Jaione Camborda agradeceu a Cuncha de Ouro en San Sebastián destacando a importancia das referentes, a cineasta xa é a primeira directora do Estado en recibir este recoñemento. 'O Corno' chega ás salas de cinema "con forza" o 11 de outubro
O Corno chega a Galicia tras rachar coas barreiras do cinema. Esas barreiras que fixeron que 71 edicións despois, Jaione Camborda sexa a primeira directora do Estado en acadar o máximo recoñecemento do Festival de San Sebastián, un certame chave no contexto europeo. O festival Curtocircuíto de Santiago inaugura a súa vixésima edición este martes coa estrea galega da película protagonizada por Janet Novás na que a sororidade entre mulleres faise esencial para sobrevivir coa privación de liberdades da ditadura.
“Síntome especialmente alagada de recibilo das mans deste xurado ao que admiro e que son referentes para min –dixo a cineasta Jaione Camborda ao recoller o premio en Donostia–. E que importantes son os referentes, as que abriron camiño e nos iluminaron un pouquiño esta nebulosa que é a vida, e a través do cine e outras artes ensínannos un pouco máis”. A donostiarra veciña de Compostela compartiu a Cuncha de Ouro “con todas esas cineastas que están por vir” e “serán referentes para as seguintes”.
Horas antes da gala de clausura, desde a organización do Festival de San Sebastián quixeron confirmar a asistencia das produtoras de O Corno, que son a propia Camborda desde Esnatu Zinema, Andrea Vázquez de Miramemira e María Zamora de Elastica Films. Aí comezaron os nervios e os rumores. Acudiron preparadas para todo. No momento no que souberon que a Cuncha de Ouro era para elas, Andrea Vázquez lembra como lles “comezaron a tremer as pernas”, pero respiraron fondo e saíron a celebralo.
Foi unha viaxe de catro anos ata que Jaione Camborda logrou o financiamento necesario para rodar a película que levaba na cabeza desde varios anos antes. “Intento abordar o filme desde unha idea máis esencialista do ser humano, máis emocional e infinita, buscando a cuestión vital, animal e esencial das persoas”, sinalou a cineasta, que cre que “toda creación é un acto político”, na entrevista con Praza.gal o día antes a marchar a Donostia.
"As deliberacións nos xurados son complicadas, pero polo visto cando viron 'O Corno' estaban todos de acordo", celebra a produtora Andrea Vázquez
O Corno xa chegaba ás salas de cine cunha aposta ambiciosa en canto ao número de copias para o vindeiro mércores 11 de outubro, pero as produtoras aínda teñen pendentes reunións de distribución que agora saben que se resolverán positivamente. A Cuncha de Ouro trouxo unha “voráxine” de atención cara á película, que dentro do cinema autoral e independente ao que pertence vai estrearse con forza en toda a Península. A directora presentará o pase do día 12 na sala de cine Numax, en Santiago, nunha proxección especial con coloquio posterior.
A cineasta francesa Claire Denis é a presidenta do xurado que outorgou o máximo recoñecemento do Festival de San Sebastián á segunda longametraxe de Jaione Camborda. Andrea Vázquez, de Miramemira, confesa que os membros do xurado lles transmitiron que cando viron a película a reacción foi “moi unánime”. “As deliberacións nos xurados son complicadas porque cada un ten o seu punto de vista e ás veces chegar a acordos leva moitísimo tempo, pero polo visto cando viron O Corno estaban todos de acordo e salientaban unha cuestión que nos fai especial ilusión: o nivel de actuación da protagonista, Janet Novás”, celebra en conversa con Praza.gal a produtora galega.
"Estar na sección oficial de San Sebastián, o festival máis importante do Estado e un dos festivais máis importantes de Europa xa é un fito", di Andrea Vázquez
Andrea Vázquez ten ás súas costas experiencias de rodaxes moi intensas, como a do filme O que arde, de Oliver Laxe, e salienta como nesta película todo o equipo remou moi unido: “Houbo unha cohesión entre o equipo súper boa e moi bonita. Agora co de San Sebastián toda a xente que puido do equipo achegouse, e non sempre pasa. As rodaxes son tensas, complicadas, e non sempre se crea un bo ambiente de traballo. Tivemos a sorte de dar con profesionais sensibles, pero penso que isto é outro trazo do bo facer de Jaione como directora”.
