Leilía, homenaxeadas nos Premios Martín Códax polo "papel pioneiro" na recuperación do cancioneiro tradicional

Leilía, en concerto © Óscar Antón

A formación, que se despediu o ano pasado dos escenarios tras máis de 30 anos de traxectoria, recollerá na gala do 28 de maio en Pontevedra o premio honorífico dos galardóns, que destacan a súa importancia como "transmisoras deste legado" e que abriron camiño a outras bandas e artistas

No ano no que as Letras Galegas recoñece as cantareiras e a música popular de transmisión oral, Leilía non podía ficar fóra das homenaxes. Este martes Músicas ao Vivo vén de anunciar a concesión do Premio Honorífico Martín Códax da Música 2025 á formación, que se despediu o ano pasado dos escenarios tras máis de 30 anos de traxectoria. 

O vindeiro 28 de maio, as Leilía recollerán no Pazo da Cultura de Pontevedra o seu galardón e o aplauso da comunidade musical galega, nunha homenaxe ao traballo feito, nun momento no que a oralidade e o canto tradicional, grazas en boa parte á andaina das Leilía, gozan de moi boa sáude entre as novas xeracións de artistas e públicos. Será nunha gala que estará moi conectada tematicamente co Día das Letras deste ano 2025, dedicado ás cantareiras e á poesía tradicional oral e que será transmitida pola plataforma agalega.gal.

As integrantes de Leilía © Cedida

Ana Rodríguez, Patricia Segade, Mercedes Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade e Rosario Rodríguez son as voces e pandeiretas de Leilía, a primeira agrupación de cantareiras que empezou a dar concertos en bares e pubs

Ana Rodríguez, Patricia Segade, Mercedes Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade e Rosario Rodríguez son as voces e pandeiretas de Leilía, a primeira agrupación de cantareiras que empezou a dar concertos en bares e pubs. 

No anos oitenta comezaron a ir polas aldeas a recoller aquel cancioneiro que pervive grazas á transmisión oral e foron construindo o seu repertorio. Xotas, muiñeiras, alalás...as voces e pandeiretas de Leilía transmitiron ao público durante máis de tres décadas o papel das mulleres na conservación e transmisión do legado musical tradicional. As Leilía insistiron en moitas ocasións que sen as "informantes", aquelas mulleres que manteñen a tradición, o grupo non existiría. 

A súa irrupción colocou a pandeireta no centro fronte ao predominio da gaita e da inspiración celta que marcaban a música galega

Leilía naceu como grupo en 1989 en Santiago. En 1991 obtiveron o premio ao mellor grupo folk-tradicional na II Mostra Cidade Vella  de Compostela, e en 1994 editaron o seu primeiro disco, homónimo, obtendo unha gran repercusión ao colocar a pandeireta no centro fronte ao predominio da gaita e da inspiración celta que marcaban a música galega naquela altura. 

Leilía, durante a súa actuación no Culturgal © Moncho Fuentes

No ano 2023 anunciaron o seu adeus aos escenarios. Nos seus  últimos concertos destacaron o seu "orgullo" por "non desviarse do seu obxectivo inicial recuperar a tradición das aldeas e que todo o mundo coñecese a tradición oral galega”

A este primeiro traballo discográfico, seguiron I é verdade, i é mentira (1998) , Madama (2003), o recopilatorio Son de Leilía (2005), Consentimento (2011) e Vidas Cantadas (2023). Nestes anos xiras e festivais leváronas por toda a Península Ibérica e tamén por países como Alemaña, Polonia, Suíza, Finlandia, Holanda, Arxentina ou Brasil. No ano 2023 anunciaron o seu adeus aos escenarios. Nesta entrevista en Praza.gal destacaban que "chegamos a tempo para ser ponte directa entre as aldeas e o presente"

En 2024, ano da despedida, recibiron a Medalla Castelao polo seu papel clave na recuperación da música tradicional. Neses últimos concertos destacaron o seu "orgullo" por "non desviarse do seu obxectivo inicial recuperar a tradición das aldeas e que todo o mundo coñecese a tradición oral galega”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.