O Festival de Cans está a piques de iniciar a súa vixésima edición, dúas décadas nas que o certame medrou en dimensión pero nunca perdeu a súa esencia
O Festival de Cans está a piques de iniciar a súa vixésima edición, dúas décadas nas que o certame medrou en dimensión pero nunca perdeu a súa esencia: o feito de ser un festival irrepetible, único, absolutamente pegado ao espazo xeográfico no que se desenvolve -a aldea de Cans, no Porriño- e ás persoas que nel viven, os veciños e veciñas de Cans que son verdadeiras protagonistas e executores do evento.
Na programación deste ano, presentada a pasada semana, destaca a presenza da cineasta e fotógrafa franco-armenia Valérie Massadian, a entrega do premio Pedigree de Honra a Luís Zahera, as proxeccións de Honeymoon, Florencio López, o cego dos Vilares, Sica ou Matria, un Día das Letras que se celebrará coma nunca no festival, unha sección oficial de curtametraxes conformada unicamente por estreas e unha selección musical na que destacan Los Punsetes ou Fillas de Cassandra. Ademais, os habituais espazos para coñecer a que andan os fillos de Cans e, ademais, varios momentos para botar a vista atrás.
Porque vinte anos non son nada, pero en Cans deron moito de si. Este ano pasarán polo festival varias das persoas que nestas dúas décadas recibiron o premio de honra, ademais dun gran número de directores, directoras e intérpretes que foron construíndo as súas carreiras en paralelo co crecemento do certame. Tamén haberá un chisco de nostalxia no retorno de Tony Lomba e Elio dos Santos ao Torreiro. Falamos con Alfonso Pato, director do festival, sobre a programación deste ano e tamén sobre a identidade e traxectoria do festival, cos chimpíns a piques de arrincar.
Falemos primeiro da vixésima edición, que está a punto de comezar, coa novidade de que o fai un martes, aproveitando que o mércores, festivo, se celebra o Día das Letras Galegas. Deseñastes a programación dese día con moito coidado, non si?
"Ás veces empréstase máis atención aos grandes nomes e ao brilli-brilli, que opacan moitas cousas bonitas que hai debaixo. O público que vén a Cans pode facer un seguimento do crecemento deses cineastas dende que comezan facendo as súas primeiras curtas"
Si, xa esta fin de semana hai unha previa, co comezo das proxeccións de Valérie Massadian e a apertura da exposición Collage Catástrofe, de Diego Giráldez, centrada nas películas de catástrofes dos anos 70. Pero, efectivamente, o mércores será a primeira gran xornada do festival, cunha programación do Día das Letras que foi pechada con moito mimo. Por unha banda, temos a proxección de Matria, que xa leva un tempo en salas, pero pensamos que Cans é un contexto especial para vela, porque para nós é moi simbólico proxectar Matria o Día das Letras Galegas e, sobre todo, ter a Álvaro Gago, que gañou dúas veces premios en Cans. Álvaro cumpre así un ciclo do festival, que sempre entendemos que é unha ferramenta para dar a coñecer creadores e creadoras e que medren.
Tamén destaca a estrea do documental de Florencio López, o cego dos Vilares, que vai estar acompañado dunha sesión de violinistas que están entre os mellores de Galicia: Antía Ameixeiras, Begoña Riobóo, Aldara Palmeiro ou María Jorge, que acompañarán a Pancho Álvarez. E, finalmente, a nova edición de Novas Camadas e tamén o Día dos Veciños. En definitiva, tivemos moita intención de deseñar unha xornada entre a tradición, a lingua e a homenaxe á veciñanza de Cans.
Este ano as curtametraxes que participan na sección oficial son todas estreas, cunha coidada peneira entre as 231 obras recibidas..
"No Día das Letras tivemos moita intención de deseñar unha xornada entre a tradición, a lingua e a homenaxe á veciñanza de Cans"
Si, na sección de ficción e animación oficial son todo estreas, ben en Galicia, ben no conxunto do Estado. E moitas delas, ademais, teñen un percorrido aínda moi curto e foron pouco visibilizadas, así que chegan case virxes a Cans, por dicilo dalgún xeito. Penso que é o bonito dun festival: acudir a ver material inédito, tanto nesta sección coma na de Furacáns ou Novas Camadas.
A atracción do inédito é un dos grandes reclamos dun festival. E o mesmo sucede coas longametraxes que proxectamos: Sica, que chega ás salas ao día seguinte, Honeymoon ou o documental de Florencio López. O Cego dos Vilares. As poucas longas que programamos sempre teñen este criterio de ser novidades ou de ser obra de actores e directores que pasaron por Cans, como o caso de Álvaro Gago e Matria ou o de Alberto Vázquez e Unicorn Wars.
Supoño que para vós, máis importante mesmo que traer unha grande estrela, representa un orgullo maior que as estrelas do festival sexan persoas que se formaron no propio festival, que foron medrando en paralelo con Cans...