“Estar na sección oficial de San Sebastián, o festival máis importante do Estado e un dos festivais máis importantes de Europa xa é un fito. E facelo cunha película en galego cunha temática determinada e que sexa a primeira directora española en gañar a Cuncha son todo logros. Ten que pasar algunha vez por primeira vez e cando o consegue a película coa que estás xa che queda gravado para sempre. Todas estamos súper orgullosas”, debulla Vázquez.
Noemí Chantada, que forma parte do equipo da película, destaca o traballo "exquisito" de Camborda e que o éxito da película se estea festexando "de maneira colectiva"
A boa nova do galardón para O Corno chegou a Santiago á vez que se celebraba a festa posterior á entrega dos premios da Asociación galega de profesionais da dirección e realización, CREA, onde seguiron o veredicto do xurado en directo. “Para todos nós este premio ten unha importancia simbólica moi potente, sentímolo como colectivo”, resalta o cineasta Pela del Álamo.
A realizadora Noemí Chantada, que forma parte do equipo da película, destaca o traballo “exquisito” de Camborda e tamén que o éxito da película se estea festexando “de maneira colectiva”. “Máis aló do merecemento –que calquera que vexa o filme vai percibilo porque é unha historia que logra interpelar– escoitar a xente que di con orgullo ‘a primeira Cuncha de Ouro galega’ ou ‘a primeira directora española’ é moi emocionante. Sentirnos parte e arroupar a todas as persoas co relato e co fito en si mesmo paréceme fermosísimo”, detalla.
O xornalista cultural especializado en cinema Ángel Suanzes destaca o fermoso de ver a evolución de Jaione Camborda como creadora “desde un cine máis experimental” presente nas súas curtametraxes ata o momento actual, “sempre desde o artístico e o comprometido”. Para Suanzes, este premio para O Corno mostra tamén a evolución do cinema galego nos últimos quince anos e “suma a partir dunha conciencia, dun tipo de cine, dunha aposta pola lingua e polo país”.
"Había que dar un salto, e ese salto pegouse participando na sección oficial. O triplo salto mortal foi acadar a Cuncha de Ouro", afirma Ángel Suanzes
“Eu, persoalmente, levaba anos agardando a que houbera un filme na sección oficial do Festival de San Sebastián en galego porque consideraba que era unha débeda que tiña co cinema que se estaba a facer desde Galicia”, conta. “Agora falta que isto se normalice”, avanza Suanzes, durante moitos anos xornalista dedicado ao cinema na CRTVG e que agora aporta as súas opinións desde Verdades e Sobradas, un proxecto que acaba de comezar xunto a Andrea Villa.
“Isto é un paso máis como o dado por O que arde, de Oliver Laxe, no seu momento e por outras moitas como Trote, de Xacio Baño; Trinta Lumes, de Diana Toucedo; ou coproducións galegas como María y los demás, de Nely Reguera. Había que dar un salto, e ese salto pegouse participando na sección oficial. O triplo salto mortal foi acadar a Cuncha de Ouro”, afirma o xornalista.
Para Pela del Álamo a Cuncha de Ouro de 'O Corno' fai evidente que desde as administracións públicas hai que "apoiar os filmes de vocación artística e autoral para que se poidan producir de forma industrial"
Un dos festivais do país que é testemuña desta evolución do cine galego é o Curtocircuíto, que comeza este martes en Compostela, e que acolle a estrea galega de O Corno por decisión da propia Jaione Camborda. “Non hai mellor maneira de celebrar os vinte anos do Curtocircuíto. Jaione é parte deste festival, participou como xurado, como cineasta e como público e é amiga. Estamos felices”, indica Pela del Álamo, director do certame.
“Non é un cometa, non é un espellismo”, describe Pela del Álamo sobre o triunfo de Camborda, que ve arroupado polos éxitos das obras de Carla Simón, Oliver Laxe, Lois Patiño ou Diana Toucedo. “Isto para Galicia é un antes e un despois no cinema que hai que apoiar principalmente, hai que apostar sempre polo cinema autoral e artístico; o outro vaise co vento, non xera patrimonio e non xera unha idea de Galicia fóra. Con O Corno estamos exportando un montón de galeguidade, isto é poñer Galicia no mundo pero de verdade”, incide Del Álamo.
Para Pela del Álamo a Cuncha de Ouro de O Corno fai evidente que desde as administracións públicas hai que “apoiar os filmes de vocación artística e autoral para que se poidan producir de forma industrial”. “Isto é histórico tamén porque reforza esta mensaxe, pois os recoñecementos para o cinema galego están chegando por películas de autor, non por películas comerciais”, defende o director.