O "festival total" de Cans celebra o seu 20 aniversario cunha edición de "reencontro" e "cargada de sorpresas"

Participantes na presentación da XX edición do Festival de Cans, este mércores © Festival de Cans

Este mércores presentáronse os detalles da vixésima edición do certame, que terá lugar entre o 16 e o 20 de maio

O Festival de Cans celebra este ano seu vixésimo aniversario, vinte anos dende a primeira edición celebrada en 2004 no que o certame medrou en dimensión e popularidade pero mantivo a súa esencia centrada nas obras de pequeno formato, na promoción do cinema galego e, por suposto, do agroglamour personificado no seu desfile de chimpíns, no Torreiro das Estrelas, no Jaliñeiro e nos xa famosos espazos de proxección, coma o Baixo de Bugarín, Baixo de Moncho, Baixo de Alfonso e Cuberto de Chelo

Cans comezará este ano o martes 16 de maio, celebrará o Día das Letras Galegas cunha programación especial e terá as súas xornadas centrais o xoves 18 e sobre todo o venres 19 e o sábado 20, cando entregará os premios desta edición.

Desfile de chimpíns © Festival de Cans

Alfonso Pato, director do certame, destacou que esta edición do vixésimo aniversario será unha cita “cargada de emoción, con sorpresas, e que será un reencontro de vellos amigos”

O festival presentou este mécores os detalles da súa edición número vinte. No acto Alfonso Pato, director do certame, destacou que esta edición do vixésimo aniversario será unha cita “cargada de emoción, con sorpresas, e que será un reencontro de vellos amigos”. Asi, ademais de contar en distintos ámbitos do festival con persoas que pasaron en numerosas ocasións por Cans, como Nathalie Poza, Luis Zahera, Javier Gutiérrez, María Vázquez, Diego Anido, Nerea Barros ou Tamar Novas, esta vixésima edición dedicará unha parte da súa programación a botar a vista atrás. 

No coloquio da Leira, o día Grande do festival, está previsto un emotivo encontro que reunirá a moitas e moitos dos recoñecidos co Premio Pedigree ao longo destes 20 anos, entre eles Antonio Durán Morris, que foi xurado na primeira edición do certame. Nesta idea de reencontro tamén presentarán algúns filmes directores agora recoñecidos que comezaron como curtametraxistas en Cans como Enrique Otero, Álvaro Gago ou Alberto Vázquez.

Integrantes do xurado dos veciños e veciñas na edición XX do festival © Festival de Cans

No coloquio da Leira, o día Grande do festival, está previsto un emotivo encontro que reunirá a moitas e moitos dos recoñecidos co Premio Pedigree ao longo destes 20 anos, entre eles Antonio Durán Morris, que foi xurado na primeira edición do certame

O Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, calificou Cans como un “festival total” e sinalou que "foi impresionante" ver como se consolidou nestes 20 anos ademais da gran conexión existente entre o evento e a aldea de Cans.

Na XX edición do festival proxectaranse cerca dun cento de obras audiovisuais, das cales haberá máis de 30 estreas. Ademais, o público regresará aos chimpíns e haberá máis música ca nunca, con máis de 25 actuacións musicais en cinco días, con bandas como Los Punsetes, Fillas de Cassandra, The Limboos, Mr. Kilombo ou Serial Killerz, todos de acceso gratuito.

Luís Zahera, premio Pedigree de Honra

Luís Zahera, que vén de obter o seu segundo Goya por As bestas, recibirá o venres 19 o Premio Pedigree de Honra

O compostelán Luís Zahera, que vén de obter o seu segundo Goya por As bestas, recibirá o venres 19 o Premio Pedigree de Honra, co que o Festival de Cans recoñece o conxunto da súa traxectoria cinematográfica. Ese día deixará as súas pegadas no Torreiro das Estrelas, á beira de anteriores homenaxeados como a cineasta Margarita Ledo, Jorge Coira ou o actor Luis Tosar. 

