Leilía ofreceu este sábado no Culturgal o que foi un dos seus últimos concertos. O Auditorio do Pazo da Cultura, en Pontevedra, púxose en pé para despedir unha banda que xa é historia da música galega.
Leilía despídese con orgullo por non desviarse do seu obxectivo inicial: "Recuperar a tradición das aldeas e que todo o mundo coñecese a tradición oral galega”
As súas integrantes declaráronse orgullosas de todo este tempo "xuntas", sen terse desviado do que sempre foi o seu obxectivo: "Recuperar a tradición das aldeas e que todo o mundo coñecese o que era a tradición oral galega”.
Leilía puxo o ramo a un día marcado pola música tradicional no Culturgal, que acolleu tamén concerto de Ailá, banda formada ao abeiro da Casa das Crechas, que basea o seu repertorio no respecto á música patrimonial galega: muiñeiras, xotas, maneos e pasodobres resoaron nun Pazo da Cultura ateigado de xente na tarde do sábado.
"Leilía e Ailá tornan en torreiro o chan do Pazo da Cultura", proclamou a organización do Culturgal sobre unha xornada que tivo moito máis.
Alén do musical, como explican desde o Culturgal, Paula Carballeira "sacudiu cun calafrío" coa estrea do podcast 13 Avisos. Historias para escoitar á noite. Rocío González, Xosé Barato, Nuria Sanz, Chiqui Pereira e a propia Paula Carballeira locutaron en directo o primeiro episodio, que a partir de hoxe estará dispoñible nas distintas plataformas e cada sábado verá a luz un novo capítulo.ç
O podcast intenta “explicar o inexplicable para poder durmir pola noite, sen temor aos pesadelos”, explicaba a directora na introdución da peza, que tamén insistiu en que as opinións recollidas son súas. “Non lle botedes a culpa a ninguén máis”, brincaba.
O Culturgal acolleu a estrea do podcast ‘13 avisos: historias para contar á noite’, de Paula Carballeira
Ademais, Bernardo Atxaga visitou Culturgal para presentar a tradución ao galego da súa obra Exteriores do paraíso, editada por Kalandraka. Un acto no que o autor vasco reivindicou a importancia da tradución no sistema cultural galego, traendo para a nosa lingua obras doutras culturas.
“A imaxinación é o grande aliado do escritor, o texto sen unha persoa que o lea, que o leve á imaxinación, que está chea de imaxes e experiencias, sería un texto moi pobre. Non hai imaxes que poidan competir coas da imaxinación”, dixo Atxaga.
Horas antes, o Culturgal acolleu unha sesión de slam de poesía oral e palabra falada, organizada polo Poetry Slam Compostela, cos autores Diego Negro, Samuel Merino e Paula Pier. Pola tarde, foi a quenda de Duoversos, unha proposta inflamable da man de Marga Tojo e Samuel L. París.
Por último, o público puido coñecer en exclusiva na Feira avances de seis filmes aínda sen estrear, que marcarán as carteleiras no próximo ano: Filmei paxaros voando (Sétima), Cine Paraíso, Leiro (Noveolas Producións), La Parra (Filmika Galaika), Da túa man para a miña (Miramemira), Aurora (Gaita Filmes) e As neves (Cósmica). O auditorio foi tamén sala de proxección do filme Honeymoon, de Enrique Otero.
Este domingo será unha xornada para celebrar os éxitos do cinema galega neste ano coas películas O Corno e Matria, ambas as dúas finalistas en diferentes categorías dos premios Goya.
Será a última xornada da 16ª edición da Feira das Culturas Galegas, que dispuxo xa dun lote de actividades e actos o pasado venres. Nese primeiro día acolleu a estrea de Kennebec, un espectáculo que une a Mónica de Nut e Iria Pinheiro entre o escénico e o musical. Tamén desfilou polo escenario DES A MAR ultrasónico, un proxecto no que o compositor Álvaro Iglesias recrea en melodías os poemas da escritora Elba Pedrosa.
Tamén chegou ao público o novo proxecto de Talía Teatro: Teatro foro sobre a pornografía na adolescencia, presentáronse as actividades que servirán para conmemorar o 40º Aniversario do Centro Dramático Galego, cun avance do espectáculo de monicreques que prepara Teatro ó Cubo.