Cans celebrou os seus dez anos con récord de público: "Tocamos teito, agora toca diversificar"

Tony Lomba en Cans © Rafa Costas

Uns días antes de comezar o Festival de Cans o seu director, Alfonso Pato, afirmaba en Praza que concibían esta edición "como unha oportunidade para repensar o Festival. Como o peche dunha primeira etapa e como o momento no que debemos pensar como debe ser a seguinte. E cremos que nalgúns aspectos debemos ampliar o foco". Falaba dun maior "contacto co Brasil e con toda a produción da lusofonía" e tamén do obxectivo de que "todo isto deixe pouso na aldea", traballando "en cuestións coma a sostibilidade e a integración coa natureza" e en "darlle unha estrutura máis sólida ao propio festival".

Pois a edición 2013 de Cans rematou. E fíxoo como se esperaba: como unha gran festa e como un gran encontro cos amigos e as persoas que nesta primeira década do festival pasaron que aquí. E cun récord de asistencia: máis de 12 mil persoas pasaron pola aldea entre o xoves e o sábado, e a metade delas xuntáronse no sábado 25, o día grande, que superou todas as espectativas. E os responsables do festival miran cara ao futuro: "Tocamos teito, agora toca diversificar". Afirman que "Cans está no seu tope de afluencia de público, polo que o seu obxectivo para vindeiras edicións será seguir diversificando os contidos con novas propostas e mantendo a súa maneira de programar alternativa, diferente e orixinal".

Tamén fan fincapé no "traballo educativo que garante o futuro e o relevo xeracional". Nesta edición 500 rapaces e rapazas dos centros de ensino da comarca e arredores pasaron pola sección Cans do futuro. Así mesmo, manteranse os proxectos Can Campus e Cans Proxecta, en colaboración coas universidades. Outro dos elementos claves para a organización é que os veciños e veciñas teñen cada vez un papel máis destacado no festival.

A edición 2013 pechouse tamén cun éxito a nivel artístíco pois unha nova xeración de creadores e creadoras copou o palmarés: Roi Fernández, Alberto Vázquez, Belén Sousa, Nani Matos, Soledad Rebollo, Pedro Díaz, María Pérez e Hugo Amoedo. O palmarés desta décima edición supuxo "o descubrimento dunha xeración emerxente de cineastas galegos, que marcharon fóra para formarse e na procura das oportunidades que non atopaban aquí, e que están triunfando cos seus primeiros proxectos", destacan dende a organización, que salienta que "quedou confirmado" o papel do Festival de Cans "como a gran festa popular do cine, e o mellor escaparate para o audiovisual galego e o lanzamento dos novos creadores e creadoras do país".

Soprando as velas © Rafa Costas
O baixo de Bugarin © Rafa Costas
Agardando por Cristina Pato no Jaliñeiro Unplugged © Rafa Costas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.