"A atracción do inédito é un dos grandes reclamos dun festival"
Si, esa é unha cuestión importante, porque ás veces empréstase máis atención aos grandes nomes e ao brilli-brilli, que opacan moitas cousas bonitas que hai debaixo. O público que vén a Cans pode facer un seguimento do crecemento deses cineastas dende que comezan facendo as súas primeiras curtas. Despois, en 'A que andas' volven a Cans e amosan os guións e bosquexos das primeiras longametraxes que están a preparar. Un ano despois veñen xa a presentar en 'Fillos de Cans' as primeiras imaxes inéditas desas longametraxes. E finalmente veñen presentar as longas xa rematadas.
Este ano en 'Fillos de Cans' están Jaione Camborda, Sonia Méndez ou Mario Iglesias, que todos eles e elas pasaron anteriormente polo festival e foron construíndose como cineastas. Cando se estreou Matria, por exemplo, sentimos que había unha parte de nós como festival, que é parte da construción e do crecemento de Álvaro Gago.
Nestes vinte anos Cans foi quen de popularizar, mesmo fóra de Galicia, a etiqueta de agroglamour e de dar a coñecer baixos, galiñeiros e chimpíns. Pero entendo que a esencia do festival, a súa identidade, non está tanto nestes espazos e elementos, coma na veciñanza de Cans, á que homenaxeades continuamente e que participa intensamente na organización, verdade?
"Cando se fai un evento e se apela á identidade, eu creo que esa identidade se refire a algo que só pode existir nese lugar e non se podería transplantar a outro"
Si, claro. Cando se fai un evento e se apela á identidade, eu creo que esa identidade se refire a algo que só pode existir nese lugar e non se podería transplantar a outro. Como un vello carballo que ten as súas raíces aquí e non se pode levar a ningures. Cans ten identidade porque ten unha relación moi forte co territorio e coas persoas que nel viven. O outro día morreu Carme, unha veciña que foi fundamental na historia do festival, e iso afectounos a todos a un nivel que penso que non se dá noutro tipo de eventos.
Temos unha rede emocional de conexión co territorio que non creo que teña ningún festival en Galicia e tampouco en España. Isto non é un Rock in Rio ou un Primavera Sound, que son franquicias e se poden levar a un lugar ou outro. O Festival de Cans é aquí e non podería ser en ningún outro lado. E o principal sinal de identidade do festival son os veciños e veciñas, por suposto. Os espazos físicos non significarían nada se non tivesen o complemento dos seus propietarios, que te reciben e que se emocionan ao abrir a súa casa para o festival.
Na programación desta edición haberá varios momentos e oportunidades para mirar cara atrás, para facer balance, para lembrar e para os reencontros, comezando pola homenaxe ás persoas que recibiron o Premio Pedigree...
"Á hora de deseñar a programación tentamos facer un relato que se sustentase cun criterio, esa idea dos vellos amigos que nos reencontramos"
Si, á hora de deseñar a programación tentamos facer un relato que se sustentase cun criterio, esa idea dos vellos amigos que nos reencontramos. Por exemplo, este encontro que queremos facer no Torreiro, no que estarán moitos dos premiados e premiadas co Premio Pedigree, comezando por Morris. Tamén homenaxearemos a varios que teñen a súa estrela e que por desgraza xa non están entre nós como José Luís Cuerda, Chete Lera ou Quique San Francisco.
Estes días estivemos mirando cara atrás e pensando en moitas persoas que foron importantes no festival, como Pepe Puime, que era unha icona dos chimpíns, como Divina, unha veciña que acabou de comentarista de películas na TVG, como Silvino, que colocaba as estrelas no Torreiro. Moitas persoas que forman parte desa relación orgánica do festival da que falaba antes.
Tamén forma parte desa 'autohomenaxe' o concerto de Tony Lomba e Elio dos Santos?
"Para Tony Lomba e Elios dos Santos hai un concerto que é especial: o do Torreiro de Cans. Lembro a Juanma Bajo Ulloa, coa boca aberta e dicindo 'quen son estes tíos e como puidemos vivir ata agora sen coñecelos?'"
Si, para Tony Lomba e Elios dos Santos, que só fan actuacións esporádicas, hai un concerto que é especial: o do Torreiro de Cans. Con eles volvemos a ese espazo, que foi onde se consagraron e onde moita xente os coñeceu por primeira vez. Lembro a Juanma Bajo Ulloa, coa boca aberta e dicindo 'quen son estes tíos e como puidemos vivir ata agora sen coñecelos?'. Tony Lomba leva dous meses preparando un traxe especial para este concerto e o seu regreso vai ser máxico, porque o Torreiro de Cans é case o seu hábitat natural.
Lembro que hai xa algúns anos, penso que na décima edición, cando che preguntaba por onde podería seguir medrando o festival, dicías que o obxectivo xa non era aumentar o número de asistentes senón diversificalos, espallalos por varios días e por varios espazos. Primeiro, porque a aldea de Cans ten un límite e porque o propio festival pasaría a ser outra cousa se se masificase en exceso. Seguides nesa idea?
