A Pedreira, Faia, Sabela, Rumia ou Nadie González, triunfadoras nos Martín Códax

Foto de familia dos gañadores e gañadoras dos Premios Martín Códax 2025 © Músicas ao Vivo

Na gala, Músicas ao Vivo apelou a fortalecer a contratación de artistas galegos e tamén reclamou á unión da comunidade musical e defendeu o acceso á cultura de toda a cidadanía

A música galega viviu este mércores a súa gran noite de celebración anual. No Pazo da Cultura de Pontevedra entregáronse 12º Premios Martín Códax, que recoñeceron os mellores artistas e proxectos musicais do país, nunha gala na que Leilía recolleu o galardón honorífico que recoñece a súa traxectoria e na que os recentemente finados Emilio Cao e Piti Sanz foron tamén homenaxeados.

Foi unha gala na que, no ano das cantareiras, se botou a vista atrás, ás gardiás da tradición, e na que ademais un gran número de mulleres obtiveron cadanseu galardón: A Pedreira, Faia, Sabela, Helena Egea, Rumia, Nadie González ou María Domínguez, entre outras. Así mesmo, Músicas ao Vivo apelou a fortalecer a contratación de artistas galegos e tamén reclamou á unión da comunidade musical e defendeu o acceso á cultura de toda a cidadanía.

O premio ao mellor Artista Emerxente foi para Paracetafolk, da Costa da Morte

Na gala, presentada por Lupe Blanco e Xisco Feijóo, coa música ao vivo do grupo Ailá e que homenaxeou á oralidade e á música tradicional, acompañaron á directiva de Músicas ao Vivo representantes das entidades e institucións que apoian os Martín Códax da Música.

De Ninghures, coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí, recolleu premio en Folk. A rapeira viguesa Nadie González resultou premiada en Músicas Urbanas coa súa proposta inspirada na poesía de Xela Arias, Rosalía, Alejandra Pizarnik e Alfonsina Storni. 

Tamén se recoñeceu o traballo de Os John Deeres na categoría Rock e Punk; con case dúas décadas de andaina o grupo ven de editar o disco O círculo das formigas. Un dos proxectos musicais máis celebrados no último lustro en Galicia, a Orquestra Galega de Liberación, dirixida por Xacobe Martínez Antelo e da que forman parte 20 intérpretes, recibiu o premio na categoría de Jazz e Músicas improvisadas

O discurso da directiva de Músicas ao Vivo levantou aplausos ao apuntar que os artistas non poden quedar á marxe de situacións que afectan á cidadanía como o proxecto de Altri ou o xenocidio israelí

Ademais, a entrega do melómano na categoría de Artista Emerxente era unha das máis agardadas da noite en Pontevedra. No Pazo da Cultura, os tres finalistas Ash Diz, Paracetafolk e Ulex, nunha categoría que nacía en 2022 para apoiar carreiras artísticas e visibilizar novos talentos musicais. Finalmente os aplausos da gala foron para Paracetafolk, grupo que debutou o pasado ano cunha proposta musical, desde a Costa da Morte, baseada en arranxos e composicións propias, e mesmo algunha peza que mestura o tradicional con pop-rock.

Entregáronse tamén os Premios Organistrum, que recoñecen en cada edición aos cómplices necesarios da música ao vivo: salas, festivais e proxectos de comunicación. A Sala Rebullón, en Mos, foi recoñecida na primera categoría, as Festas do Barrio de San Pedro, en Santiago de Compostela, na segunda, e CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña desde 1996, recibiu o galardón como medio de comunicación.

 

🟪🟧🟦EN VINTE🟪🟧🟦

Leilía foron as protagonistas da recta final da gala, na que recibiron un aplauso longo e cálido para o Premio Honorífico 2025

O discurso da directiva de Músicas ao Vivo levantou aplausos ao apuntar que os artistas non poden quedar á marxe de situacións que afectan á cidadanía como o proxecto de Altri e, no ámbito global, o xenocidio israelí. Xa en referencia ao sector musical, Músicas ao Vivo reclamou fortalecer a contratación de proxectos galegos na programación cultural do país. "É preciso poñer aos músicos e músicas no centro porque somos os que facemos a música. E non descoidar ao público e a obriga de facilitar o acceso á cultura a todos os cidadáns, con independencia de onde vivan ou dos recursos dos que dispoñan", sinalaron. 

Ana Rodríguez, Patricia Segade, Mercedes Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade e Rosario Rodríguez, as voces e pandeiretas de Leilía, foron as protagonistas da recta final da gala, na que recibiron un aplauso longo e cálido para o Premio Honorífico 2025. O presidente das Bodegas Martín Códax, Xoán Allegue, foi o encargado de entregárllelo xunto á directiva de Músicas ao Vivo representada por Sheila Patricia, presidente, Patty Castro, Silvia Penide e Tomás Díez. 

Premios

  • Metal e heavy: Brutal
  • Canción Autor/a: A Pedreira
  • Blues, Funk e Soul: Helena Egea
  • Electrónica: Rumia
  • Rock e punk: Os John Deeres
  • Músicas urbanas: Nadie González
  • Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena: A Banda da Balbina
  • Música Clásica e Contemporánea: María Domínguez
  • Jazz e Músicas Improvisadas: Orquestra Galega de Liberación
  • Pop e Indie: Sabela
  • Músicas do Mundo e Mestizaxe: Fanfarria Taquikardia
  • Música Infantil: Brais das Hortas
  • Folk: De Ninghures
  • Música Tradicional: Faia
  • Bandas de Música Popular: Banda de Música Municipal de Caldas de Reis
  • Artista Emerxente: Paracetafolk

 

  • Salas: Sala Rebullón
  • Festivais: Festas do Barrio de San Pedro (Santiago de Compostela)
  • Proxectos de Comunicación e Difusión: Cuac FM
  • Premio Honorífico 2025: Leilía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.