Ademais, o festival decidiu conceder os Chimpíns de Prata da edición 2023 a actriz Melania Cruz, ao crítico de cine Ángel Suanzes e a veciña de Cans María Jesús Sánchez Mari da Carreira

Luís Zahera, á esquerda, con Rodrigo Sorogoyen, na edición 2019 do Festival de Cans © Festival de Cans - Alberto P. Barahona

Valérie Massadian 

A XX edición do Festival de Cans contará coa presenza da cineasta e fotógrafa franco-armenia Valérie Massadian. O certame dedicaralle o Foco Internacional, cunha retrospectiva completa

A XX edición do Festival de Cans contará coa presenza da cineasta e fotógrafa franco-armenia Valérie Massadian. O certame dedicaralle o Foco Internacional, cunha retrospectiva completa na que presentará as dúas longametraxes e sete curtametraxes, seis delas inéditas en España. Tamén participará na matinal do venres 19 de maio nun coloquio con outras realizadoras e realizadores galegos, dentro da sección Café con Crea.

A presenza de Massadian en Cans correspóndese coa liña emprendida nos últimos años polo festival de convidar a cineastas de prestixio internacional, cunha filmografía aínda en crecemento, e que tiveran experiencia previa no mundo da curtametraxe. Massadian súmase a outros realizadores que pasaron por Cans como o portugués Joao Nicolau, o brasileiro Kleber Mendonça Filho ou o alemán Hannes Stöhr. 

Pleno de estreas na sección oficial

Por primeira vez na historia do festival, as 12 curtametraxes que compiten na categoría principal de ficción e animación serán estreas. Sete veranse por vez primeira en Galicia, catro delas serán estreas absolutas e unha delas terá a estrea en España. 

Por primeira vez na historia do festival, as 12 curtametraxes que compiten na categoría principal de ficción e animación serán estreas

Entre elas destacan a presenza de Ulises, de Felix Brixel que competiu no Festival de Málaga; O neno Sardiña de Lucía Estévez, que pasou pola competición do Festival de Xixón ou Amanece, la noche más larga, a curta de animación que foi finalista dos Goya, dos vigueses Carlos Fernández de Vigo e Lorena Ares, que aínda non tivera a estrea en Galicia. Entre as estreas absolutas están O Coidado, o debut como director do actor Miguel Canalejo, ou Carraxe, ópera prima do tamén actor Muriel Pernas, protagonizada por Mabel Ribera e Roberto Leal.

O festival recibiu para esta edición un total de 231 obras a concurso, rebasando amplamente o número de 187 recibidas o pasado ano, e achegándose á cifra récord de 2019, o ano anterior á pandemia, no que se recibiron 255 obras.

Valérie Massadian será unha das protagonistas da edición XX do Festival de Cans © Festival de Cans

Honeymoon

Honeymoon, de Enrique Otero, protagonizará a sesión inaugural do certame, coa presenza dos seus protagonistas Nathalie Poza e Javier Gutiérrez, de María Vázquez ou Antonio Durán Morris

Aínda que o martes 16 e mércores 17 xa haberá unha intensa actividade en Cans, a programación habitual do festival comezará o xoves 18. Honeymoon, de Enrique Otero, protagonizará a sesión inaugural do certame, coa presenza dos seus protagonistas Nathalie Poza e Javier Gutiérrez, de María Vázquez ou Antonio Durán Morris.

Todos eles estarán en Cans para asistir ó icónico desfile de chimpíns e manter un encontro co público. Primeiro estarán acompañando a proxección do filme o xoves 18 de maio no Círculo Recreativo Cultural de O Porriño, con entrada gratuita ata completar o aforo, e o día seguinte, o venres 19, asistirán a un coloquio matinal aberto no Torreiro de Cans.

Furacáns

Por outra banda, dez curtametraxes participarán na sección competitiva Furacáns, das cales seis serán estreas e oito delas, un 80% do total, están dirixidas por mulleres cineastas. A sección Furacáns está dedicada ás obras de non ficción e a autores e autoras que na maioría dos casos asumen riscos narrativos afastándose de fórmulas máis convencionais.

