonso Zarauza, aspiraba a 13 premios na XIX edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego, e finalmente levou 9 na gala de entrega celebrada este sábado converténdose así na gran vencedora por diante de A illa das mentiras, de Paula Cons, que aspiraba a 12 e quedou con 5 galardóns. Foi nunha gala presencial celebrada na Coruña con aforo limitado e especiais medidas de precaución fronte ao coronavirus na que, no eido da interpretación como protagonistas, tamén resultaron premiados Antonio Durán ‘Morris’ e Melania Cruz polos seus papeis en Ons. Na gala tamén recibiu o premio de honra Fernando Rey o actor, dramaturgo e docente Manuel Lourenzo.
Este é o palmarés:
- Longametraxe: Ons, de Alfonso Zarauza.
- Dirección: Paula Cons, por A illa das mentiras
- Guión: Alfonso Zarauza e Jaione Camborda, por Ons
- Interpretación feminina protagonista: Melania Cruz, por Ons
- Interpretación masculina protagonista: Antonio Durán ‘Morris’, por Ons
- Interpretación feminina de reparto: Marta Lado, por Ons
- Interpretación masculina de reparto: Milo Taboada, por A illa das mentiras
- Montaxe: Fernando Alfonsín, por Ons
- Son: Sérgio Silva e David Machado, por Ons
- Música orixinal: Orquestra Fugaz, por 9 Fugas
- Dirección de fotografía: Alberte Branco (AEC), por Ons
- Dirección de produción: Tamara Soto, por Ons
- Dirección de arte: Antonio Pereira, por A illa das mentiras
- Maquillaxe e perruquería: Raquel Fidalgo e Patricia Vilela, por A illa das mentiras
- Vestiario: Eva Camino, por A illa das mentiras
- Realización: Marcos Estebo, Diego Guerrero e Mónica Ares, por Cos pés na terra
- Comunicador: Rodrigo Vázquez, por Quen anda aí?
- Documental: Nación, de Margarita Ledo.
- Serie de TV: Néboa (RTVE e Voz Audiovisual)
- Serie web: Xan (Lucía Estévez e Miguel Canalejo)
- Programa: Cinephilia (Noveolas Producciones e Telemiño)
- Anuncio publicitario: Desde o mar (Juan Galiñanes e Kaito Estudios)
- Videoclip: Muinheira de Interior, de Boyanka Kostova (Xaime Miranda)
- Curtametraxe de animación: Carne (Agbano Producións)
- Curtametraxe de imaxe real: Xoves de comadres (Islandia Producciones)
Manuel Lourenzo foi recoñecido pola "súa extensa e prolífica traxectoria e á súa ireemplazable contribución á cultura galega"
Ademais de premiar a producións e profesionais, a Academia Galega do Audiovisual premia cada ano a traxectoria de profesionais cuxa traxectoria resulte relevante para o sector. O actor, dramaturgo, director teatral, tradutor e docente Manuel Lourenzo recibiu o premio de honra Fernando Rey en recoñecemento “á súa extensa e prolífica traxectoria e á súa ireemplazable contribución á cultura galega”. Nacido no 1943 en Ferreira do Valadouro, desde principios dos anos sesenta vén desenvolvendo unha intensa actividade como actor, dramaturgo, director teatral, conferenciante, tradutor e dinamizador de diferentes iniciativas culturais. [HEMEROTECA| Manuel Lourenzo: "Dedicarse ao teatro significa aceptar as consecuencias"]