"Chegar tarde é mellor que non chegar": o novo de Fillas de Cassandra pide pausa contra "o desenfreo do Capital"

Fillas de Cassandra, Hibernarse © Arancha Brandón

"Hibernarse" é o título da nova canción de Fillas de Cassandra, que dende este xoves pode escoitarse nas plataformas dixitais. É o primeiro avance dun EP do mesmo título, que ata o vindeiro 10 de abril irá dando a coñecer cada semana un novo tema

"Hibernarse" é o título da nova canción de Fillas de Cassandra, que dende este xoves pode escoitarse nas plataformas dixitais, e que constitúe o primeiro avance do seu EP multiformato, co mesmo título, que ata o vindeiro 10 de abril irá dando a coñecer cada semana un novo tema. “Xa mo dicía mamá. Ti chega tarde que é mellor que non chegar”, iníciase a peza, que constitúe unha reivindicación de pausa ante a velocidade e o "desenfreo" impostos polo capitalismo.

“Rápido e mal feito, dúas veces mal”, cantan Sara Faro e María SOA nun tema que se rebela contra o “frenesí da industria e do fast-todo do capital”. Fronte ao ritmo desenfreado e á velocidade dos acontecementos vividos ao longo destes dous últimos anos, cando publicaron o seu álbum de debut, Acrópole, as dúas artistas avogan "porque cadaquén poida tomar o tempo necesario para levar o seu propio compás e construír algo auténtico e duradeiro desde a súa verdade", como queren facer elas mesmas, sinalan.

“Rápido e mal feito, dúas veces mal”, cantan Sara Faro e María SOA nun tema que se rebela contra o “frenesí da industria e do fast-todo do capital”

O xoves 10 de abril coñeceremos, polo tanto, a totalidade de Hibernarse, o novo proxecto do dúo. Un EP "híbrido e multiformato" no que buscan reflexionar sobre o concepto do tempo a través de diferentes prismas e disciplinas artísticas. Cada xoves escoitaremos un novo tema e, finalmente, dentro de tres semanas teremos o conxunto deste traballo, cuxa parte musical producen Greta Ch’aska e Mumbai Moon e que será publicado por Tremendo Audiovisual e Altafonte. O EP poderá reservarse, proximamente, a través da páxina web www.altafonte.com.

“Xa mo dicía mamá. Ti chega tarde que é mellor que non chegar”, iníciase a peza, que constitúe unha reivindicación de pausa ante a velocidade e o "desenfreo" impostos polo capitalismo

En Hibernarse  atópanse novos rexistros das voces de Sara Faro e María SOA e singulares xogos que establecen con sonoridades e texturas. Mantense, iso si, os sinais de identidade do dúo: as súas sobranceiras harmonías vocais, os instrumentos orgánicos e a electrónica intensa. 

Elas mesmas destacan que "os procesos de exploración son lentos e complexos" e que en ocasións supoñen que "para avanzar un paso, ás veces cómpre desandar outros catro". Por ese motivo manifestan o desexo “de mudar a voz e a pelaxe” para “achar as medidas para un novo traxe”, unha metáfora do proceso de busca de novas formas sonoras, musicais e discursivas sobre as que María SOA e Sara Faro xa están a traballar. 

Sara Faro e María SOA son Fillas de Cassandra © Arancha Brandón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.