Este proxecto reuniu unha selección de 64 mozas e mozos de entre 15 e 28 anos pertencentes ás diferentes bandas galegas
A Banda Sinfónica Galega proclámouse gañadora da 137 edición do CIBM Ciutat de València na sección libre. O Palau de la Música puido desfrutar este venres dunha grande actuación que acadou un total de 352 puntos e o recoñecemento do xurado, cunha agrupación formada integramente por músicos galegos e comandados polo mestre David Fiuza.
Este proxecto, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP), reuniu nesta ocasión a unha selección de 64 mozas e mozos de entre 15 e 28 anos pertencentes ás diferentes bandas galegas, no contexto do XVII Encontro da Banda Sinfónica Galega (BSG).

A interpretación do repertorio no Palau da Música de València levou a esta formación a acadar o primeiro premio e a mención de honra da Sección Libre, colleitando 352 puntos dos 400 posibles, cun xurado formado por Salvador Sebastiá, Jesús Chapi, Colleen Richardson, Amadora Mercado e Andrés David Ascanio Abreu. A concentración preparatoria tivo lugar durante toda esta semana na cidade de Lugo, onde a BSG tivo a oportunidade de ultimar un repertorio bandístico variado de alto nivel, segundo explican desde a banda nun comunicado.
A dirección artística deste proxecto recaeu no mestre David Fiuza, director da Banda de Música Municipal de Lugo
As obras interpretadas durante a xornada de onte, ambas de autoría galega, dan a ver a alta calidade das novas xeracións de compositores galegos. A primeira das composicións, “Vodas de Sangue” do compositor coruñes León Durán, trátase dun poema sinfónico inspirado na traxedia homónima do dramaturgo Federico García Lorca. Esta peza composta no ano 2022 foi Primeiro Premio con mención de honra no “I Concurso Internacional de Composición Emili Giménez Bou”, celebrado en Cullera, e estrenada por primeira vez en Galicia de man da Banda Sinfónica Galega.
Por outra banda, a segunda obra interpretada foi “Choivas das Cíes”, de Luís Serrapio Fernández, peza musical que representa os diferentes tipos de choivas que se dan lugar nestas illas. Ademais, tamén esta foi unha obra cuxa estrea mundial realizou a BSG na primeira parte do encontro que tivo lugar o pasado maio no concello de Valladares.

A dirección artística deste proxecto recaeu no director crucés David Fiuza, que conta no seu currículo coa dirección de diversas agrupacións galegas de renome, como a Banda Unión Musical de Meaño, a Banda Artística de Merza ou a Banda de Lalín, outras de fora do territorio galego como a Banda Sinfónica do CIM “La Armónica” de Buñol, a Gran Canaria Wind Orchestra ou o Mallorca Saxophone Ensemble, así coma outras de natureza municipal como a Banda Municipal de Santiago ou a Banda de Música Municipal de Lugo, da que é o director titular na actualidade. Alén disto, é director titular da Banda Sinfónica Galega dende o ano 2022, banda coa que tamén participou no WMC de Kerkrade.