Dez curtametraxes participarán na sección competitiva Furacáns, das cales seis serán estreas e oito delas, un 80% do total, están dirixidas por mulleres cineastas

Entre elas están, por exemplo, Envés, o novo traballo da cineasta Ángeles Huerta, directora de O Corpo Aberto, no que experimenta na construción de imaxes partindo dun diálogo cos versos da poeta Rosalía Fernández Rial. Tamén My Truth, unha curta que reflexiona sobre a conexión entre imaxes e diferentes testemuñas relacionadas coa saúde mental, dirixida pola debutante Marta Bouzas; ou Ningún Deus, de Miriam Opazo, un achegamento autobiográfico ao entroido ourensán a través das máscaras, a identidade e a iconografía. Tamén se poderá ver por primeira vez rematada a obra Notas sobre a violencia de Marta Valverde, unha creación sobre a normalización da violencia na vida cotiá. 

A proxección de Honeymoon protagonixa a sesión inaugural da XX edición do Festival de Cans © Festival de Cans

O Día das Letras, en Cans

O mércores 17 de maio o festival contará cunha intensa programación da mañá ata a noite para celebrar o Día das Letras, cine en galego, coloquios, música tradicional e actividades como Novas Camadas ou o Día dos Veciños

Cans ten este ano unha duración de cinco días. Comeza o martes 16 e o mércores 17 de maio, o festival contará cunha intensa programación da mañá ata a noite para celebrar o Día das Letras, cine en galego, coloquios, música tradicional e actividades como Novas Camadas ou o Día dos Veciños. Entre o máis destacado da xornada, atopamos a estrea do documental Florencio, o cego dos Vilares, dirixido polo músico Pancho Álvarez, dedicado ao considerado como último xograr galego, o músico cego Florencio dos Vilares, violinista, cantor e contador natural da Fonsagrada e tío avó de Xoel López.

Ao mediodía terá lugar un coloquio entre o director Álvaro Gago e a actriz María Vázquez, sobre o proceso de creación de Matria. Así mesmo, proxectaranse as dez curtas da sección Novas Camadas, que mostra o traballo de novos cineastas galegos menores de 25 anos.

Tamén se presentará o documental De casa en casa, unha homenaxe ás veciñas de Cans que recolle as testemuñas dos oficios extinguidos nos anos 70 do século pasado

Tamén se presentará o documental De casa en casa, unha homenaxe ás veciñas de Cans que recolle as testemuñas dos oficios extinguidos nos anos 70 do século pasado, como os das mulleres que percorrían as aldeas coas máquinas de coser ao lombo, ás que cociñaban nas celebración doutras casas ou as que facían de parteiras para axudar a parir a outras mulleres. Pola noite, ás 21:30, o Torreiro recibirá AcordeCans e ás Pandereteiras de Cans para poñerlle música á noite máxica das veciñas e veciños da aldea.

Foto de familia dos gañadores e gañadoras dos premios na edición XIX do Festival de Cans © Festival de Cans - Cris Andina

Cans tamén é música

Ademais das proxeccións de curtametraxes e filmes e dos coloquios e debates sobre o cine e o audiovisual, o Festival de Cans sempre coidou a súa programación musical, que nesta edición inclúe 25 concertos, todos eles con entrada de balde. Destaca a actuación de Los Punsetes o venres 19 de maio, o mesmo día que Fillas de Cassandra, un dos grupos do momento en Galicia, e EME Dj.

Un dos coloquios celebrados na edición XIX do Festival de Cans © Festival de Cans - Cris Andina

Haberá 25 concertos, todos de balde. Entre eles Los Punsetes, Fillas de Cassandra, Mr.Kilombo, The Limboos e o regreso de Tony Lomba e Elio dos Santos

O sábado será o día grande do festival coas actuacións no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río da banda Mr. Kilombo, proxecto de música de raíz festiva encabezado polo madrileño Miki Ramírez, e do dúo de Djs Serial Killerz. A fin de festa correrá a cargo de Rapariga Dj. Na tarde do sábado actuarán The Limboos, banda de orixe galega afincada en Madrid.

Para conmemorar esta XX edición, o Festival de Cans volverá programar actuacións noutro dos espazos históricos da aldea, como é o Torreiro das Estrelas. A este espazo regresará na tarde-noite do sábado 20 de maio unha das formacións máis aclamadas nos vinte anos de historia de Cans, Tony Lomba e Elio dos Santos. Ademais, haberá unha sesión vermú coa música de Mallou, recentes gañadores do Premio Narf da Deputación da Coruña. 

Concerto de Dakidarria na edición XIX do Festival de Cans © Festival de Cans - Cris Andina

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.