"Eu sempre pensaba: por que me preguntan todos os anos 'canta xente esperamos recibir' ou 'se imos superar o récord do ano anterior', cando aos outros festivais de cine non lle fan este tipo de preguntas?"
Si, hai dez anos falabamos desas cousas e non iamos desencamiñados en buscar un obxectivo, que despois se puxo tan de moda, como é o da sostibilidade. Eu sempre pensaba: por que me preguntan todos os anos 'canta xente esperamos recibir' ou 'se imos superar o récord do ano anterior', cando aos outros festivais de cine non lle fan este tipo de preguntas?
Parecía que estabamos metidos nunha certa obsesión por bater récords, pero sucederon dúas cousas. Primeiro, a edición do 2019, na que pasaron 15.000 persoas polo festival e na que tivemos algúns problemas para xestionar este número de xente. Aí xa comezamos a reflexionar de verdade sobre se era iso o que queriamos. E, despois, ademais, veu a pandemia, que foi unha cousa fastidiada, pero que nos deu ese tempo para reflexionar. A pandemia resituounos.
E nesa idea seguimos: ampliamos o número de días do festival, renunciamos a traer grandes figuras musicais cun gran caché, e optamos por facer cousas especiais en formatos máis pequenos. E este ano incidimos moito niso: ampliamos os espazos, que se distribúen polos arredores da aldea, o que facilita que a xente poida estar máis cómoda.
Que momentos destacarías destes vinte anos do festival, ben por ser especialmente emotivos, ou por representar ben o que é Cans?
"Hai moitos momentos. Pero eu destacaría, por exemplo, a presenza de Luís Tosar na primeira edición, cando el xa era unha estrela, e que nos axudou a poñernos no mapa, foi moi importante para nós"
Hai moitos, moitísimos. Pero, indo ao principio, eu destacaría, por exemplo, a presenza de Luís Tosar na primeira edición, cando el xa era unha estrela, e que nos axudou a poñernos no mapa, foi moi importante para nós. Tosar é o único que ten un Premio Pedigree que non é o Can de Pedra, porque na primeira edición o premio era a silueta da montaña que domina Cans. Pero como non nos gustou moito, na segunda edición cambiámolo polo can.
Nese ano o primeiro xurado do festival estaba formado por Morris, Suso Iglesias, Julián Hernández e Camila Bossa. Fíxate que pardillos eramos que montamos o xurado e non nos demos conta de que Morris era protagonista dunha das curtas. Julián enfadouse e dixo que iso non podía facer e ao final Morris non participou nas votacións e a súa curta foi unha das gañadoras.
Que outros momentos destacas, máis aló desa primeira edición?
"Foi moi bonita a presenza de José Luís Cuerda en Cans, porque mesmo houbo un momento en que o perdemos e ninguén sabía onde estaba e resulta que estaba nunha casa, onde estaba moi a gusto, merendando, porque lle estaban contando historias e tocando o acordeón"
Lembro tamén cando veu Kepa Junquera e tocou o acordeón con Pazos de Merexo. Foi moi bonita tamén a presenza de José Luís Cuerda en Cans, porque mesmo houbo un momento en que o perdemos e ninguén sabía onde estaba e resulta que estaba nunha casa, onde estaba moi a gusto, merendando, porque lle estaban contando historias e tocando o acordeón. Lembro tamén a presenza de Javier Krahe no ano 2004. Ou un ano que apareceu José Sacristán, que non contabamos con el.
Foi espectacular tamén un ano que veu Iván Ferreiro a tocar a Cans. E con el viña Coque Malla, xa que eran moi amigos. A Coque gustoulle o espazo do galiñeiro onde faciamos concertos e pediu tocar aí, que non estaba previsto. Estaba preparando un disco, Termonuclear, e resulta que tocou enteiro o novo disco, que era totalmente inédito, ademais de cantar varios temas de Los Piratas con Iván. O máis bonito é cando pasan cousas inesperadas.
"E, por suposto, o día que na CNN confundiron Cannes con Cans. Convidamos o presentador, Ali Velshi, a través das redes, pero non tivemos resposta. En calquera caso, fíxose viral e diso falouse en toda España e deunos moita publicidade"
Máis recentemente, lembro tamén o momento no que nunha conversa con Sorogoyen e Zahera, en 2019, Sorogoyen anunciou que ía facer unha película en Galicia protagonizada por Zahera; ese foi o primeiro momento no que falou publicamente de As Bestas. Destacaría tamén un coloquio con Isabel Coixet e Reixa, no que Coixet leu longos fragmentos do guión de Elisa e Marcela.
E, por suposto, o día que na CNN confundiron Cannes con Cans. Convidamos o presentador, Ali Velshi, a través das redes, pero non tivemos resposta. En calquera caso, fíxose viral e diso falouse en toda España e deunos moita publicidade.